(Publicado o 5 de maio no Diario de Ferrol)
Celebramos en Galicia este Primeiro de Maio baixo o denominado Ano da Memoria democrática contra o terror franquista. A loita dos traballadores e dos sectores progresistas, que a pesar da brutal represión, sabiamente souberon combinar as loitas económicas coas conquistas democráticas e que hoxe vemos reflectida na España actual. Aínda cos tempos son distintos, deberamos sacar as ensinanzas de aqueles anos.
Estamos nunha época onde un discurso pretendidamente moderno tenta que aceptemos a precariedade laboral como base da nosa sociedade en aras dunha suposta eficiencia económica. Porén, podemos observar que as sociedades máis eficientes e máis integradas son aquelas onde a presenza da inversión pública e as calidade e estabilidade no emprego son os cimentos que as cohesionan. O tradicional modelo sueco neste caso é paradigmático fronte ás sociedades desestructuradas como a inglesa ou a norteamericana, cheas de traballadores pobres e cunhas amplas bolsas de marxinalidade.
O traballo lixo, trae ademais unha desvalorarización do propio concepto de emprego dando lugar a disfuncións nas persoas e tamén, un mal produto comercial ou servizo, provocando a medio prazo unha perda de competitividade. Unha empresa que abusa da precariedade laboral esta condenada ao fracaso.
Unha precariedade base dun modelo neoliberal globalizado que xoga á subcontratación (para trasladar custes), á deslocalización e a provocar novas guerras coloniais (Iraq, Irán…), con tal de que os seus beneficios económicos se vexan incrementados.
A finais do anos cuarenta do século pasado, houbo teóricos neoliberais que optaban pola precariedade fronte ao emprego estable. Consideraban que este último favorecía a extensión do sindicalismo e a contestación organizada ao poder patronal. Hoxe as grandes corporacións financeiras hipotecan a vida democrática e os dereitos dos países. Podemos afirmar ca precariedade non é unha necesidade económica, senón ideolóxica, de aqueles sectores das multinacionais que buscan a submisión das persoas, e do propio sistema democrático aos seus intereses.
Pero, é necesario ir máis alá da simple unidade de acción dos sindicatos. A orixe de cada sindicato de clase, non xustifica unha pluralidade de organizacións que non beneficia aos traballadores. Se ademais, temos en conta que basicamente, fan a mesma política sindical e se relacionan de igual xeito cos propios traballadores e co propio entramado socio económico, ¿por que non sentalas bases da unidade orgánica, dun sindicato único con diferentes correntes internas?
Tamén, é necesario recuperar un discurso propio postcapitalista que entenda, co avance da democracia depende do avance do movemento obreiro. Tendo en conta que, agora si, o capitalismo chega a todas as partes do planeta e por primeira vez as clases traballadoras teñen no seu seno unha ampla xeración de mozos economistas, avogados, técnicos superiores, etc., base dunha alternativa para unha nova forma de entende-la produción. A pregunta está por qué debemos aceptar condicións infrahumanas impostas por unha minoría que nin sequera, quere ofertar emprego digno e de calidade. A democracia necesita da igualdade.
Dar unha resposta axeitada a este mundo globalizado non é só unha necesidade do conxunto dos traballadores, senón unha necesidade histórica onde o que realmente está en xogo é o propio sistema democrático e a súa propia viabilidade. O capitalismo é a súa negación.
Neste Primeiro de Maio debemos recupera-la Memoria histórica democrática para convertela nun arma cargada de futuro contra a precariedade laboral, e a súa superación.
Único camiño para o reforzamento da democracia, dos dereitos cidadáns, da igualdade, da paz e do propio Estado de Benestar. Un Primeiro de Maio unitario por outro mundo que é posible.
En español