O tren da esperanza

Este domingo Ferrol volveu a recuperar o seu espírito de desconformidade, negándose a deixar pasar máis tempo por unhas infraestruturas ferroviarias, que como todo territorio europeo merece neste século. O movemento cultural, veciñal – todo o movemento asociativo – foi quen de crear un Foro Cidadán polo Ferrocarril unitario, que logrou unha mobilización moi importante, reflectindo as inquedanzas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O primeiro éxito foi marcarlle a axenda a todas as formacións políticas e á propia Xunta de Galicia. Rachar con ese muro de silencio, que serviu a administracións estatais de toda cor política esquecer ao noroeste galego. Máis de aqueles que consideran que Galicia comeza e acaba na cidade herculina e en Punta Langosteira. Unha clara falta de visión atlántica, por ser incapaces de entender as sinerxías que as nosas comarcas suman ao país. A nosa vocación industrial é o noso mellor aval.

Mais, deberemos manter a alerta. Uns e outros quererán xogar cos prazos. Seguir a demorar débedas históricas, especialmente cando hai quen non quere que sumemos o noso potencial industrial e portuario, ou que reclamémonos como a saída natural da área económica da capital luguesa.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-03/o-tren-da-esperanza-822346.html

Carmen Menéndez

Estes días poderemos escoitar a Jorge, fillo menor de Carmen Menéndez e Santiago Carrillo. Estará en Ferrol para presentar un libro que trata a historia da súa avoa María e da súa nai: “Luchadoras”, editorial Almuzara.

Facendo memoria teño que remontarme a uns trinta anos cando por primeira vez vin a Carmen Menéndez que, xunto co seu marido Santiago, pasaban uns días de descanso no Pirineo aragonés, en Morillo de Tou. Tardariamos moitos anos en volver a coincidir. Foi aquí, na nosa cidade, nas últimas visitas que ela máis Santiago Carrillo, fixeron da man da Asociación Fuco Buxán, cando puidemos compartir algunha que outra charla arredor de algún café e de algunha cea.

Carmen Menéndez representa moi ben a esas moitas mulleres que tiveron un papel fundamental na loita contra a ditadura e na Transición. Certo é que nunca se lles recoñeceu o que elas aportaron para que o franquismo fora definitivamente derrotado e se abrira o país á democracia. Igual hai quen pensa que foi a loita antifranquista cousa dos homes. Sen elas non houbéramos tido a democracia. Grazas a Carmen, e a moitas como ela, isto foi posible e, a maiores, foron o xerme da actual movemento feminista e das súas conquistas.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-26/carmen-menendez-820820.html

Con Victoria Fernández e Carmen Menéndez:

Todo é mentira?

As persoas que me coñecen saben que non son eu, precisamente, un fan de todas estas novas tecnoloxías e aplicacións que se poden descargar – din que “de balde” – no teléfono móbil. Observo a enorme adición que temos con el, que xa está presente en calquera momento e lugar. As boas formas e a educación están a quedar a un lado. Pero, o único que provoca este situación é que vivimos de xeito máis axitado e, curiosamente, tenos illados e para nada comunicados.

Estes días ensináronme unha nova aplicación diso que chaman “intelixencia artificial”. Tras tirar unha simple foto, a “ia” da que falo a transformaba nun vídeo con movemento e poñía á persoa en cuestión a falar nun idioma estranxeiro.

Non dubido que hai enormes posibilidades para estas novas “intelixencias” (como as que se aplican na medicina), mais os perigos son evidentes. Se hai denuncias xudiciais, baseadas en recortes oportunistas de prensa, para provocar un calvario a determinadas persoas que non caen en graza aos da longa noite de pedra, non quero saber que pode pasar cando se usen vídeos falsos, que simulen cousas que non fixemos. O certo é que conseguen que ninguén saiba o que é verdade ou mentira. E así gañan eles, non nós.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-20/todo-e-mentira-819515.html

“Gorrillas”

Hai que recoñecer que iso dos “aparcadoiros disuasorios” é algo que a cidadanía acolleu moi ben. É un xeito que ter un sitio onde deixar o teu coche, especialmente para os empregados e veciños deses entornos. Outra cousa é o significado que poida haber tras a palabra “disuasorio”. Habería que saber con respecto a que. Especialmente, dada a localización de algún destes aparcadoiros. En todo caso, é un éxito dos seus promotores e dan “resposta” a unha demanda cidadá, á marxe – obviamente – dos criterios actuais de mobilidade.

Pero, a felicidade non vén nunca soa e hai que pelexar por ela. Tíñamos asumido que no aparcadoiro en superficie – fronte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -, esa incomodidade que supoñen os “gorrillas”, e que reclaman unha tarifa por ter tranquilidade cando deixas o teu coche alí. Mais, estes decidiron ampliar a súa “contrata” a outros lugares da cidade.

Resulta paradoxal a liberdade que algúns teñen para facer o que consideran. Alén da “anécdota”, é evidente que non teñen ningún prexuízo coas autoridades que teñen que abordar esta cuestión, se estes últimos son capaces de entender que as pequenas cousas importan e marcan a diferencia na cidadanía.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-12/gorrillas-817700.html

“Isaac”

Hai dez días houbo unha xornada no Ateneo Ferrolán sobre Isaac Díaz Pardo. Isto levoume a ler varios artigos del, publicados na revista “Atenea”, así como a revisar a súa intervención (de hai catro décadas) celebrando o traslado á actual sede desta entidade, cuxa gravación atópase a disposición do público nos fondos da súa biblioteca.

Isaac sempre tivo unha especial relación con Ferrol e coas súas diversas entidades culturais. Só hai que lembrar, que foi un dous de marzo do dous mil sete, cando nesta cidade fíxose unha homenaxe de toda Galicia, contando coa súa presencia. A pesar da súa aparencia fráxil, impoñía a súa determinación e o seu empuxe. Era herdeiro de toda unha xeira de persoas únicas, que durante os anos escuros da longa noite de pedra, decidiron ser luz dun país negado para a súa cidadanía. Seguramente, o derradeiro dos bos e xenerosos.

Isaac era cultura, empresa, compromiso, país. O abono para unha terra fértil. O referente ao que mirar cando un non sabe como continuar. Sigo a gardar un libro cunha dedicatoria súa, asinada a finais dun agosto do dous mil sete. Hai dez anos, houbo outras “Letras de Cambio” co mesmo título desta columna de hoxe. Non facía falta máis. Era Isaac.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-11-07/isaac-816605.html