Un café en Escandoi

Teño nas mans o último libro dedicado de Ramón Loureiro, “La bendición de las estrellas”, porque fai unhas poucas semanas puiden asistir á presentación, que a cargo de Manuela Santos – decana de Humanidades – tivo lugar no Campus de Ferrol.

Di César Antonio Molina que o autor “mistura neste diario o mundo real co máxico, o tempo real co intemporal que ocupa moita parte da súa mente” e que neste libro ten “especial relevancia o mundo celta e medieval artúrico con Merlín á cabeza. Pero, tamén o mundo clásico mediterráneo. E, por suposto, xamais desdeña a actualidade…”.

Ese día era a miña intención quedar até finalizar a presentación, xa que Ramón sempre ten algunha achega interesante que ábrenos o camiño a novos lares. Pero, iso non foi posible. Ao marchar Loureiro díxome – facendo un alto na súa exposición – que tíñamos un café pendente.

O que el non sabe é que o Merlín máis eu xa estamos confabulados. Quedou en axudarme cun conxuro, para así eu poder “roubarlle algo” – xa sei que isto non é de bos amigos, pero éche o que hai – polo que levo anos devecendo. “Expropiarlle” o manuscrito de “O corazón portugués”. Por favor, non llo conten. Isto será un segredo entre vostedes máis eu. En débeda quedo.

Seguridade Cidadá

A pasada semana Ferrol parecía estoupar. Hai dúbidas sobre moitos aspectos, pero o que sabemos é que a Xustiza está a investigar un posible delito contra a liberdade sexual dunha muller. A “esquizofrenia virtual” vivida nas redes sociais, alimentada – en moitos casos – por aqueles que negan a existencia da violencia de xénero, deixa ás claras as deficiencias nos campos educativo, cultural, de prevención e asistencia social, así como na seguridade cidadá, unha vez máis.

Con respecto a isto último, vemos como aínda seguimos a sufrir os recortes da etapa Montoro – Rajoy, cunha evidente falta de medios e persoal nos diversos corpos policiais. O pouco peso de Galicia na política estatal, máis cunha Xunta empeñada en bailar ao son do dúo Almeida – Ayuso, fan que os investimentos en seguridade cidadá vaian con atraso.

Igual os tempos son chegados e hai que pór sobre a mesa, a calor cás competencias previstas no Estatuto galego – tendo en conta os efectivos actuais de Garda Civil e Policía Nacional no conxunto de Galicia – a necesidade imperiosa de desenvolver unha verdadeira Policía Autonómica integral, en vez de seguir á “espera de Madrid”. Claro que para isto a Xunta tería que ter vontade política.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/seguridade-cidada-5389548

A modernidade de Otero Pedrayo

Fomos fillos da Transición á Democracia, pero non souberon explicarnos os clásicos galegos. Eles eran algo da nostalxia, perdido alén nun ruralismo que non casaba con nós, a primeira xeración de cultura netamente urbana. Para nós, a mocidade de aqueles anos, a cidade representaba a liberdade e o presente modernizador. Para nós, fillos duns pais galegos-falantes que educáronnos en castelán, por ser esta a lingua de prestixio social.

Así, Ramón Otero Pedrayo era un señor moi maior que se presentaba nas clases de lingua e literatura como algo alleo e dunha Galicia que xa non existía. Ninguén foi capaz de contarnos, por exemplo, que el sería o tradutor ao galego do “Ulises” de James Joyce. Obra literaria que racharía coa forma de entender a escrita, alumeando un novo xeito de facer literatura.

Otero, como toda a xeración Nós, vai personificar ese impulso da nova modernidade. Amosando a capacidade da nosa lingua para estar e entender o mundo, en igualdade cos demais idiomas e culturas. En 1926 publicará varios fragmentos do “Ulises” de Joyce, que deixa ás claras o interese de toda unha xeración por vincularse ao movemento anovador que percorría Europa de punta a punta. Modernidade e universalidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/modernidade-otero-pedrayo-5381306

Vivir en Ferrol?

Agora non hai unha oposición, como no mandato anterior, que poida tumbar as iniciativas do grupo de goberno, grazas á súa maioría absoluta. Pero, a propaganda non soluciona os problemas cotiás da cidadanía ferrolá. Nin tampouco o anuncio da reurbanización de grandes áreas como a do Sánchez Aguilera que, no mellor dos casos, comezará coa vindeira convocatoria electoral municipal.

Este verán vimos como se anunciaba unha suba impresionante dos prezos da vivenda, tanto para a compra como para alugueiro. Dende Canido alertaban de que veciños de toda a vida están a marchar, producindo iso que algúns levamos tempo alertando e que se chama xentrificación. Palabra que non forma parte do vocabulario político local.

Mentres, hai estudantes que están a pagar oitocentos euros por unha habitación individual en Ferrol, tal como recollía este xornal, ou vemos como se revenden inmobles da Sareb – pagada por todos para salvar á banca – a prezos desorbitados. Os únicos proxectos de vivenda alcanzable son anuncios do ministerio de Vivenda, pero que tardarán en ser realidade tanxible. E cal é o aporte das vivendas turísticas? Onde están os seus ocupantes, cun centro da cidade baleiro de turistas neste mes de xullo?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vivir-ferrol-5374146

Gramática da fantasía

Resúltame estraño que a literatura para nenos poida ser considerado un xénero menor. Antón Cortizas a define como aquela que tamén pode ser lida polos máis pequenos. A experiencia di que as nenas e os nenos son moi esixentes como lectores e, polo tanto, hai que encontrar as técnicas e as narrativas axeitadas. Hai que ir máis alá dos relatos para recuperar a nosa vida perdida ou aquela que non tivemos, como pasa na literatura de adultos.

Gianni Rodari fará nos anos sesenta do século pasado un longo periplo polas escolas infantís buscando respostas a como é que se inventan as historias. Buscará xogos nos que incluír como participantes plenos aos máis pequenos, onde estes non sexan simples consumidores, senón persoas que crean e producen valores e cultura.

Usar unha simple palabra e de cada letra dela derivar outras e, así, artellar un relato curto resulta ser unha base máis que suficiente para comezar a crear historias, pero – evidentemente – hai que lograr a participación e a plena identificación das nenas e dos nenos. A inspiración resulta ser filla de querer xogar coas palabras e da constancia. Un relato é como as ramas dunha árbore. Diso Rodari e a súa “Gramática da fantasía” saben moito.

https://kalandraka.com/gramatica-da-fantasia-galego.html