PCE-PSP?

SCarrillo-ETiernoGalván

Santiago Carrillo tivo unha gran vinculación con Ferrol e Fuco Buxán. Ser un dos fundadores desta asociación permitiume ter contacto directo con el. Vén de editarse o seu derradeiro libro “Mi testamento político” (Galaxia Gutenberg 2012), eu tiven que abrir o libro pola parte dedicada á súa relación co profesor Enrique Tierno Galván.

Soará a inmodestia, pero vin reflectida unha conversa nosa. Hai tempo, pregunteille por unha hipotética fusión PCE-PSP. Díxome que el desbotara a proposta de Tierno Galván dunha coalición. Que o seu erro foi non ver que Tierno podía ser alcalde de Madrid. O certo era que o PCE eurocomunista e o PSP marxista, eran partidos fronteira.

Di Tierno Galván en “Cabos Sueltos” que o Eurocomunismo era unha especie de “socialismo de reserva, que sustitúe en moitos sitios, lentamente, as posicións cós socialistas antaño tiñan”.

Enlace web a Letras de Cambio (Diario de Ferrol)

Piratas

A dereita sabía que as súas medidas económicas ían provocar esta recesión aguda. Buscaban só amolar á poboación e un instrumento para a dominación. Trasladaron ese esquema ao conxunto do país e das institucións.

Unha proba a temos en Ferrol. A herdanza recibida polo alcalde Rey Varela foi a dun concello solvente, pero seguiron directrices. Os cartos municipais paralizados e un plan oportunista de axuste que implica desmantelar servizos públicos, padroados municipais e o Imfacofe.

Os orzamentos do 2013 responden a ese criterio ideolóxico. Os socialistas debatendo dentro do seu grupo municipal e coa executiva local, responderon adecuadamente cun non rotundo. Quizais non esperabamos que dous días despois o PP se auto emendaría e piratearía as propostas dos socialistas. Ferrol ten unha alternativa de esquerdas e unha dereita que cada día está máis illada.

Enlace á columna “Letras de Cambio” no Diario de Ferrol.

A crise como oportunidade

A crise afúndese na Lei 6/1998 de liberalización do chan de Aznar e Rodrigo Rato, e a complicidade de Zapatero vén por non parar a burbulla inmobiliaria. O programa deste último, estivo centrado nos dereitos sociais e unha lei de dependencia sen orzamentos suficientes. Máis acorde cunha visión radical-democrática, que cunha socialista que cuestionara a hexemonía da dereita na Transición. Un crecer para un reparto desigual.

Porén, a diferenza de Italia puidemos ir a unhas eleccións no 2011, que trouxo un goberno de Mariano Rajoy e un ministro de Lehman Brothers, Luís de Guindos. Un goberno fiable para os grandes financeiros. Agora, cando amplos sectores contestan as súas receitas, incluídos moitos dos seus votantes, o seu entorno mediático reclama a complicidade socialista.

Esgotado Rubalcaba, propoñen a un Joaquín Almunia obediente a Merkel, que recupere o voto centrista das clases medias para o PSOE (escondendo que os traballadores mileuristas e os parados son a gran maioría da poboación). Vano intento, uns están sendo proletarizados, e os que se seguen mantendo como tal clase media abandonan a idea democrática, máis preocupados pola súa carteira.

Mentres, o austericidio impide a recuperación e o crecemento; os recortes son escusas para facer negocios lucrativos. Aí está a privatización da sanidade en favor de empresas como Capio, vinculada a Rodrigo Rato e Ignacio López (esposo de Cospedal). Obviamente, unha casualidade. Un acordo ou unha gran coalición entre o PP e o PSOE só é posible aceptando as políticas da dereita, recorte das liberdades cidadás e o espolio do sector público. Suporía unha implosión dos socialistas.

A crise tamén é unha oportunidade para os cidadáns e os propios socialistas; cun amplo acordo de unidade cos movementos sindicais, sociais e do conxunto da esquerda plural. A saída da crise está en máis democracia, máis sector público e máis estado de benestar. Puro socialismo.

Enlace web El Correo Gallego