Hai un tempo atrás seguín o asunto desde as páxinas da prensa local, xa que hai un proceso xudicial. Agora, podedes ler a entrevista que Enrique Castro lle fixo a Teresa París, traballadora do Club de Campo.
Os ferroláns coñecemos quen é Vilariño, actual concelleiro de tráfico e Presidente Local do PP, máis quizais non sabíamos que o que fixo no Club era para enchufar á súa sobriña. Tamén o lembraredes pola súa defensa da estatua do Xeneral Franco, ou porque a anterior Xunta de Galicia creou un posto ad hoc de “coordinador” do Edificio Administrativo situado na Plaza de España en Ferrol. Antes ese posto non existía e agora coa nova Xunta tampouco. Vese que non era necesario que “coordinara”.
En fin, sería mellor que “coordinara” o tráfico na cidade, que entre tanta rúa aberta ao ceo e a falta de planificación algún día vai pasar o peor.
En resumen visitade a bitácora de Enrique Castro, tamén recollida no xornal El Plural.
¡Teresa ánimo!
Arquivo por autores: Manuel Cendán
Ferrolterra, área metropolitana
Interesante debate habido o día 17 na emisora local de Radio Voz, sobre a posibilidade da fusión entre os concellos de Ferrol e Narón.
Fronte a unha idea rexeitada polos naroneses, xa que se pode entender como unha simple absorción por parte de Ferrol, na tertulia Rafael Pillado, vicepresidente da Asociación Fuco Buxán, introducía a idea dunha área metropolitana que, respectando a autonomía dos concellos da ría ferrolá, englobara e unificara as sinerxias dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos e Ares.
Converténdose así na cabeceira que estas amplas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal necesitamos.
Non hai que esquecer a necesidade dunha fluída relación coa futura área metropolitana da cidade da Coruña. Onde as novas infraestruturas deberan permitir a comunicación e o intercambio en moi poucos minutos de todo o norte desta provincia galega.
O futuro pasa por aquí.
A esquerda ante as infraestructuras
Tras un retraso de máis dun ano, o Alcalde de Ferrol convocou á Mesa polas Infraestructuras. Todo apunta a que despois de consumir unhas ducias de páxinas na prensa, unha vez máis, o avance no desenvolvemento territorial e da unidade das forzas sociais de Ferrolterra, Eume e Ortegal, seguirá sendo ralentilizada, basicamente, polas nosas propias eivas.
Estamos, tamén, nunha longa precampaña ás eleccións municipais onde o actual Goberno de Ferrol carece dunha xestión real que ofrecer aos veciños. Os grandes proxectos urbanísticos están á espera dun tempo mellor, e a cercanía das eleccións, crea tensións na coalición do PP e IF. Onde ao concelleiro Pita Romero, o PP pono baixo a vixianza do novo edil de Patrimonio.
Hai que engadirlle un BNG que segue sen se decatar que son goberno. Un exemplo está nas recentes manifestacións de Francisco Rodríguez. Ataca a Touriño, porque no fondo está na loita interna, buscando desautorizar a Quintana, aínda a costa de confundirse na estratexia crispada do PP.
Ou pensan algúns nacionalistas, en aquelo que afectan á Xunta, ir a Compostela, da man do Presidente Provincial do PP, a corear aquel lema que antano tanto lles gustaba, que actualizado, sería: Touriño, Quintana, a mesma cousa é. Suponse que non só teñen influencia na súa propia Xunta, e que deberían ser interlocutores privilexiados coa Administración central, aínda que só sexa por ser necesarios para o cambio tranquilo que Galicia necesita.
En calquera caso, a actual formulación de Mesa das Infraestructuras non dá os froitos desexados. Realmente non hai unha estratexia clara de como afronta-las necesidades das nosas comarcas. Hai falta dunha cabeza, dunha dirección política.
Pero, ¿Que facer? O PSOE e o BNG deberan considerar có acordo bipartito, tamén debe ter proxección para Ferrolterra. Considerándoo como un eixo estratéxico. Ademais, deberan contar con Esquerda Unida, aínda que extraparlamentaria en Galicia, ten unha importante presenza na cidade de Ferrol. E, digámolo claro: a unidade das esquerdas é a forza que transforma a sociedade.
