Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

O PSOE de Narón visita a parroquia de Ferrerías

 

Katy cos veciñosTras ter que aprazar do martes ao venres 19 de maio, por causa de forza maior, a parroquia naronesa de Ferrerías recibiu unha visita do PSOE. A delegación estaba formada por Catalina García, secretaria xeral do partido socialista en Narón, por Mario Isasi, secretario de política municipal da agrupación local e Ánxel Teijeiro, concelleiro socialista no Concello.

 

A visita, a esta miña parroquia materna e dos meus avós, causou un pequeno revoo. A verdade que hai moitos anos que ninguén se preocupaba polo que lles acontece aos meus veciños, amigos e familiares. Quizais, dende o principio da Democracia, cando o meu tío Leonardo, que aquela militaba no PCG, e hoxe no PSOE asturiano recollera as inquedanzas da miña xente.

O comunicado oficial do PSdeG – PSOE de Narón di:
¿PERTENCE O LUGAR DE FERRERÍAS Ó CONCELLO DE NARÓN?

 

 

O pasado venres día 19 do presente mes, o Concelleiro de Ensino Ángel Teijeiro, o Secretario de Política Municipal da Agrupación Local Socialista Mario Isasi e a Secretaria Xeral Catalina García mantiveron unha xuntanza cos veciños de Ferrerías (Xuvia) para tomar nota e ver “in situ” a problemática do lugar.

 

Pareceunos incríbel que de verdade seguíramos a estar no noso Concello, vendo o abandono ó que están relegados estes cidadás”, manifesta Catalina García.

 

Segundo declaracións dunha representante dos veciños “a derradeira vez que se fixo reclamación escrita e tamén de palabra foi polas pasadas eleccións municipais, o Alcalde en persoa nos prometeu solventa-los problemas que se lle expuxeron, ademais de acudir un día (dentro de Campaña Electoral) para ver todo por el mesmo.Vai facer catro anos e aínda non se nos fixo nin un só arranxo, non se atendeu nin unha soa demanda…”

 

Os representantes Socialistas tomaron nota de tódalas reivindicacións dos veciños e comprometéronse a facelas xestións oportunas coas distintas Administracións para que se solvente a precariedade na que se atopan en Ferrerías”.

 

 

O certo que o mesmo día que se sabía da xuntanza dos socialistas cos veciños, o sr. Alcalde Xoán Gato, mandou a uns albaneis para adecentar un pouco as aceras das Vivendas San Clemente, que datan a súa construcción en 1956. ¿Será casualidade?

 

En fin, os veciños están á espera de que desde o Concello de Narón se lles preste máis atención, e de que frutifiquen as xestións dos socialistas. En calquera caso, é de agradecer o interese de Catalina García e demais membros do PSOE de Narón.

 

 

Máis fotos.

O papel da relixión (según Saramago)


[ ] “Se se acabase a morte non podería haber resurrección, e se non houbese resurrección, entón non tería sentido existir a igrexa. Ora, sendo esta, pública e notoriamente, o único instrumento de laboura de que deus parecía dispor para labra-los camiños de que deberían conducir ao seu reino, a conclusión obvia e irrebatible é de que toda a historia santa termina inevitablemente nun lugar sen saída. Este ácido argumento saíu da boca do máis vello dos filósofos pesimistas, que non ficou aquí e acrecentou acto seguido, As relixións, todas elas, por máis voltas que lles demos, non teñen outra xustificación para existir que non sexa a morte, precisan dela como o pan da boca. Os delegados das relixións, non se incomodaron, nin protestaron. Polo contrario, un deles, conceptuado integrante do sector católico, dixo, ten razón, señor filósofo, para iso mesmo é que nós existimos, para que as persoas leven toda a vida con o medo colgado ao pescozo e, chegada a súa hora, acollan a morte coma unha liberación, O paraíso, Paraíso ou inferno, ou cousa ningunha, o que pase despois da morte impórtanos moito menos co xeralmente crese, a relixión, señor filósofo, é un asunto da terra, non ten nada que ver co ceo, Non é o que nos habituaron a ouvir, Algo teríamos que dicir para tornar atractiva a mercadoría. Iso quere dicir que en realidade non acreditan a vida eterna, Facémonos de conta. Durante un minuto ninguén falou. O máis vello dos pesimistas deixou que un vago e suave sorriso se lle espallase na cara e amosou o aire de quen tiña acadado de ver coroada de éxito unha difícil experiencia de laboratorio. Sendo así, intervindo un filósofo da ala optimista, porqué vos asusta tanto que a morte teña acabado, Non sabemos se acabou, sabemos apenas que deixou de matar, non é o mesmo, De acordo, mais, unha vez que esa dúbida non está resolta, manteño a pregunta, Porque se os seres humanos non morresen todo estaría a ser permitido, E iso sería malo, preguntou o filósofo vello, Tanto como non permitir nada. Houbo un novo silencio”.
José Saramago, As Intermitencias da Morte, Ed. Caminho, páx.38.

