Layla Khaled en Ferrol

Mesa Layla Khaled FerrolEste martes 1 de abril, tivemos a compañía da dirixente histórica palestina Layla Khaled. Unha muller que forma parte dos grandes mitos vivos do seu pobo contra a política de limpeza étnica que practica Israel. Deputada, dirixente da Unión Xeral de Mulleres palestinas e da Fronte Popular para a Liberación de Palestina.

Fuco Buxán tivo a sorte de poder contar con ela grazas aos amigos da Asociación Galiza por Palestina. A intervención de Layla Khaled desenvolveuse en árabe; pero grazas á tradución da vicepresidenta de GxP, a galego – palestina Laila Quintela, non houbo problema. Na mesa, tamén, acompañounos Nerea Varela, vogal desa entidade, e entre o público, Omar Contreras. Grazas, tamén, á Galería Sargadelos de Ferrol, ás súas traballadoras –nesta ocasión fixeron de anfitrionas Bárbara e Isabel – e á súa xerente, Verónica Martínez. A sala estaba chea de xente.

Se facemos caso á propaganda israelí son imposibles as características desta persoa: ser palestina, de esquerdas e muller. Á súa intervención reflicte a serenidade dun pobo xa curtido en máis de sesenta anos de ocupación. Unha poboación que sufriu en mans do exército de ocupación israelí todo tipo de tropelías. O acontecido en Palestina é o mesmo que temos gravado, máis recentemente, na nosa memoria sobre o que pasou na antiga Iugoslavia. Non hai diferenza. Ningunha.

Khaled fixo un percorrido pola situación, tanto interna palestina, como do conflito cos ocupantes israelís; así como polas condicións irrenunciables: o retorno dos oito millóns de exiliados, a libre autodeterminación do pobo palestino e un estado viable con capital en Xerusalem. Quizais, o máis novedoso fora a pretensión de pór en acordo ao conxunto da esquerda palestina. Unha terceira vía fronte ao nacionalismo de Al Fatah e o integrismo de Hamás. Así como o papel que xoga a muller palestina contra o ocupante, as súas organizacións e o seu papel a carón dos homes palestinos. E dúas peticións: que visitemos Palestina para coñecer de preto a situación real e apoio ao boicot económico a Israel.

Na cea posterior, uns poucos tivemos ocasión para profundar en algúns aspectos do conflito, da situación da muller palestina e as contradicións das militantes de Hamás, a situación do millón e medio de palestinos “nacionalizados” por Israel, un pouco de historia do antigo Reino de Galicia – a verdade que saqueille partido ao libro do amigo Camilo Nogueira, por certo dedicado por el – nas súas loitas contra a Spania musulmana, a conexión medieval entre o galego e o catalán, a estética dos chiístas iraquís copiada da semana santa católica española; e tamén, a situación latino americana. Omar leva media vida entre nós, produto do seu exilio tras o golpe de estado de Pinochet en Chile.

Un día proveitoso para o coñecemento e a solidariedade galego palestina. Ah, Layla Khaled recibiu o emblema da nosa asociación, o Fuco Buxán en cerámica de Sargadelos, deseñado para nós polo amigo e socio de honra Isaac Díaz Pardo. ¡Viva Palestina libre!

Layla Khaled en Ferrol

Carta póstuma para Carmelo Teixeiro

Carmelo TeixeiroBenquerido Carmelo, hai uns días que cústame sentarme a escribirche esta carta que che debo, aínda que creo que ben sabes que non é necesaria. Pero, máis que por ti, e que me perdoen tanto miña prezada Victoria coma os teus fillos; sabes que é por min, unha especie de catarses, de enfrontarme a esta segunda orfandade. Sentimento que seguro que comparto con moita xente e moitas entidades, especialmente Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia.

Estes derradeiros dezasete anos estivemos xuntos día a día, traballando en diferentes proxectos, tanto a nivel político como socio cultural. Xuntos fixemos a campaña municipal de 1991, e até 1993 compartimos as tarefas de organización na Agrupación Comarcal Socialista. Unha vez fóra dos cargos orgánicos do partido, participamos na fundación da revista “Razón Socialista” en 1995. Esta quedábase pequena ás nosas ansias de traballar pola transformación social e pola unidade e a rexeneración das esquerdas, e no 1999 compartimos a creación da Asociación Fuco Buxán. Máis tarde, xa no ano 2001, fronte á ameaza de Reganosa xurdiu o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Máis, esta é só unha parte do teu compromiso; debemos cando menos engadilo teu papel no antifranquismo, e nas responsabilidades galegas na UGT e no PSdeG – PSOE. E, tamén, deixas dous magníficos documentos; o libro do que es coautor “Muros de Silencio” e a curtametraxe “Ferrol, pola vida e o mar”.

Demasiadas cousas xuntos e por iso esta carta écheme moi difícil. A túa será unha perda que non poderemos reemplazar – que non poderei reemplazar – e, por iso, non me queda dúbida que seguiremos a reivindicar o teu nome e o teu compromiso coa cidade de Ferrol, a súa ría e a comarca. Fronte aos que sempre corren para saír na foto, ti eras o traballo calado e continuo. Tiñas claros os obxectivos e a túa teima na procura dos mesmos: non parabas até conseguilos. Nunca tiveches unha mala palabra, nunca un rancor polos que nos ferían, polos que renunciaban. Sempre axudando e apostando porque cada un de nós, e dos que nalgún momento quixeron compartir algunha parte do camiño, sacáramos o mellor que podíamos dar. Contigo outro mundo era posible e sempre sementabas, porque eras consciente de que hai que continuar na tarefa de cambialo.

