Lúa Nova no Ateneo

Hai un tempo quixen asistir á presentación da obra de Irene Montero na Libraría Cantón máis non puido ser. Pero, o club de lectura do Ateneo Ferrolán – dirixido pola profesora Ánxeles Seoane – tivo a ben darnos outra oportunidade para escoitar a esta autora e periodista ferrolá afincada na Coruña.

Ten “Lúa Nova” (Xerais 2022) o oitavo premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira. Sae da temática habitual do panorama literario galego ao abordar como eixo central as discapacidades e a súa aposta pola normalización na propia sociedade. A súa protagonista é unha persoa cega que vai desenvolvendo a súa vida, con todas as dificultades que se queira, pero paso a paso. É unha escrita limpa, que permite á lectora ou lector achegarse a unha historia que permite seguila sen artificios nin estraños vieiros.

Un relato que busca sacudir as nosas indiferenzas e apostar por unha percepción da realidade de xeito inclusivo e respectuosa con todas as persoas. Entender que a vida é mellor se todas as persoas teñen a posibilidade de desenvolver todas as súas capacidades a pesar do seu punto de partida, sexa este cal sexa. Dito doutro xeito: achéguense á súa libraría, será unha lectura agradecida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lua-nova-no-ateneo-4746918

De Ferrol á Unesco

Un dos grandes éxitos, no mandato anterior, foron as campañas e os esforzos para promover a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial ante a Unesco. Un traballo entón desenvolvido pola concelleira socialista Eva Martínez.

Hai que lembrar que este reto colectivo compromete, de xeito moral, a todos os grupos municipais. Que conta co apoio dos cinco anteriores alcaldes que precisamente a mencionada concelleira, activista sociocultural no 2018, aglutinara nun acto público no Antigo Hospicio: Xaime Bello, Juan Juncal, Vicente Irisarri, Jorge Suárez e ao propio José Manuel Rey (daquela conselleiro na Xunta de Galicia).

Tampouco hai que esquecer o compromiso acadado polo ex alcalde Ángel Mato do conselleiro de cultura Román Rodríguez, no 2020, para a promoción da candidatura, sendo o actual alcalde testemuña directa do acordo.

Sería moi interesante continuar nesta senda. Desenvolver un novo plan específico que retome un feixe de actividades de cara á complicidade da cidadanía e das entidades ferrolás. A promoción alén das Pías e sentar xa as bases do órgano de xestión da candidatura ante a Unesco que – obrigatoriamente – ten que ter á cidade naval, á Armada, así como a outras administracións.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-unesco-4738876

O sol do verán

Esta semana, concretamente o día 23, celebramos novamente o Día de Rosalía. Esperemos que a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de regalar un libro – no idioma propio de Galicia – e unha flor vaia formando parte de nós, cada vez máis. Por esa idea da conciencia crítica que facilita a lectura, por iso de que Rosalía de Castro é un dos grandes símbolos nacionais da nosa terra. Esa Rosalía rompedora, feminista e transgresora das forzadas costuras da súa e da nosa época.

Permítanme volver sobre un autor preferido. Suxerirlles a derradeira novela escrita por Carlos Casares: O sol do verán. Unha historia de amor que evoca, traxicamente, o paraíso perdido dos vellos veráns familiares compartidos. Un canto á beleza, á plenitude da vida e da memoria, impregnado de melancolía e nostalxia.

O sol do verán, a derradeira novela do autor, entregada á Editorial Galaxia, no seu inesperado e derradeiro día de vida, hai xa vinte e dous anos. Amor, morte e beleza. Din dela que esta é unha obra de literatura auténtica, de paixón por comprender o tecido íntimo da existencia. A elección da flor para este día rosaliano, déixolla a vostedes e ás máis que axeitadas suxestións das nosas florerías.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sol-do-veran-4728487

14 de febreiro

Estes días andan as rúas cheas de persoas. Aproveitan, ademais, o bon tempo para encher as terrazas neste simulacro de inverno. A xente o ten claro, decidiron saír a gozar da vida, non facer caso da polarización orquestrada por aqueles que non aceptan a liberdade do voto cidadán. Decidiron non facer caso de infumables crises permanentes, rexeitan o discurso do fin do mundo. Xa se sabe: se controlas o medo das persoas, as controlas a elas mesmas.

Contra todo o prognóstico destes augurios, todas as cidades e vilas galegas e Ferrol, están a ocupar os seus espazos urbanos. Comparsas e músicas irónicas. Entroido si, no medio dunha convocatoria electoral, tal como algúns estrategas tiñan deseñado. Pero, a vida segue os seus propios vieiros. Ninguén esperaba que fogo amigo rebentáralles a campaña. A mentira ten patas curtas e Xénova está a un paso de Waterloo. Nomes estes moi de carnaval, por outra parte.

Este entroido electoral é o primeiro paso para un novo tempo no conxunto do país. Atrás quedan catro décadas mediocres. Nada será igual, sexa cal sexa o resultado. Dicía Galileo: “eppur si muove”. Pero, antes estas datas igual prefiren a Sabina por aquelo de que “e ao ceo da túa boca, o purgatorio”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/14-febreiro-4718235

O chalé de Canido

Hai ocasións que a cidadanía está chamada a encontrase novamente cos seus espazos urbanos, que por momentos parecían ocultos, invisibles ou vetados. Pero, para iso é necesario que outros antes deixen as súas pegadas sobre as cales volver.

Rodolfo Ucha Piñeiro constitúe co seu legado a facer de Ferrol unha cidade irrepetible. Hai unha parte fundamental de edificios locais que, grazas a el, vincúlanos co mellor das vangardas europeas. Só tivo necesidade de quen entendera que un edificio, incluso unha vivenda, e moito máis que un sitio onde estar. Que a arquitectura conforma un xeito de arte que permite si, satisfacer as nosas necesidades do día a día, máis tamén que poidamos, por un intre, asaltar os ceos e participar do feito da creación.

Hai que agradecer a recente conferencia dos dous arquitectos de As Built, Ramón Rey e Pablo Ríos, que están a rehabilitar o chamado “Chalé de Canido”. Evento organizado pola asociación Paferr e o Casino Ferrolano, na emblemática sede desta última entidade, outra obra senlleira do propio Ucha. Foi un gran acerto incluír á familia do propietario orixinario Juan Sisto. Porque se algo ten sentido sempre é a humanización e o detonante, é dicir, explicar de xeito sinxelo a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/chale-canido-4709419