Touriño en Ferrol: Reganosa fóra da ría.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol ao Presidente Touriño:

Saudámoslle na súa primeira visita este venres 5 de maio a Ferrolterra, na que ten anunciada unha entrevista co Alcalde de Ferrol. Informámoslle que desde o ano 2001, por maioría de 17 dos seus 25 concelleiros, existen varios acordos do Pleno Municipal de Ferrol contrario á Planta de Gas que Reganosa constrúe e que é unha ameaza de destrucción masiva de vida humana, ademais do prexuízo económico para a actividade marisqueira, para o patrimonio histórico e para o sector turístico.

Informámoslle que Reganosa constrúe unha Planta de Gas con autorizacións ilegais que non cumpren a lexislación vixente, non serven para xustificar a súa entrada en funcionamento e se fundamentan en informes falsos ou falaces previos as devanditas autorizacións, realizados nos anos 2001 e 2004 por seis organismos, tres deles dependentes da Administración autonómica. Dos once contenciosos admitidos a trámite contra Reganosa, dous foron promovidos polo Concello de Ferrol e nun deles xa existe a sentenza 536/2004 do TSXG que anula a falsa avaliación ambiental de 11 de xuño de 2001 aprobada por un organismo autonómico dependente da Consellería de Medioambiente, recorrida en xullo de 2004 por Reganosa e a Xunta de Galicia, polo que dita sentenza do TSXG está pendente de que sexa ratificada polo Tribunal Supremo. A maioría do Pleno Municipal oposta a Reganosa demanda que a Planta de Gas constrúase no Porto Exterior. Sinalámoslle que o actual Alcalde de Ferrol, o Sr. Juncal, presentou dúas veces nun ano unha moción para que o Concello de Ferrol retirásese dos contenciosos que ten presentados, o que foi rexeitado por unha maioría de concelleiros. A ubicación dunha planta de gas en punta Promontorio (Mugardos) xa foi rexeitada en 1994 por un estudo dunha prestixiosa empresa internacional. Esperamos se reconduza o devandito proxecto da Planta de Gas para o Porto Exterior en Cabo Prioriño, suficientemente illado para cumprir coa directiva Seveso II, nun espazo que en 1992 foi vendido pola Armada precisamente para ubicar unha planta de gas.

Debería Vd. reunirse coa Xunta de Portavoces Municipais de Ferrol para que lle expliquen as súas posicións e móstrenlle o espazo de PUNTA PROMONTOIRO, fronte e a 1.000 metros da cidade de Ferrol, onde existe un complexo petroquímico chamado Forestal de Atlántico S.A., con tanques de 280.000m3 de combustibles e outros productos químicos, e que nese mesmo lugar é onde a empresa Reganosa constrúe dous grandes tanques para unha planta de gas natural licuado.

A primeira ollada poderá Vd apreciar que no caso de que Reganosa entre en funcionamento, un accidente grave ou un atentado terrorista, poderían provocar unha catástrofe para a vida humana e a poboación da ría de Ferrol (con 40.000 habitantes nun radio de 3 quilómetros). Reganosa pretende que alí atraquen buques gaseiros de 135.000 m3 de GNL os cales nunha urxencia durante a descarga seríalles imposible saír inmediatamente a mar aberto polos seus propios medios segundo esixe a norma europea EN-1532.

Seguimos sen resposta ao escrito enviado en setembro pasado ao actual Conselleiro de Medioambiente acompañándolle copia de 5.469 firmas que reclaman que a Xunta acate a Sentenza 536/2004 do TSXG. En xullo de 2004 en contra de devandita sentenza do TSXG recorreron ao Tribunal Supremo Reganosa e a Xunta de Galicia do anterior goberno de Fraga. Agora na Xunta de Galicia existe un goberno bipartito de PSOE e BNG e deberían acordar que a Xunta de Galicia retírese do recurso ao Tribunal Supremo para evitar unha incoherencia de moito vulto, para ser coherentes coas súas actuais ideas de desenvolvemento estatutario e de maiores competencias para as institucións galegas.

Neste contexto consideramos un pau de cego e un erro de vulto da actual Xunta de Galicia, tal vez por mal asesoramento, que non considere aínda a ameaza de Reganosa para a vida humana de miles de persoas e que pretenda zanxala con frases falsas herdadas da anterior Xunta, dicindo que a iniciativa de Reganosa é estratéxica ou que a construcción da Planta de Gas xa esta moi avanzada. A actual Xunta de Galicia debería tomar nota e exemplo dos organismos internacionais, estes meses, ante a presunta ameaza de Irán co seu programa de enriquecimento de uranio, e que non aceptan o pretexto de que o proceso estea moi avanzado cando se trata de riscos de ameaza de destrucción masiva de vida humana e/ou os seus recursos.

Tamén consideramos falsa a versión de que non existen outros operadores de gas natural que poidan promover unha plataforma enerxética gasista a galega, cando no cume europeo do 25 de marzo pasado o Presidente do Goberno español propuxo un mercado enerxético comunitario, con apoio moi expresivo do Xefe de Goberno británico.

