Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

“Razón Socialista” nº 20, xa está na rúa

O número vinte da revista ““Razón Socialista” xa está na rúa. Esta revista nacida en 1995, e que desde 1999 é editada pola Asociación Fuco Buxán, foi presentada este martes na Galería Sargadelos de Ferrol.

Este número céntrase na situación medio ambiental da ría de Ferrol, ante a grave ameaza que supón Reganosa, que pretende poñer a funcionar unha planta de gas no interior da nosa ría. A normativa europea obriga a este tipo de instalacións altamente perigosas a ubicarse, alomenos a dous quilómetros dos núcleos de poboación. Algo que incumpre (Mehá 100 mts, Ferrol 800 mts), e para máis inri está fronte á base naval da OTAN e do estaleiro militar de Navantia.

Tamén, este novo número ten varios artigos, desde diferentes perspectivas, sobre a situación da cidade de Ferrol.
Neste número vinte participan entre outros Santiago Carrillo, a Conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, as escritoras Eva Veiga e Rosa Méndez, voceiros políticos como Iolanda Díaz (EU) ou Beatriz Sestayo (PSOE).

Así mesmo, participa, Enrique Castro, coordinador da Rede de Blogs Socialistas, o deputado Jordi Pedret, ou o fotógrafo Xosé Abad, etc.

Quen queira pode conseguir un exemplar dirixíndose á páxina da Asociación Fuco Buxán, na sección de enlaces.

A revista tamén aproveita a nova edición da Feira do Libro na cidade para achegarse aos seus lectores. Nos próximos días presentarase en diversos concellos da comarca.

En calquera caso, os que queirades nos podemos ver na Primeira Festa dos Socialistas de Ferrolterra, que hoxe celébrase no Pinar de Cabanas. Está organizada polas executivas comarcais do PSOE, UGT e as XSG. Parabéns a Iván Puentes por esta nova iniciativa.

¡Vémonos na festa!

Máis fotos

O PP Aburre

A dereita sempre foi un problema para España. Incapaz de asumir a súa derrota electoral do 14M, unha visión de Estado e democrática, hoxe organiza unha manifestación máis (baixo as siglas da AVT), contra un Goberno Zapatero que traballa pola desaparición de ETA. Unha manifestación que non vai contra o terrorismo, senón que busca a rendición do Goberno ante o PP.

É evidente que desde o punto de vista democrático poden expresar nas rúas as súas diferenzas políticas. Pero, non se pode permitir a manipulación das Vítimas, do terrorismo e da verdade histórica no proceso xudicial aberto motivado polo atentado do 11M.
A política extremista e de derrube do PP, perfectamente encarnada polo “lexionario” Ángel Acebes, tras confirmarse o fracaso político e de liderazgo de Mariano Rajoy no debate sobre o Estado da Nación recente, radicaliza e sitúa fóra do marco constitucional e democrático á dereita española.

É certo que a curto e medio prazo isto converte ao PSOE na única opción viable, desexable e posible de Goberno. Pero, para unha política de Estado, España necesita dunha dereita democrática e civilizada.

As actitudes radicais da dereita extrema que Acebes, Alcaraz (autonomeado vítima oficial do terrorismo e portavoz único) e Aznar – a Triple A do PP – están sendo a levadura dos diversos grupos ultradereitas violentos, das diversas familias falanxistas, e diversos novos partidos fascistas, que buscan a supresión da democracia e a reinstalación da ditadura nacional – católica. E hoxe participan tamén da “marcha pepera” en Madrid.

Nun Estado Democrático de Dereito, as vítimas do terrorismo merecen a atención integral aos seus problemas, recoñecemento, respecto e memoria. Pero, nunca poden exercer a xustiza fronte aos seus agresores, nin poden tampouco tutelar á política. Sería a negación do Estado de Dereito e da propia Democracia.

O sr. Alcaraz (Portavoz da AVT e irmán dunha vítima) ten dereito a facer política, pero non a utiliza-las vítimas do terrorismo contra un Goberno lexítimo. O sr. Alcaraz pode facer política, pero non ensuciar o nome das vítimas do 11M, para esconder que naquel momento Aznar era o Presidente do Goberno e Acebes o seu Ministro de Interior. O sr. Alcaraz sempre poderá facer política nas listas do PP… ou nesa futura fronte nacional ca extrema dereita está a artellar ca cegueira e os intereses particulares dos actuais dirixentes do PP están a alimentar.

Na cidade de Ferrol ao calor da defensa da estatua do Xeneral Franco na Praza de España, defendida entre outros polo actual presidente local do PP, sr. Vilariño Anca, xurdiu un novo grupo ultra e reorganizouse outro tradicional. De momento, limítanse a encher as rúas de pintadas racistas, xenófobas ou contrarias á España autonómica. A recomendar aos máis mozos a súa afiliación á organización xuvenil do franquismo. Mañá poden ser un problema de orde público para a convivencia pacífica e democrática. Nesto, a deriva actual do PP ten moita responsabilidade.

Os españois non queremos unha dereita así (nin creo que a maioría dos seus votantes). Un Rajoy secuestrado polos ultras no seu partido, enfadado, crispado e que rifa aos cidadáns. Sen máis proxecto que manter o escano, sen máis alternativa que dicir amén ao aznarismo. Incapaz de abrir unha nova etapa na dereita española.

