Iniciouse, unha vez máis, os xa tradicionais “Xoves Teatrais”, e ó marxe de que agora sexa a Concellería de Cultura quen se responsabiliza da súa organización, hai que agradece-lo bo traballo do Ateneo Ferrolán a prol da cultura, xa que eles foron os seus precursores.
O pasado cinco de outubro puiden asistir a unha magnífica versión teatral da coñecida obra de Manuel Rivas. Un sempre sorpréndese de como é posible que nun escenario tan limitado e sen moitos medios materiais, nun momento dado é a sala dunha casa, a Praza da Quintana ou o cárcere. Evidentemente, hai un bo traballo técnico detrás, nunca valorado pero imprescindible.
Durante hora e media os alí presentes asistimos a unha coidada e fiel versión que nos fixo participar e disfrutar da obra, a pesar da incomodidade dos nosos asentos na Capela do Centro Torrente Ballester.
Ver como un reducido grupo de persoas transmiten a forza das súas personaxes, fan varios papeis, tal pronto son médicos, pintores, periodistas, presos políticos ou os seus propios asasinos, e en todos a credibilidade e tal, que parece que hai algúns actores máis dos que aparecen no folleto informativo, resulta, cando menos, apaixonante.
Nesta versión de “O Lapis do Carpinteiro” un pode atopar o que sen dúbida está na mellor tradición do teatro popular, na liña de “La Barraca” de Federico García Lorca. Un teatro dunha magnífica calidade artística e comprometida coa memoria e os valores humanos.
Sobre o escenario podemos ver a un Herbal atormentado tras a execución do pintor, alter ego de Camilo Díaz Baliño, pai do insigne galeguista Díaz Pardo. Asistimos á transformación dun vulgar asasino nunha persoa presa dos horrores da guerra civil española. Mais, Herbal pódese considerar afortunado xa que, gracias ó lapis do pintor ferrolán, deixa de padecer a peor das enfermidades que unha persoa pode ter: a supresión das conciencias.
Podemos ver a un magnifico Doutor Da Costa, a unha Marisa Mallo que pronto acapara as simpatías do público, a unha María da Visitaçâo sobresaínte dándolle a réplica actoral a Herbal. Podemos ver un crego fanático e uns presos que abuchean aquelo de “Unha, Grande”, mais todos a unha gritan “Libre”.
Este tipo de actividades son as apropiadas para ver dunha parte un teatro dunha exquisita feitura e da outra para traballar dende a cultura na recuperación da memoria histórica, que así se iguala á xustiza e asenta a convivencia cidadá. Carlos Casares dicía hai pouco que mentres as ideoloxías separan, a cultura une ás persoas. Que así sexa.
Parabéns a Sarabela Teatro e a súa directora polo bo facer, e tamén a Manuel Rivas por unha obra que supón un sopro de liberdade.