Este martes 1 de abril, tivemos a compañía da dirixente histórica palestina Layla Khaled. Unha muller que forma parte dos grandes mitos vivos do seu pobo contra a política de limpeza étnica que practica Israel. Deputada, dirixente da Unión Xeral de Mulleres palestinas e da Fronte Popular para a Liberación de Palestina.
Fuco Buxán tivo a sorte de poder contar con ela grazas aos amigos da Asociación Galiza por Palestina. A intervención de Layla Khaled desenvolveuse en árabe; pero grazas á tradución da vicepresidenta de GxP, a galego – palestina Laila Quintela, non houbo problema. Na mesa, tamén, acompañounos Nerea Varela, vogal desa entidade, e entre o público, Omar Contreras. Grazas, tamén, á Galería Sargadelos de Ferrol, ás súas traballadoras –nesta ocasión fixeron de anfitrionas Bárbara e Isabel – e á súa xerente, Verónica Martínez. A sala estaba chea de xente.
Se facemos caso á propaganda israelí son imposibles as características desta persoa: ser palestina, de esquerdas e muller. Á súa intervención reflicte a serenidade dun pobo xa curtido en máis de sesenta anos de ocupación. Unha poboación que sufriu en mans do exército de ocupación israelí todo tipo de tropelías. O acontecido en Palestina é o mesmo que temos gravado, máis recentemente, na nosa memoria sobre o que pasou na antiga Iugoslavia. Non hai diferenza. Ningunha.
Khaled fixo un percorrido pola situación, tanto interna palestina, como do conflito cos ocupantes israelís; así como polas condicións irrenunciables: o retorno dos oito millóns de exiliados, a libre autodeterminación do pobo palestino e un estado viable con capital en Xerusalem. Quizais, o máis novedoso fora a pretensión de pór en acordo ao conxunto da esquerda palestina. Unha terceira vía fronte ao nacionalismo de Al Fatah e o integrismo de Hamás. Así como o papel que xoga a muller palestina contra o ocupante, as súas organizacións e o seu papel a carón dos homes palestinos. E dúas peticións: que visitemos Palestina para coñecer de preto a situación real e apoio ao boicot económico a Israel.
Na cea posterior, uns poucos tivemos ocasión para profundar en algúns aspectos do conflito, da situación da muller palestina e as contradicións das militantes de Hamás, a situación do millón e medio de palestinos “nacionalizados” por Israel, un pouco de historia do antigo Reino de Galicia – a verdade que saqueille partido ao libro do amigo Camilo Nogueira, por certo dedicado por el – nas súas loitas contra a Spania musulmana, a conexión medieval entre o galego e o catalán, a estética dos chiístas iraquís copiada da semana santa católica española; e tamén, a situación latino americana. Omar leva media vida entre nós, produto do seu exilio tras o golpe de estado de Pinochet en Chile.
Un día proveitoso para o coñecemento e a solidariedade galego palestina. Ah, Layla Khaled recibiu o emblema da nosa asociación, o Fuco Buxán en cerámica de Sargadelos, deseñado para nós polo amigo e socio de honra Isaac Díaz Pardo. ¡Viva Palestina libre!