Tres aseos

Antonte un amigo facía un chascarrillo nas redes. Dicía que vira na rúa, como o noso alcalde acababa de “inaugurar” as etiquetas dun contenedor. Evidentemente, facíao a conta da “inauguración oficial” de tres aseos públicos do cemiterio municipal, hai trinta días.

A obsesión polas cuestións mediáticas, só explican chegar ao extremo de converter en feito político o papel hixiénico. Pero, tamén, algúns corren o risco de darlle á oposición unha imaxe como esta, para toda unha campaña electoral.

Falta xestión, evidentemente. Imaxinación e ao mesmo tempo, é unha parábola da crise actual. Reflicte, tamén, que na nosa democracia os partidos políticos, xa non son a conexión coa sociedade; os medios de comunicación ocupan esta faceta. Pero, a voracidade política, failles caer nestas auto-trampas.

Enlace a @DiarioFerrol

3, 2, 1…

Apáganse as luces. Silencio difícil, moitas nenas e nenos nerviosos. Comeza a ocorrer. Ruído de motores e un foguete que sube. Navega polo espazo e acaba chegando ao descoñecido. As primeiras sorpresas: estrañas plantas de cores e que nese mundo tamén hai aire fresco para respirar. Un pícnic no espazo exterior. Un bocata de chourizo e unha teteira, con café ou con té? Vaia vostede a saber.

Vai explorar, mentres unha nova nave aterra, e con ela unha extraterrestre de cor verde, que tamén pensa que está soa alí. Mais, vanse atopar. Recoñécense, danse conta que inimigos non son. Achegamento. Son diferentes, pero non tan distintos. Ai! Houston ataca de novo… deben volver… case un triste final, máis non. Deciden que non. Vanse tomar un tempo, para seguir a coñecerse e coñecer aquel novo mundo. Non lles fai falta máis. Fin do conto. Parabéns Ghazafelhos.

Enlace web @DiarioFerrol.

Paco Vázquez

Estes días presentábase na Coruña o partido da dereita liberal do catalán Albert Rivera, o seu “Movimiento Ciudadano”. Realmente, xa antes un dos avogados da Infanta, o señor Roca, intentara algo parecido co seu “Partido Reformista”. No caso que nos ocupa, vén adobado con esencias españolistas de novo cuño.

É dicir, sería máis do mesmo, senón fose pola presenza de Paco Vázquez. Quizais por iso choca a pretendida mensaxe de Ciutadans e da súa sucursal contra a vella política e a partitocracia. O ex embaixador non representa o máis rancio da política española? Onde está a renovación e a nova cultura política que din representar?

Os socialistas débenlle dar as grazas a Paco Vázquez por apoiar a este novo partido. A súa actitude implica, segundo os estatutos do PSdeG, unha baixa fulminante. Adeus, Paco Vázquez. Os socialistas soltan lastre. Volve o PSdeG.

Enlace @DiarioFerrol

Encontro

En Ferrol hai un importante feixe de movementos sociais que ás veces enchen os baleiros -que as propias administracións van deixando- produto dos recortes, e pola falta de resposta axeitada das organizacións tradicionais.

A solidariedade, a pretensión dunha forma diferente de vivir e dun espazo para pensar e actuar; forman estes novos movementos. Máis, necesitan artellar as súas alternativas a ras do chan e levantar instrumentos válidos para a xente, fóra das canles formais actuais. Iso, require ir ensaiando, non ter présa.

Levantar ese alternativa radical-democrática require sumar compromisos e impulsar a desobediencia organizada da cidadanía. Pero, tamén confluír e interactuar coas organizacións políticas e sindicais da esquerda. É dicir, necesitan ir ao encontro dunha vontade colectiva plural, que conforme unha nova cultura que pretenda a hexemonía social.

Enlace web a @DiarioFerrol.

Pobres

Comezamos o ano sabendo que Ferrol ten a taxa de risco de pobreza máis elevadas das grandes cidades galegas. Os nosos ingresos son os máis baixos e preto dun 40% da xente vive só das prestacións sociais e a metade das familias teñen algún tipo de axuda.

Os que teñen unha situación económica normal son, fundamentalmente, os traballadores directos de Navantia e xubilados. A maiores, a cuarta parte da poboación ten máis de 65 anos.

Si, hai varias décadas de derrube da cidade. Pero, tamén, xa vemos cales os efectos da xestión do PP. Estes días, asistimos ao peche xeneralizado das compañías do naval. Máis exclusión e máis xente condenada a marchar.

Este goberno municipal tivo os cartos do Concello inmobilizados para xustificar un “plan de axuste”. Agora, pretende confundir xestión con cemento. Pero, a xente é o importante. Provocar desacougo conduce a Burgos.

Enlace web a @DiarioFerrol