






Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.
Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.
Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas
Levamos anos alimentando ese blues que fala da perda de habitantes e capacidades de Ferrol. As últimas estadísticas do INE van nesa liña. É certo que hai datos obxectivos, pero un sempre aposta por reverter a proba de cargo.
Para a miña xeración, a do “Baby Boom”, a cidade era un espazo de liberdade vital para desenvolver un proxecto de vida. Mais, agora esta Galicia “urbanizada” do século XXI é unha garantía de calidade de vida, practicamente en calquera sitio. No noso caso, seguramente, terá razón o profesor Fra Molinero que di que debemos tomar como referencia os movementos poboacionais na comarca.
Houbo quen soubo aproveitar a baixa autoestima ferrolá, “vendendo” supostos mellores prezos na vivenda e “mellores” servizos locais. En calquera caso, o primeiro é deixar atrás o Ferrol queixoso. A cidade ten moito que ofrecer coma calquera grande cidade europea. Só temos que traballar, apostar e crer en nós.
https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2935435/ferrol-blues