Nunha recente entrevista na Radio Galega, o Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco por certo, cunha magnífica bitácora na Rede daba a clave. El traballou para que en Galicia se abrira unha etapa nova baixo a coalición do PSOE co BNG. Pero, dende esa lealdade, esixía á Xunta que cumpra as súas obrigas coa súa cidade (isto tamén serve con respecto á Administración central).
Por iso, non é de recibo a actitude da Conselleira de Política Territorial, de ser certa, de non querer asistir á xuntanza da Mesa das Infraestructuras coas Administracións Autonómica e Central.
Os partidos con responsabilidade de Goberno na Xunta deben tomar a iniciativa, incluso se fose necesario, creando outro modelo de Mesa, política, que reforce á actual das infraestructuras.
Deste xeito, as forzas progresistas obrigarían a Juan Juncal a deixar de actuar como o dirixente dun PP, que necesita unha plataforma electoral cara as municipais do 2007, para dunha vez centrarse como Alcalde de Ferrol buscando acordos sociais e coas demais Administracións. É dicir, menos ruído e máis traballo.
Esta nova Mesa, formada polos partidos de esquerdas e nacionalista, en resume debía ter, entre outros, os seguintes cometidos:
– Traballar para asegurar e acurtar os prazos dos investimentos nas necesarias infraestructuras,
– Pechar as pretensións de crispar e utilizar de xeito oportunista, as dificultades do proceso, os atrancos e os retrasos dos últimos vinte anos.
– Analizar se o actual modelo de Mesa das Infraestructuras debe cambiar, mellorar ou como reforzala. Asegurando a participación da Xunta de Galicia.
– Actualiza-las demandas e evitar que se introduzan elementos desvertebradores como o de Reganosa dentro da ría, que pode acabar por deslocalizar tanto a base naval, como Navantia, xunto coa perda de 700 empregos de mariscadores, xunto coa ameaza constante á vida humana.
– Iniciar o debate de cómo vertebrar a gran área metropolitana que as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal necesitamos.
Unha reflexión sobre a actual globalización
Realmente está escrito en plena Primeira Guerra Mundial, pero parece escrito con 100 anos de adianto:
O empuxe da expansión imperialista do capitalismo, como expresión da súa máis elevada madurez e do derradeiro período da súa vida, tende a transformar desde o punto de vista económico todo o planeta nun mundo produtor capitalista, aniquilando todas as formas produtoras e sociais atrasadas e precapitalistas, a converter en capital todas as riquezas da terra e todos os medios de produción, a transformar ás masas populares traballadoras de todos os países en escravos asalariados. En África e en Asia, desde o cabo Norte ao cabo de Fornos e até os mares do Sur, os restos das vellas comunidades do comunismo primitivo, as relacións feudais de dominio, as economías campesiñas patriarcais e as antiquísimas producións artesanais son destruídas e pisoteadas polo capitalismo, que aniquila pobos enteiros e borra do mapa vellas culturas, para colocar no seu lugar a produción de beneficio na súa forma máis moderna. Esta brutal marcha triunfal do capital no mundo, iniciada e acompañada por todos os medios: a violencia, o roubo e a infamia, tiña o seu lado bo: creou as condicións para a súa ruína definitiva, creou o dominio mundial capitalista ao que debe seguir a revolución mundial socialista. Este foi o único aspecto cultural e progresista da chamada gran obra cultural nos países primitivos. Para os economistas e políticos burgueses os camiños de ferro, os mistos suecos, o alcantarillado e as tendas representan progreso e cultura. Estas obras de seu, implantadas sobre condicións económicas primitivas, non representan nin civilización nin progreso, pois paga ao prezo da ruína económica e cultural dos pobos, que sufriron a un tempo todos os padecementos e horrores de dúas épocas: a das leccións do poder tradicionais da economía natural e da máis moderna e sutil explotación capitalista. Só como condición material da supresión da dominación do capital e da supresión da sociedade de clases, as obras produto da marcha triunfal do capitalismo no mundo levan o carimbo do progreso, entendido en amplo sentido histórico. Neste senso, o imperialismo traballa, en derradeira instancia, para nós.
