Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

O sol do verán

Esta semana, concretamente o día 23, celebramos novamente o Día de Rosalía. Esperemos que a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) de regalar un libro – no idioma propio de Galicia – e unha flor vaia formando parte de nós, cada vez máis. Por esa idea da conciencia crítica que facilita a lectura, por iso de que Rosalía de Castro é un dos grandes símbolos nacionais da nosa terra. Esa Rosalía rompedora, feminista e transgresora das forzadas costuras da súa e da nosa época.

Permítanme volver sobre un autor preferido. Suxerirlles a derradeira novela escrita por Carlos Casares: O sol do verán. Unha historia de amor que evoca, traxicamente, o paraíso perdido dos vellos veráns familiares compartidos. Un canto á beleza, á plenitude da vida e da memoria, impregnado de melancolía e nostalxia.

O sol do verán, a derradeira novela do autor, entregada á Editorial Galaxia, no seu inesperado e derradeiro día de vida, hai xa vinte e dous anos. Amor, morte e beleza. Din dela que esta é unha obra de literatura auténtica, de paixón por comprender o tecido íntimo da existencia. A elección da flor para este día rosaliano, déixolla a vostedes e ás máis que axeitadas suxestións das nosas florerías.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/sol-do-veran-4728487

14 de febreiro

Estes días andan as rúas cheas de persoas. Aproveitan, ademais, o bon tempo para encher as terrazas neste simulacro de inverno. A xente o ten claro, decidiron saír a gozar da vida, non facer caso da polarización orquestrada por aqueles que non aceptan a liberdade do voto cidadán. Decidiron non facer caso de infumables crises permanentes, rexeitan o discurso do fin do mundo. Xa se sabe: se controlas o medo das persoas, as controlas a elas mesmas.

Contra todo o prognóstico destes augurios, todas as cidades e vilas galegas e Ferrol, están a ocupar os seus espazos urbanos. Comparsas e músicas irónicas. Entroido si, no medio dunha convocatoria electoral, tal como algúns estrategas tiñan deseñado. Pero, a vida segue os seus propios vieiros. Ninguén esperaba que fogo amigo rebentáralles a campaña. A mentira ten patas curtas e Xénova está a un paso de Waterloo. Nomes estes moi de carnaval, por outra parte.

Este entroido electoral é o primeiro paso para un novo tempo no conxunto do país. Atrás quedan catro décadas mediocres. Nada será igual, sexa cal sexa o resultado. Dicía Galileo: “eppur si muove”. Pero, antes estas datas igual prefiren a Sabina por aquelo de que “e ao ceo da túa boca, o purgatorio”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/14-febreiro-4718235

O chalé de Canido

Hai ocasións que a cidadanía está chamada a encontrase novamente cos seus espazos urbanos, que por momentos parecían ocultos, invisibles ou vetados. Pero, para iso é necesario que outros antes deixen as súas pegadas sobre as cales volver.

Rodolfo Ucha Piñeiro constitúe co seu legado a facer de Ferrol unha cidade irrepetible. Hai unha parte fundamental de edificios locais que, grazas a el, vincúlanos co mellor das vangardas europeas. Só tivo necesidade de quen entendera que un edificio, incluso unha vivenda, e moito máis que un sitio onde estar. Que a arquitectura conforma un xeito de arte que permite si, satisfacer as nosas necesidades do día a día, máis tamén que poidamos, por un intre, asaltar os ceos e participar do feito da creación.

Hai que agradecer a recente conferencia dos dous arquitectos de As Built, Ramón Rey e Pablo Ríos, que están a rehabilitar o chamado “Chalé de Canido”. Evento organizado pola asociación Paferr e o Casino Ferrolano, na emblemática sede desta última entidade, outra obra senlleira do propio Ucha. Foi un gran acerto incluír á familia do propietario orixinario Juan Sisto. Porque se algo ten sentido sempre é a humanización e o detonante, é dicir, explicar de xeito sinxelo a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/chale-canido-4709419

Ulises e Cunqueiro

Son dos que gusta visitar librarías e teño unha predilección polas de vello. Son feliz perdido entre libros e merco – como é previsible – máis do que son capaz de ler. Pero, tamén é un xeito de vivir, de entender a vida.

A semana pasada estiven na Libraría Pessoa, preto de Amboaxe. Cando saía, a vista fóiseme a un exemplar de Cunqueiro. Unha primeira edición das Mocedades de Ulises (Argos, 1960), que xa forma parte da miña biblioteca persoal. Non puiden evitalo.


O propio Cunqueiro di que este libro non é unha novela, senón máis ben parte de ensoños e asombros dunha longa aprendizaxe, o oficio dun mesmo. Recuperar Ítaca e a eterna nostalxia, así como a outra creación do mundo.


Nisto foi sempre coherente Cunqueiro. Máis, para quen tivo que sobrevivir nos tempos convulsos da Guerra Civil e na longa noite da ditadura, como os seus amigos ferroláns Torrente Ballester e Ricardo Carvalho Calero, que compartiron militancia con el no Partido Galeguista.


Cunqueiro foi membro da Real Academia Galega en 1961 a proposta de Otero Pedrayo, García Sabell e de Carvalho Calero. Premio Nadal en 1968. E foi Gabriel García Márquez quen pedía para o primeiro o Premio Nobel de Literatura. Xuntos estiveron en Barcelona, onde o nobel colombiano reivindicaba a súa ascendencia galega. Dicía o Gabo que o realismo máxico da súa obra bebía das fontes de Álvaro Cunqueiro e doutros grandes da literatura feita en Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ulises-e-cunqueiro-4703602

Caldo de nabizas

O que realmente é construír un país non se fai coas “grandes xestas” de algún suposto prócer da nación, senón coas cousas do comer. Idear unha receita, que despois se transforma nun prato feito cos produtos alimenticios que a túa terra dáche, isto é facer patria. Mesmo, porque soen estar vinculados ás primeiras memorias íntimas que nos conecta co lar.

Así, aos galegos defínenos o caldo con nabizas, e se de pouco sabemos é precisamente disto e somos esixentes comedores de caldo. Este xantar é un alter ego de nós. Un símbolo nacional tan importante como a bandeira ou o Estatuto de Autonomía. Desta, cando vas comer preto do teu fogar, esperas que esta obra magna sexa feita con moito agarimo, cos mellores produtos locais e co tempo atemporal que require.

Servir un caldo cos cañotos cortadiños todos á mesma medida e cunhas fabas de bote, vertidas con ese líquido que as acompaña, é moito máis que unha mala praxe. É non saber en que país vives, porque nin os aforros nos custes poden agachar semellante desatino. Case un delito contra o país.

Non haberá anotación no Google para este incidente vergoñento. Pero, a decisión está tomada: non volver a ese establecemento que atenta contra o caldo galego.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/caldo-nabizas-4691660