Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Exposición “Resistencias Palestinas” na Coruña

A ONGD Acsur-Las Segovias inaugurou o pasado 2 de setembro na Casa Museo Casares Quiroga(R/ Panaderas 12, A Coruña), a exposición: ‘Resitencias Palestinas ao outro lado do Muro’, continuando as que xa Fuco Buxán ten realizado na Comarca de Ferrol, e tamén en Santiago de Compostela.

A exposición esta aberta dende o 2 ao 26 de setembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, os domingos e festivos: de 11.00 a
14.00 horas.

Ademais, o mércores 17 de setembro haberá unha conferencia sobre a situación dos territorios ocupados, na que intervirán:

Mohamed Safa (O.L.P),

Xan Gabeiras (Galiza por Palestina),

María Xosé Bravo (Concelleira de Cultura Concello da Coruña),

e Dolores Queiro (ACSUR-Galiza).

P.S. Israel separa ás familias palestinas (ver noticia)

Tragando Sabres

 

Sarille, á esquerda

Por Xosé Manuel Sarille (Fundador da Mesa pola Normalización Lingüística

O día 2 de Xullo o LNG Rivers, de 288 metros e cargado con 135.000 metros cúbicos de gas natural, tivo problemas para entrar na Ría de Ferrol, onde se atopa a alucinante planta de gas de Reganosa, a poucos metros de Mugardos e da cidade. A mareira e o vento do sur abatíano contra a Punta Coitelada, até que os prácticos lograron subir e iniciar unha perigosa manobra de enfiamento para penetrar na ría.

Aínda que o caso pasou conscientemente desapercibido, aínda é noticia. Porque nunha destas a cousa vai en serio e ese día vainos dar o riso co naufraxio do Prestige, un xogo de nenos comparado coas consecuencias que pode ter un accidente deste tipo.

Reganosa é unha barbaridade ecolóxica e política que se parece moito á Cidade da Cultura, ao Porto Exterior da Coruña e ao topónimo da cidade. Por que ao topónimo? Polas sentenzas, polas soberbias e polas hipocresías. Choven as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza contra o establecemento e a autorización de funcionamento da planta, e os representantes políticos, pois iso, ven chover como se chovese. Non lles soa? É unha vella técnica que valeu para considerar ao alcaldón como un totalitario.

E tamén se parece en que problema é grave en si mesmo, que diría un cursiñista da escola de Marta Harnecker, pero tamén o é porque nunha sociedade civilmente fortalecida, nunha democracia de calidade, non é posíbel que calquera chisgaravís do turno electoral se poña por riba das sentenzas. Acó as sentenzas magréaas calquera delegado provincial de calquera cor. Vaia rexión.

Pubricado no semanario A Nosa Terra, 5 setembro 2008. Nº 1.323. Páxina 6.

Megasa 4º día de folga xeral

 

A máis absoluta normalidade foi a tónica da cuarta xornada de Folga Xeral, que pecha o calendario de mobilizacións deste mes de agosto, que os traballadores de Megasa Siderúrxica S.L. vimos realizando en defensa de lograr a firma do noso Convenio Colectivo e de que a Dirección da Empresa abandone as súas posturas radicais na negociación.

Mañá luns 1 de setembro de 2008, este Comité de Empresa convocará á Dirección da factoría a unha reunión. Mostramos, unha vez máis, a nosa disposición á busca dunha saída negociada ao conflito.

O Comité de Empresa valora moi positivamente a participación do conxunto dos traballadores nas catro xornadas de Folga Xeral, así como as mostras de solidariedade recibidas, e a comprensión por parte da cidadanía ás nosas demandas; esperando que todo isto sirva de reflexión á Dirección da Empresa e cambien de actitude.

 

Comité de Empresa Megasa Siderúrxica S.L.

Estrada de Castela, 802 – 820. Narón 15570 (A Coruña).