O medo á liberdade

Hai algunhas décadas do meu paso polo centro de FP de Barallobre. Permítanme contarlles unha anécdota. Se eu algo odiaba, eran as lecturas obrigatorias. Talvez, por iso, eu deba manifestar a miña desculpa con Erich Fromm. Tíñamos como libro “O medo á liberdade”. Descubrín que, ao final de cada capítulo, había unha especie de resume. Cousa que usei para facer o traballo encargado na aula pola nosa profesora de Humanidades.

O certo é que nestes tempos, igual si é necesario volver ao profesor, humanista e sociólogo alemán. A este ateo, que descendía dunha familia de xudeus ortodoxos, e aos seus estudios sobre os nosos medos aos cambios e ao exercicio da liberdade. Fronte aos que defenden o regreso ao autoritarismo, para gañar o control sobre os demais, recorrendo á deshumanización e sinalamento do adversario. Á negación da palabra e a todo posible entendemento, que sirva para mellorar a vida e a capacidade de elección das persoas.

Máis, cando hai quen xustifica o exercicio da violencia política sobre os socialistas, como pasa co acoso que sofre Óscar Puente e a súa familia. Evidentemente, “O medo á liberdade” é un libro que lle recomendo ao deputado ferrolán Miguel Tellado. Sen acritude.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/medo-liberdade-4461562

Autoestima ferrolá

Acaban de pasar os cen primeiros días do novo mandato municipal en Ferrol. É certo que a maioría absoluta de José Manuel Rey facilítalle algunhas cousas: fixeron a reorganización municipal que estimaron oportuna. Ela permitiulle que nin tiveran bloqueos da oposición, nin houbo voces discrepantes de dentro do Concello. Tamén, hai que recoñecer a virtude do alcalde, que se vende como unha persoa máis achegada á xente na rúa.

Tras isto, unha vez máis, a maioría absoluta non é sinónimo nin de boa xestión, nin de saber que facer para que Ferrol avance como cidade europea que é. A política estatal contamina a local na pretensión de impoñer o pensamento único. Tanto que, desde o actual grupo de goberno, tiveron que desdicirse de graves acusacións contra o anterior alcalde.

As análises encontradas, sobre estes tres meses, só alimentan ás diversas parroquias. A maioría absoluta vai ser un impedimento para que haxa acordos por Ferrol? Vese como un dos grandes éxitos do anterior mandato, como foi traballar a prol da autoestima da cidade, fai augas. A falta de diálogo coa oposición, a incapacidade para corrixir erros na xestión e a “machada” do soterramento de San Francisco, dan idea dun mandato estéril. Oxalá estea equivocado.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/autoestima-ferrola-4452682

Un traxe a medida

Esta semana temos un par de convocatorias no Teatro Jofre. O ferrolán Javier Gutiérrez regresa a casa cunha nova obra teatral: “El Traje”. Obra escrita e dirixida por Juan Cavestany, e onde comparte escenario con Luis Bermejo. Só dous actores, pero capaces de abrir todo un mundo para a nosa imaxinación. Din as críticas que é un xogo de humor negro, case un thriller contra o consumismo feroz, a tolemia, a corrupción, a soidade e outros problemas da sociedade actual. Pero, tamén intriga e comicidade.

Un orgullo para Ferrol por ter a un dos nosos, como Gutiérrez, sobre a táboas do Teatro Jofre. Un orgullo por quen é un habitual e que podes atopar na rúa ou en calquera café ou restaurante da nosa cidade, que presume dela polo mundo adiante. Saber que hai xente, que co seu esforzo abre camiños para unha cultura, que aporta unha visión crítica e sacude a nosa zona de confort. De quen é un dos grandes actores deste país por méritos propios.

Son de aqueles que ten fe cega no poder sanador e emancipador da palabra. Aquí convertida en obra teatral, pero moi necesaria neste tempo, cando algúns, queren impoñer o pensamento único e volver -nunca mellor dito- aos tempos de aqueles traxes que buscaban comprar vontades.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/traxe-medida-4443876

Marrocos

Todos acabamos de ver as imaxes dantescas dos efectos do terremoto en Marrocos. Creo que a inmensa maioría compartimos as mensaxes de solidariedade coa súa poboación. Mais, como sociedade, debemos condenar aos elementos da ultradereita e da dereita extrema, que rebentaron o minuto de silencio en Barcelona coas vítimas.

Como país debemos estar agradecidos aos grupos de bombeiros que, desde distintos puntos de España, van a prestar axuda humanitaria e coa decisión do Goberno de Pedro Sánchez de ofrecer a asistencia de unidades da UME e que foi aceptada polo goberno marroquí.

Permítanme unha proposta á actual corporación municipal: que coa participación de todos os grupos políticos municipais co alcalde José Manuel Rey á fronte, recibiran de xeito oficial á comunidade marroquí local, que ademais levan xa moitos anos sendo veciños de Ferrol e con unha primeira xeración xa nacida aquí. Aproveitemos para que eses camiños paralelos que temos, e que rara vez se cruzan, sirvan para coñecernos mutuamente. Deixar de ser uns grandes descoñecidos. Unha sociedade como a ferrolá é tal, cando todos participamos e achegamos os nosos esforzos, visións e necesidades a este proxecto común de cidade en construción permanente.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/marrocos-4435152

Tapado expeditivo

Recoñezo o meu estupor, ante a última actuación do actual equipo de goberno de Ferrol. O tapado expeditivo dos restos, do que parece ser parte da antiga muralla medieval, a carón da Praza Vella, amosa un xeito moi preocupante de xestionar a cidade ante o afán de priorizar o tráfico rodado. Pódense entender as molestias para a cidadanía directamente afectada, pero a obriga de todo gobernante solvente é non caer no populismo simplón e buscar solucións axeitadas e en tempo prudencial. Isto último é xestión.

Teño curiosidade por saber se este “incidente” conta cos parabéns tanto do concelleiro de cultura, o señor Ponte Far, como da concelleira de Patrimonio Histórico, a señora Carmen García. Imaxinan que ante as dificultades que ten a Biblioteca Municipal, alguén decide soterrar os seus libros? Son conscientes do dano que pode ter para a imaxe exterior da cidade, así como para a candidatura de Ferrol ante a Unesco, esta actuación contra da muralla medieval?

Que dicir do papel xogado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia? Como mínimo, o seu papel debera ser moito máis “conservador”, en sentido estrito. Renunciar a un papel dinámico, en defensa do legado histórico, non é de recibo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/tapado-expeditivo-4423354