Rosa Luxemburgo, A crise da socialdemocracia, 1916.
Ás portas doutro Maio Francés?
Antonte escoitei na Radio Galega a Ramón Chao. Ante a pregunta de se as actuais mobilizacións en Francia poderían derivar noutro Maio Francés, rotundamente dixo que si. ¡Oxalá!
O novo Contrato de Primeiro Emprego ca dereita francesa quere impor busca un camiño por onde o neoliberalismo, derrotado no Referendo sobre a proposta de Constitución para Europa, poida abrir un pouco máis a renuncia ao modelo social europeo, ao chamado Estado de Benestar.
Suporía volver aos principios dun capitalismo, que xa desaparecido o Muro de Berlín, considera que non ten por qué respecta-lo Pacto Social que dende a fin da Segunda Guerra Mundial cimentou a Europa que hoxe coñecemos. O modelo a impoñer é o neocapitalismo Made in USA, onde as grandes e graves diferenzas sociais considéranse un produto lóxico da natureza das cousas.
A dereita sabe ca educación é o principal elemento que permite ás sociedades actuais promocionar aos seus individuos por enriba das súas clases. É un instrumento de igualdade e democracia, por iso o CPE, vaise aplicar aos rapaces de 14 anos en adiante. Volveremos a ouvir que cando un chaval vai mal nos estudos, sempre será culpa del, e ao Estado que non está na obriga de investir e implementar políticas integrais que permitan a extensión da educación e a cultura ao conxunto da poboación.
Dentro da lóxica capitalista este é un gasto innecesario. Ademais, como dirían algúns vellos coñecidos do PP galego, xa se sabe cós fillos da dereita son máis listos.
A dereita encontrou na precariedade laboral unha forma de domestica-la democracia. Unha persoa en precario e con salarios míseros, xa ten bastante con ir tirando día a día, como para se preocupar pola transformación da sociedade. É probablemente, acuse da súa situación a unha esquerda parlamentaria que carece de discurso propio ante a globalización do capitalismo salvaxe.
Así,como diría esta dereita que xa sóbralle a democracia, un non morde a man que lle dá de comer: ¡Volvamos ao vasalaxe!
Agora, que algúns podemos dicir que tamén votamos non no Referendo europeo, sen por elo ser amoestados, porque se unha cousa deixou clara o pobo francés é que a Constitución Europea proposta, igual que aquel rei do conto, está espida.
Espida dos dereitos sociais e democráticos, que aquí aparecían supeditados aos intereses das multinacionais e á liberdade de mercado, que segue a ser a negación da liberdade das persoas.
O Muro de Berlín non soamente foi a fin dos restos do estalinismo. Baixo as súas pedras quedamos o conxunto da esquerda.
A veces sigo os debates económicos de CNN+. O formato é un economista ultraliberal fronte un supostamente socialdemócrata. Mais, basicamente, comparten o mesmo modelo socioeconómico. O da esquerda, iso si, defende algúns rasgos sociais, que non deixan de ser un mero verniz que non cuestiona a globalización, nin o capitalismo.
Nos anos 90, houbo un interesante debate no PSOE, publicado pola editorial Sistema, baixo aquilo que se nominou a Democracia Industrial. Buscábase cós traballadores participaran na xestión empresarial e un mellor reparto da riqueza. Agora, barallamos, simplemente, como flexibilizar o emprego de xeito máis lento ca dereita.
A verdade cós economistas do noso Partido, ultimamente están orfos de imaxinación.
¿Como é posible cun socialista sexa membro do FMI, cuxa visión do mundo é ca maioría debe traballar ou malvivir, para que unha minoría sexa cada vez máis rica? ¿Iso é democracia?
Non se pode estar sentado co Botín e os traballadores, ao mesmo tempo. Mais outro mundo é posible, e quizais en Francia como diría Chao, pero esta vez o seu fillo Manu: Próxima estación… esperanza.