Sabes o meu medo, de non saber estar á altura do teu traballo. Teño dito que ti es produto da cidade de Ferrol, formas parte do mellor de nós, do noso compromiso cos valores humanos, democráticos e sociais. Tamén teño dito que segues os vieiros dos Xaime Quintanilla, de Julio Aneiros, dos Pillado… Espero, e ti ben sabes que unha das poucas cousas que lle pido a vida e non fraquear, que non me falten folgos para non defraudarme. Moito é o que fixéchedes, moito o que ti fixeches.

Dixen que a miña vida non sería igual se non nos houberamos encontrado, e é certo. Ademais, son moi consciente de que é verdade aquilo de “dime con quen andas…”. Grazas Carmelo por ter existido, por compartir con nós, e en especial comigo, todos estes anos. Un derradeiro abrazo.

Venres 15 Homenaxe a Carmelo Teixeiro (Enlace a convocatoria)

Domingo 17 Manifestación en Compostela: Galiza non se vende.

En Memoria de Carmelo Teixeiro Menéndez

Carmelo TeixeiroCon profundo sentimento comunicamos o falecemento do noso querido amigo e compañeiro Carmelo Teixeiro Menéndez, ocorrido hoxe día 5 de Febreiro, consecuencia da súa irreversible enfermidade.

Á súa esposa Victoria Fernández Paredes, a nosa compañeira, aos seus fillos Carmelo, José Ramón e Noé, familia e amigos,expresamos o noso fraternal e solidario abrazo.

Carmelo Teixeiro, Directivo desta Asociación e Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da ubicación da Planta de Gas, da defensa medioambiental de Ría e da vida dos seus habitantes.

Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta (foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978, tamén a nivel de Galicia.

O seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, fai que nós – os seus compañeiros de tantos anos – sintámonos enormemente orgullosos e agradecidos de compartir con el amizade, inquedanzas e tarefas.

O seu exemplo e a súa memoria compartida alentaranos sempre e estimularanos a seguir desenvolvendo cantas actividades contribúan a facer realidade o proxecto social que esta Asociación Cultural persegue.

Invitamos a toda a sociedade, cidadás e cidadáns, asociacións, entidades e institucións, a mostrar a solidariedade coa súa persoa, a súa acción e o seu pensamento, participando nas súas honras fúnebres que terán lugar:

Mércores 6 de Febreiro ás 18 h. no Cemiterio de Catabois (Ferrol)

Velatorio: Tanatorio Artabria – nº 5 – (A Gándara – Ferrol)

En Ferrol, a 5 de febreiro de 2008

A. C. Fuco Buxán

In Memoriam

16.jpg27.jpgiaacdiazpardo_fucobuxan.jpgCarmeloTeixeiro_VictoriaFdezantecarcereteixeiro4.jpgcociudem_llamazares270606.jpgentregafirmas070907.jpgvisitabiologos.jpgxeral_mesa_1.jpgportadalibroria.jpg

Carta de Fuco Buxán ao Ministro de Traballo

D. Jesús Caldera Sánchez-Capitán

Ministro de Traballo e Asuntos Sociais

Madrid

Sr. Ministro:

Carimbo Isaac D�az PardoA Asociación Cultural “Fuco Buxán” celebrou, durante os meses de febreiro e marzo do pasado ano, diversos actos que constituíron a Homenaxe Galega a Isaac Díaz Pardo, Socio de Honra desta Entidade, poñendo de manifesto os méritos que esta personalidade da vida cultural, social e empresarial atesoura, a través de mesas redondas, conferencias, exposición, publicación dun libro-homenaxe, e que culminaron nun gran acto público, celebrado no emblemático Teatro Jofre de Ferrol, con asistencia de representantes institucionais, sociais e culturais de Galicia. .

Neste contexto e como parte esencial da homenaxe, esta Asociación Cultural iniciou os trámites pertinentes para que por ese Ministerio fóselle concedida a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, solicitude que asinada polo Presidente da mesma e avalada polos representantes das máis altas institucións de Galicia, cursamos, a través da Delegación do Goberno da Coruña o 14 de xaneiro de 2007.

É xa que logo para esta Asociación unha enorme satisfacción a resolución favorable á concesión, que a proposta dese Ministerio, aprobou o Consello de Ministros o pasado 8 de Decembro, motivo polo cal manifestámoslle o noso agradecemento .

Lamentamos non poder facelo persoalmente, o pasado día 28 na Coruña, xa que – malia ser esta Asociación a promotora e xestora da iniciativa – non foi invitada ao acto de imposición.

Sentimos que unha total falta de cortesía e consideración por parte da Delegación do Goberno da Coruña, organizadora do acto, excluíunos de estar presentes nel como era o noso desexo e entendemos sería de xustiza .

Reiterando o noso agradecemento pola concesión, manifestámoslle o noso respecto e consideración.

Ferrol, 30 de Xaneiro de 2008.

A Directiva da A.C. Fuco Buxán