Falsos profetas

Resulta imposible intentar un diálogo con que ten a mentira e o insulto como método para non avaliar a súa propia xestión, chea de mala praxe e soberbia. Todo para non contradicir o seu credo liberal. Pero, o mercado de seu non arranxa nada, necesita da intervención pública, de sentido común e de investimentos non especulativos. Só uns potentes servizos públicos garantan o benestar cidadán.

A estratexia usada é moi básica. Unha vez producido o desastre, fan ruído coa axuda do seu coro mediático, para presentarse como os únicos que poden solucionar eses mesmos problemas que non souberon atallar. Así que xa pode Pedro Sánchez propor calquera cousa, outros están ao fácil: eludir as súas incapacidades sinalando un inimigo externo ao que demonizar e sementando odio.

Pero, xa que presumen da súa suposta identidade cristiá, igual hai que lembrarlles algúns versículos da propia Biblia. Por comezar, Mateo 7.15, pasaxe que fala dos falsos profetas con aparencia de ovellas e lembra aquela máxima de “polos seus froitos coñecerédelos”. Tamén poden mirar Mc13.22, 2P2.1 ou se o prefiren Ap19.20. Como non son crente, descoñezo como será o purgatorio, pero sempre quedaranos a definición de Dante Aligheri.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/falsos-profetas-5413690

https://www.abibliagalega.com/

Vida

Supoño que son rachas que hai no transcurso da vida das persoas. Pero, un leva algúns meses despedindo a amigos, e familiares de persoas do meu entorno máis íntimo. Así, a vida foise achicando neles cando pola súa idade non lles correspondía aínda. Do mesmo xeito, que non somos nós cando decidimos vir á vida, tampouco decidimos “cando toca marchar”. Houbo quen marchou de súpeto, dun momento para outro, sen máis. Houbo quen sabía que tiña o tempo contado, “decidiu” como quería vivir a etapa final e como marchar.

Todos deixan baleiros e desasosegos. Faltan a ese café e a ese faladoiro, ou a esas “quedadas” ocasionais que fanse costumes, polo simple feito de volver a encontrarmos en calquera rúa, na que se reinicia aquela conversa de hai tempo como se fora duns minutos antes.

Elas e eles ensináronnos a ser, a crecer e a estar, a amar, chorar e a rir. Para todas elas e todos eles que marcharon, vai a lembranza das amigas e dos amigos, das familias, da xente que sempre os quixeron e seguimos a querelos. Sabemos que tamén somos porque elas e eles formaron parte da nosa vida. Somos testemuña do seu paso e do seu saber facer. Todos somos fillos desta terra e deste tempo. Apertas afectuosas para o alén.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/articulo/opinion/vida-5407720

Xeopolítica e cultura

Chegou ás miñas mans o libro “La ambición estratégica de España”, editado por Dykinson, a iniciativa do Instituto Universitario Xeneral Gutiérrez Mellado. Unha aproximación – que necesita dun amplo debate – a conceptos e ideas que artellan as distintas estratexias diso que chaman “seguridade nacional” no momento actual, centrándose no que afecta ao Estado español, e á nosa relación con Europa, a América hispana e a OTAN.

Como neófito evidente, quixera facer un par de apuntes. A moi poucas millas do porto de Ferrol pasa a grande autoestrada marítima do Atlántico, de mercadorías, que procedentes de todo o planeta van camiño do centro de Europa. Non hai que lembrar, polo tanto, a importancia estratéxica desta cidade e de toda a nosa infraestrutura naval. Hoxe infrautilizada e que necesita dunha modernización axeitada, alén da construción das F-110.

No eido cultural, si, o castelán ten un papel central na posición estratéxica de España, mais obviar a relación coa Lusofonía, de xeito principal con Portugal e Brasil sería un craso erro. Talvez, algúns deberan pór en valor precisamente a Galicia, e o propio galego – como ponte natural – que no noso ensino debera estudarse xunto co idioma de Camões.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xeopolitica-e-cultura-5400262

https://www.dykinson.com/libros/la-ambicion-estrategica-de-espana/9791370060138/

https://www.uned.es/universidad/facultades/instituto-gutierrez-mellado.html

Un café en Escandoi

Teño nas mans o último libro dedicado de Ramón Loureiro, “La bendición de las estrellas”, porque fai unhas poucas semanas puiden asistir á presentación, que a cargo de Manuela Santos – decana de Humanidades – tivo lugar no Campus de Ferrol.

Di César Antonio Molina que o autor “mistura neste diario o mundo real co máxico, o tempo real co intemporal que ocupa moita parte da súa mente” e que neste libro ten “especial relevancia o mundo celta e medieval artúrico con Merlín á cabeza. Pero, tamén o mundo clásico mediterráneo. E, por suposto, xamais desdeña a actualidade…”.

Ese día era a miña intención quedar até finalizar a presentación, xa que Ramón sempre ten algunha achega interesante que ábrenos o camiño a novos lares. Pero, iso non foi posible. Ao marchar Loureiro díxome – facendo un alto na súa exposición – que tíñamos un café pendente.

O que el non sabe é que o Merlín máis eu xa estamos confabulados. Quedou en axudarme cun conxuro, para así eu poder “roubarlle algo” – xa sei que isto non é de bos amigos, pero éche o que hai – polo que levo anos devecendo. “Expropiarlle” o manuscrito de “O corazón portugués”. Por favor, non llo conten. Isto será un segredo entre vostedes máis eu. En débeda quedo.

Seguridade Cidadá

A pasada semana Ferrol parecía estoupar. Hai dúbidas sobre moitos aspectos, pero o que sabemos é que a Xustiza está a investigar un posible delito contra a liberdade sexual dunha muller. A “esquizofrenia virtual” vivida nas redes sociais, alimentada – en moitos casos – por aqueles que negan a existencia da violencia de xénero, deixa ás claras as deficiencias nos campos educativo, cultural, de prevención e asistencia social, así como na seguridade cidadá, unha vez máis.

Con respecto a isto último, vemos como aínda seguimos a sufrir os recortes da etapa Montoro – Rajoy, cunha evidente falta de medios e persoal nos diversos corpos policiais. O pouco peso de Galicia na política estatal, máis cunha Xunta empeñada en bailar ao son do dúo Almeida – Ayuso, fan que os investimentos en seguridade cidadá vaian con atraso.

Igual os tempos son chegados e hai que pór sobre a mesa, a calor cás competencias previstas no Estatuto galego – tendo en conta os efectivos actuais de Garda Civil e Policía Nacional no conxunto de Galicia – a necesidade imperiosa de desenvolver unha verdadeira Policía Autonómica integral, en vez de seguir á “espera de Madrid”. Claro que para isto a Xunta tería que ter vontade política.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/seguridade-cidada-5389548