Un Rajoy e un PP que aburren. España merece unha dereita mellor.

Carta para José Torregrosa

Benquerido amigo:

José TorregrosaO 30 de maio o Centro Cultural Torrente Ballester, na nosa cidade de Ferrol, estaba cheo até a bandeira. Ti e a túa novela “Abordajes: un relato cruel”, fúchedes que nos convocou.
Compartimos contigo a ledicia de ver publicada a obra que durante dous anos case obrigoute a estar illado. Mais, non comparto contigo as túas palabras de que escribir unha novela é un acto de soberbia. Non no teu caso.

Quen che coñece sabe moi ben da túa humildade, do teu compromiso coa sociedade; da túa, digámolo así “humidade”, xa quen está preto de ti empápase do teu carácter afable, garimoso. Ti si que es un dos bos e xenerosos dos que fala Castelao.

Cando me contan aquilo de “dime con quen andas, e direite quen es”, sempre recorro ao teu nome. So dende a túa humanidade pódese entender a túa visión da vida. Que sigas mantendo a esperanza doutro mundo que é posible. Que non gardes rencor a pesar do alto custe que tiveches que pagar por defende-la dignidade das persoas contra o franquismo.

Ti es moito máis cun amigo. Es un mito co nome propio de aqueles a raíz da represión do 10 de marzo, do chamado “Xuízo dos 23”. Represión que obrigoute a perde o teu traballo na redacción local da Voz dos 70, a padecer a tortura…

Non sabes canto lle agradezo a Rafael Pillado que en 1999 te chamara para fundar con nós Fuco Buxán. Nós… e Julio Aneiros. Lembras que foi na túa casa, falando os dous xurdiu o nome da nosa asociación. Aí coñecín eu por primeira vez “Carta para Fuco Buxán”, de Celso Emilio Ferreiro.

O 30 de maio a presentación da túa novela foi un acto propio dun escritor consagrado, a pesar de que só uns cantos a coñecíamos previamente. Pero, a ti tamén te avala o teu compromiso e todo o teu traballo a prol da cultura ferrolá. ¿Quen necesita maior garantía?
Estou seguro ca lectura agora lle permitirá á xente confirmalo. Por iso desde aquí recoméndoa.

Ademais, aínda que resulte presuntuoso pola parte que a min puidera me corresponder, ti es un dos mellores representantes do que poderíamos chamar a “Xeración Fuco Buxán”: compromiso e calidade.

Hai tamén, que engadir os parabéns a Edicións Embora pola magnífica edición, e ao compañeiro e artista Víctor G. Novás pola ilustración da portada do libro.

Un apunte final. Non sabes como te envexo. A túa capacidade de contar historias, esa capacidade de facer realidade unha andanza literaria.

Pero, para iso, como diría o amigo Ramón Loureiro hai que ter ansia de aventura como o corazón portugués ou cando menos, Merlín se preste a pasar o seu bastón máxico por riba da nosa cabeza.
Unha aperta e parabéns, José.

Máis fotos

Censura Informativa en Ferrol

Como directivo da Asociación Cultural Fuco Buxán, fágome eco da polémica que hai na cidade de Ferrol, sobre o Premio José Couso á Liberdade de Prensa a Le Monde Diplomatique, recollido por Ignacio Ramonet o día 26 de maio, hai moi pouco tamén colaborador, xunto con Ramón Chao, habituais do xornal “La Voz de Galicia”.

Ademais, Fuco Buxán reenviou o documento “Censura Informativa”, recibido dunha Asociación Veciñal de Ferrol, e por un simple erro humano dá a impresión que se subscribía a totalidade do texto, cando non é así. A Asociación Fuco Buxán quere rectificar este erro e di:
“1º.- Manifestar a nosa solidariedade cos periodistas Ignacio Ramonet e Ramón Chao, e denuncia-la actitude inquisitorial do Presidente de “La Voz de Galicia”, contraria á liberdade de expresión e ó dereito á información.
2º.- Pór de manifesto o noso desacordo coa ausencia de información por parte de “La Voz de Galicia” respecto ó acto de entrega do premio “José Couso de libertad de prensa”, organizado polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia, que nesta segunda edición recaeu no periódico Le Monde Diplomatique, dirixido por Ignacio Ramonet.
3º.- Queremos manifestar a nosa confianza na profesionalidade dos periodistas de “La Voz de Galicia”, alleos á responsabilidade da presidencia do periódico”.

Por tanto, dicir que se ben coincidimos coa filosofía de defensa da liberdade de prensa e opinión do correo da asociación veciñal ferrolá, consideramos, e eu tamén, cós traballadores da Voz de Galicia non teñen responsabilidade na liña editorial do seu xornal, que recentemente prenscindeu de Ramonet e Chao, por razóns que xa na rede todos coñecemos.

Os traballadores de “La Voz de Galicia” fan da mellor forma posible o seu traballo, coa máxima profesionalidade e merecen todos os recoñecementos e respectos.

Por iso, consideramos e considero que non se pode subscribir, de ningún xeito, o derradeiro paragrafo do comunicado da A VV.

Ver Correo Reenviado: Censura Informativa.