Contra o conformismo

Vivimos tempos difíciles, onde a hexemonía da dereita anega todas as parcelas e parece que carecemos dunha alternativa ao pensamento único institucionalizado co teito de gasto. Quizais, o máis sorprendente sexa ver que nin partidos, sindicatos, nin incluso dende os movementos sociais teñan un contra discurso que sinale o camiño da esquerda, que necesitamos urxentemente para poder provocar unha saída progresista á crise.

Hai un factor fundamental que debe ser analizado. O conxunto das forzas políticas e sindicais asumiron por activa ou pasiva formar parte do status quo imperante, institucionalizáronse, dando lugar a uns apparatchiks que fixeron do seu cargo unha profesión, perdendo a referencia da militancia clásica e de servizo ás capas populares da sociedade. De feito reclámanse moitos, representantes dunha sociedade de clase media. Evidentemente, descoñecen o chamado de Pablo Iglesias na fundación do Partido Obreiro contra a mesocracia e advertindo dos riscos de perder a perspectiva da propia emancipación dos traballadores.

A necesidade de elaborar un contra discurso fronte ao neoliberalismo simplón imperante obriga a buscar igual que Marx o elemento revolucionario, de transformación social, que vai soportar e impulsar a acción política. Recuperar en síntese a conexión entre as organizacións tradicionais da esquerda coa maioría da poboación. Se ben é certo que o discurso ideolóxico, dende todas as estruturas que participan no deseño da hexemonía conversadora, oculta a realidade da nosa sociedade dividida en clases sociais e con intereses antagónicos, dando lugar ao baixo perfil da nosa democracia e a un Estado de Benestar en cueiros.

Unha das cuestións centrais que esquecen as nosas esquerdas, no só a de raíz socialdemócrata, é que un dos elementos básicos de dominación social segue a ser a contradición capital / traballador. Así mentres dende o discurso hexemónico oficial falan da súa desaparición e de que co capitalismo popular – de antes da crise – todos e todas pasamos á categoría de cidadáns, que de algún xeito parecía superar as diferenzas sociais e introducíanos no idílico mundo do consumismo que nos igualaba a todos/as.

Dende logo, a clase traballadora – hoxe por riba do 65% da sociedade – non desapareceu, e a acumulación da riqueza, e polo tanto, do poder real en mans das clase altas é moi máis evidente. No medio, queda unha clase media que nas últimas elección puidemos observar como aparca á súa visión radical – democrática, republicana en sentido amplo, en favor de priorizar a súa carteira, achegándose á proposta da dereita que preconizan xentes como o ministro do PP Luís de Guindos, exdirectivo de Lehman Brothers, e a dereita catalá de CiU.

Xunto a recuperar a centralidade do discurso da esquerda na clase obreira que aspira á súa emancipación, non hai que esquecer, que isto está tamén inmerso na contradición entre capital / vida. Hoxe o capitalismo resulta unha ameaza para o desenvolvemento da vida. Por iso, debemos gañar para o proxecto emancipatorio, sen lugar a dúbidas, a outros sectores intermedios que non se senten identificados coa denominación obreirista tradicional, pero que obxectivamente están na necesidade de sumar as súas forzas para ir a unha sociedade postcapitalista.

Polo tanto, resulta necesario dar resposta ao que é hoxe clase traballadora. Aínda que quizais unha primeira anotación é que á marxe de que un non se sinta ou non queira ser identificado con ela, non queda de seu fóra dela, incluso en contra coa perda da conciencia de clase. Aquí resulta máis doado elaborar o concepto en oposición precisamente á clase social modélica na que a maioría aspira a integrarse e que dende a publicidade comercial véndenos tan ben, en oposición precisamente á clase media.

Entón que requisitos deberíamos cumprir para poder integrarnos na desexada clase media? Ter estudios universitarios, ter unha profesión liberal ou similar e que nos reporte un salario alto. Evidentemente, se non se cumpren estes tres requisitos poderase ser parte dos extractos máis altos das clases traballadoras, mais non ser clase media. Non hai que esquecer ca maioría da cidadanía está excluída dos estudios superiores e que o 63% dos traballadores en activo son mileuristas ou menos. Tamén é necesario anotar que traballador/a hoxe non queda reducido aos tradicional sector industrial, é dicir, que estamos ante unha clase social que pode ter un emprego ou non, pero que necesita do traballo para poder vivir, incluídos os/as inmigrantes e os novos/as emigrantes.

Pode que resulte máis doado dende a esquerda falar de xente común ou xente traballadora. En todo caso, aí está o elemento que debe reflectir a acción política emancipadora que necesitamos construír.

Enlace a Praza Pública.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s