25 de maio

 

As eleccións europeas do vindeiro 25 de maio traen de cabeza aos dirixentes do PP. Os cidadáns teñen a oportunidade de poder convertelas nun plebiscito, sobre as políticas insolidarias e de recortes, aplicadas por Rajoy. Preocúpalles que a xente poida castigalos nas urnas, porque eles son a correa de transmisión dos mercados financeiros.

Fronte a todo o aparato de propaganda e ao dominio que a dereita ten dos medios de comunicación oficiais, a esquerda debe mobilizar a rúa; e que ninguén crea que se pode substituír a acción dos militantes por unhas redes sociais que usan, fundamentalmente, os xa convencidos.

O 25 de maio hai dúas posibilidades. Máis desigualdades e máis recortes cunha dereita á que lle sobran a xente e o estado de benestar; ou unha alternativa progresista, liderada polos socialistas, produto do encontro e unidade de todas as esquerdas.

Enlace web @DiarioFerrol

 

Os Maios

 

OsMaios_Canido2014

Unha vez máis, chegan os maios e así os podemos vivir grazas ás xentes do barrio de Canido. Unha vez máis, as súas rúas énchense de cores, vida e unha aposta colectiva por se diferenciar e marcar a súa propia identidade. Isto converte a Canido nun referente necesario, dunha cidade que como Ferrol necesita verse en positivo.

É este un barrio para ocupar as súas rúas e terrazas. Os seus recunchos, e máis en festas e nesta ocasión a combinación dos maios co apalpador de por medio, da música e da feira da artesanía, foron unha invitación feita pola veciñanza ao conxunto da cidadanía ferrolá.

En Canido están a crear calidade de vida, á que se suma a (incompleta) recuperación grazas ao Urban iniciado en tempos do alcalde Irisarri. Denota o barrio saber vivir e participar dun proxecto colectivo, saber sumar as súas individualidades e singularidades. Parabéns.

Enlace ao @DiarioFerrol

 

Devoción

 

DSC_0666-1

JM Rey en “procesión”…

Non hai devoción. Esa foi a conclusión dunha conversa, entre dúas veciñas, este xoves santo. Resúltame difícil calibrar iso, o que si era evidente, é que unha boa parte dos que “okupamos” Ferrol éramos laicos. É o que teñen os feitos privados, como a fe, cando fanse públicos. Porque, a rúa é de todos.

Quizais son os políticos os que máis participan da confusión. Deben recibir oficialmente ás comunidades presentes na súa sociedade, pero nunca participar como tales nos eventos relixiosos. Así, é de supoñer que o noso alcalde en breve recibirá ás comunidades evanxelistas e musulmáns; levan décadas formando parte da nosa cidade.

O comunitario é que Ferrol estivo estes días con gañas de saír polas rúas, aproveitar o sol e as terrazas. A iso tamén axudou, evidentemente, a nova edición de Equiocio, onde saben moi ben combinar o deportivo co lúdico-infantil.

Enlace a @DiarioFerrol

 

Plan Besteiro

 

A reforma laboral do Partido Popular supón a introdución xeralizada da precariedade. Busca desarmar calquera tipo de defensa posible dos traballadores e basear a competitividade na sumisión, a degradación do sistema de traballo e a baixa dos salarios. Alenta, en definitiva, o despotismo patronal e unha economía de baixo perfil.

A isto hai que sumarlle uns xuíces que, debido á súa maioritaria visión conservadora, están a producir moitas sentenzas contrarias aos dereitos dos traballadores. Pero, a ruptura dos equilibrios reforzan aquela máxima marxista de que as leis defenden unicamente os privilexios da clase dominante.

Rechamante é que a resposta dos sindicatos non sexa a esperada, máis preocupados eles por salvar os seus mobles. Quizais, por iso a proposta do actual secretario xeral do PSdeG-PSOE veña como aire fresco: vincular a concesión dos contratos das Administracións Públicas a que as empresas beneficiadas respecten os dereitos dos seus traballadores, o número de indefinidos, as súas condicións de traballo e uns salarios dignos.

Enlace a @DiarioFerrol.

 

Dignidade

 

Pan, traballo e teito. As Marchas da Dignidade tomaron pacificamente as rúas de Madrid. Mais, unha minoría violenta saía en auxilio político da señora Cifuentes. Non se pode mentir e agachar a realidade sempre. O PP é o responsable das políticas que rompen a cohesión social.

Ferrol cunha terceira parte da poboación sen emprego, cos seus sectores económicos cuestionados, coa súa xente nova na emigración e todo pola avaricia da dereita, que aproveita a crise -que os seus banqueiros provocaron- para desmantelar o estado social e democrático, necesita sacudirse o inmobilismo. Crise económica e crise de cidade.

Nós tamén necesitamos a nosa propia Marcha da Dignidade. Unha clara mensaxe que non van poder con nós. Que temos un futuro como traballadores e como cidadáns. Que imos seguir a amar e pelexar por esta parte do mundo que aquí chámase Ferrol. Por dignidade.

Enlace web @DiarioFerrol