Por todo iso solicitámoslle teña en conta que:
a) A actual Xunta de Galicia debería aplicar na Ría de Ferrol o mesmo criterio que na de Pontevedra para o traslado da papeleira de ENCE a un lugar afastado da poboación. No caso de Reganosa, a ubicación caprichosa dentro de Ría de Ferrol nun espazo onde existe un Complexo Petroquímico, cuxa concesión finaliza en xullo do ano 2017, explica o capricho dos promotores de Reganosa para continuar con devandito Complexo logo de 2017.
b) Os partidos que gobernan a actual Xunta lideran unha positiva modificación estatutaria en Galicia e espérase que non se esquezan respectar e mellorar as competencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como ultima instancia para asuntos de ámbito autonómico, tendo en conta ademais que a Sentenza do TSXG de 23/6/2004 contra Reganosa anula unha decisión dun organismo autonómico, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que o 11 de xuño de 2001 asinou unha falsa avaliación ambiental para Reganosa.
c) A Xunta de Galicia debería retirarse do recurso de casación que presentou ao Tribunal Supremo, declarar nula a falsa avaliación ambiental de 11 de xuño de 2001 e comunicarllo á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, organismo substantivo competente para paralizar as obras de Reganosa.

A Memoria contra a Precariedade

(Publicado o 5 de maio no Diario de Ferrol)

Celebramos en Galicia este Primeiro de Maio baixo o denominado “Ano da Memoria” democrática contra o terror franquista. A loita dos traballadores e dos sectores progresistas, que a pesar da brutal represión, sabiamente souberon combinar as loitas económicas coas conquistas democráticas e que hoxe vemos reflectida na España actual. Aínda cos tempos son distintos, deberamos sacar as ensinanzas de aqueles anos.
Estamos nunha época onde un discurso pretendidamente “moderno” tenta que aceptemos a precariedade laboral como base da nosa sociedade en aras dunha suposta eficiencia económica. Porén, podemos observar que as sociedades máis eficientes e máis integradas son aquelas onde a presenza da inversión pública e as calidade e estabilidade no emprego son os cimentos que as cohesionan. O tradicional modelo sueco neste caso é paradigmático fronte ás sociedades desestructuradas como a inglesa ou a norteamericana, cheas de traballadores pobres e cunhas amplas bolsas de marxinalidade.

O traballo lixo, trae ademais unha desvalorarización do propio concepto de emprego dando lugar a disfuncións nas persoas e tamén, un mal produto comercial ou servizo, provocando a medio prazo unha perda de competitividade. Unha empresa que abusa da precariedade laboral esta condenada ao fracaso.

Unha precariedade base dun modelo neoliberal globalizado que xoga á subcontratación (para trasladar custes), á deslocalización e a provocar novas guerras coloniais (Iraq, Irán…), con tal de que os seus beneficios económicos se vexan incrementados.
A finais do anos cuarenta do século pasado, houbo teóricos neoliberais que optaban pola precariedade fronte ao emprego estable. Consideraban que este último favorecía a extensión do sindicalismo e a contestación organizada ao poder patronal. Hoxe as grandes corporacións financeiras hipotecan a vida democrática e os dereitos dos países. Podemos afirmar ca precariedade non é unha necesidade económica, senón ideolóxica, de aqueles sectores das multinacionais que buscan a submisión das persoas, e do propio sistema democrático aos seus intereses.

Pero, é necesario ir máis alá da simple unidade de acción dos sindicatos. A orixe de cada sindicato de clase, non xustifica unha pluralidade de organizacións que non beneficia aos traballadores. Se ademais, temos en conta que basicamente, fan a mesma política sindical e se relacionan de igual xeito cos propios traballadores e co propio entramado socio – económico, ¿por que non sentalas bases da unidade orgánica, dun sindicato único con diferentes correntes internas?

Tamén, é necesario recuperar un discurso propio postcapitalista que entenda, co avance da democracia depende do avance do movemento obreiro. Tendo en conta que, agora si, o capitalismo chega a todas as partes do planeta e por primeira vez as clases traballadoras teñen no seu seno unha ampla xeración de mozos economistas, avogados, técnicos superiores, etc., base dunha alternativa para unha nova forma de entende-la produción. A pregunta está por qué debemos aceptar condicións infrahumanas impostas por unha minoría que nin sequera, quere ofertar emprego digno e de calidade. A democracia necesita da igualdade.

Dar unha resposta axeitada a este mundo globalizado non é só unha necesidade do conxunto dos traballadores, senón unha necesidade histórica onde o que realmente está en xogo é o propio sistema democrático e a súa propia viabilidade. O capitalismo é a súa negación.

Neste Primeiro de Maio debemos recupera-la Memoria histórica democrática para convertela nun arma cargada de futuro contra a precariedade laboral, e a súa superación.
Único camiño para o reforzamento da democracia, dos dereitos cidadáns, da igualdade, da paz e do propio Estado de Benestar. Un Primeiro de Maio unitario por outro mundo que é posible.
En español