A felicidade que vén

O mes de maio, de metade do mandato municipal, debera ser declarado oficialmente “o mes da felicidade”. É o comezo da longa precampaña, cara ás novas municipais. Isto fai que, de súpeto, todos os problemas da cidade desaparezan e anúnciense cambios transcendentais na traza urbana e social, que – suponse – van a mudar de xeito radical a vida da cidadanía.

O importante non é a realidade, senón a sensación a transmitir. Debemos convecermos de que estamos equivocados, vivindo unha realidade paralela á oficial e, polo tanto, na nosa burbulla. Todo é xestión fecunda e todo o novo será realidade en breve. Se xa desde dentro, os propios funcionarios municipais transmiten a idea dun parón nas cousas do día a día, debemos consideralo un sinal equívoco, por exemplo.

Mentres, hai quen anuncia unha nova “invasión” en toda a comarca, para este verán por mor dos “pisos turísticos”, e cada día pasan cousas que cuestionan a seguridade cidadá. A primeira vez que oín iso de “abrir Ferrol ao mar” creo que foi no mandato do alcalde Manuel Couce e, tamén, o de “a cidade do deporte”. Da conexión ferroviaria coa Coruña levaba eu pantalón curto… E asegúrolles que, coma todos vostedes, desexo a felicidade que vén.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/felicidade-ven-5306958

Xohana Torres

As cousas hai que dicilas como son. “As poetas da colección Salnés”, editado por Galaxia, traballo de Patricia Arias Chachero, debe ser considerado un agasallo a Ferrol. Permítenos traer a colación outra vez a Xohana Torres. Ela tan vinculada á nosa cidade que normalmente se lle coñece como a poetisa ferrolá.

Xohana Torres forma parte desta publicación, porque foi a primeira muller que publicou na emblemática Editorial Galaxia (“Do Sulco”, 1957), que celebra agora os seus setenta e cinco anos de existencia.

Xohana foi alumna de Carvalho Calero e será unha ferrolá por sentimento e corazón. Coa súa decisión de ser unha escritora en galego, formará parte de todo ese mundo de resistencia cultural ao uniformismo nacional-católico, machista e desigualitario que supuxo a ditadura.

Patricia Arias di de Xohana Torres que é una poeta diferente, cunha forte personalidade, dunha sólida formación e cunha capacidade estética moi particular. Que vive con autenticidade. E así, comparte espazo con Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, Manuela Couto e Anne Marie Morris. As poetas do Salnés. Na súas páxinas tamén atoparemos referencias a persoas, tan achegadas a esta comarca, como Rubia Barcia e Ernesto Guerra da Cal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xohana-torres-5298358

Cantares

Sempre que miro cara á música popular do noso país, tanto ás cantareiras como á restante música de raíz, lévame a Rosalía e os “Cantares Gallegos”. Dicía ela que tivera o atrevemento de dar a publicar un libro que pretendía recoller, da súa man e oído, a beleza dos nosos cantares populares. Isto explica a íntima relación dela coas cantareiras, e esa relación entre música e poesía será uns dos fíos que, tamén, desenvolverán persoas como Luísa Villalta.

Seguramente, na publicación dos “Cantares”, Rosalía non foi consciente de que con ela rexurdía a nosa cultura e, amais, foi un feito histórico que unía Galicia coa modernidade da súa época, ao reivindicar a nosa identidade como país. Algo que vai a suceder con outras culturas de grandes nacións europeas, fronte á uniformidade herdada das vellas guerras napoleónicas.

Mais, é certo que a música popular galega, aos que fomos criados en barrios obreiros chegounos por outras vías. Xunto ao “hard rock” o que ás veces oíase eran Os Tamara, Ana Kiro, Pucho Boedo e, de xeito especial, Amancio Prada. Se Rosalía é a máis cantada na nosa terra, este último debe ser quen máis traballos musicais ten coa súa poesía. Eles, todos, son cultura viva de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cantares-5291096

O gran apagón

Estes días hai moitos comentarios interesados e “expertos” que representan intereses mercantís de grandes grupos de presión. Pero, certas son algunhas cousas. A primeira que o luns 28 de abril, seguramente moi a pesar da Le Pen española, non se presentaron os catro xinetes do Apocalipse e esa noite non foi a da Gran Purga. A actitude exemplar da cidadanía fixo de vacina e os servizos esenciais fixeron funcionar o país.

Talvez hai un certo temor a que volva a acontecer outro gran apagón. Iso deixa á claras a necesidade dun gran sector eléctrico público, que non estea nas mans de aqueles que só miran a súa conta de resultados. Hai quen non quere defender o ben xeral e non ten pudor para presentarse como simples comerciais deses intereses. Dá igual o que fagan, o debate das nucleares o teñen perdido, hai que cumprir a súa folla de ruta para pechalas (e punto).

Outro dos argumentos para un gran sector eléctrico e un regulador totalmente públicos é que se algo queda constatado coa chamada “excepción ibérica” que acabaron exportando á Unión Europea, é que España ten capacidade para xerar enerxía limpa e a prezo barato. É cuestión de vontade política e de recoñecelo como un dereito cidadán fundamental.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/gran-apagon-5280324

Os libros arden mal

Levaba bastante detrás del. Nestes tempos comeza a ser difícil atopalo, pero como di o seu autor, Manuel Rivas, “os libros hai que agardar por eles”. Tiven que esperar a unha libraría de Vigo. Supoño, ademais, que unha nova impresión sería moi custosa polas súas setecentas cincuenta páxinas. Esta primeira edición vén cunha tarxetiña con anotacións do escritor, con referencias a García Lorca e Ánxel Casal e á queima de libros acontecida en agosto 1936 na Dársena da Coruña. En Ferrol, pasou o mesmo nesa data na entón coñecida como “Praza Roxa”, por ser alí onde acababan as grandes manifestacións da cidade nesa época. Hoxe, xa esquecido ese nome é agora, simplemente, a praza do Marqués de Amboage.

Outro dos libros que quixera para á miña biblioteca é “Lo que Varguitas no dijo”, cuxa autora Julia Urquidi foi a primeira esposa do recentemente falecido Vargas Llosa. Aquel primeiro matrimonio vai ser a inspiración para unha das grandes novelas do peruano: “La tía Julia y el escribidor”. Este autor, a pesar da distancia ideolóxica, resúltame unha referencia fundamental na literatura contemporánea actual. Entre outros libros del gardo, con moitas notas propias, “La tentación de lo imposible”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/libros-arden-mal-5272463