Chegou o momento de que nas esquerdas ferrolás fagamos Memoria Histórica dos trinta anos de democracia municipal. Xaime Quintanilla é a grande referencia da esquerda nesta cidade, pero unha operación política foránea a prol da liquidación do seu proxecto de cidade minguando o listón socialista, pechounos a posibilidade de ser unha comarca con peso propio, producindo unha longa crise no PSdeG ferrolán que chega aos nosos días.
Isto unido á crise do PCG nos anos oitenta, provocou a incapacidade da nosa sociedade para reclamar a reindustralización. Debemos sumar as renuncias da UPG dilapidando a herdanza de Xaime Bello. Agora, a derrota do socialista Vicente Irisarri é outra oportunidade perdida para Ferrol, na procura do seu sitio en Galicia.
Anuncia Rey Varela, primeiro alcalde ferrolán con maioría absoluta, que non haberá grandes proxectos e si un programa de recortes. Mais non erremos; a dereita aposta por consolidar Ferrolterra como un caladoiro de seu. Aí a aposta persoal do presidente Feijóo por el, por Diego Calvo e Santiago Boullón.
A xestión neoliberal da crise por Zapatero, a ruptura entre as esquerdas e a crise interna do socialismo ferrolán (que oculta a falta de rumbo de EU e do BNG), foron determinantes para o triunfo do PP. Só dende a unidade e rexeneración das esquerdas, as súas raíces cos traballadores e recollendo as demandas do 15M, Ferrol ten posibilidade de inserirse definitivamente no século vinteún con éxito.
Ler artigo no Diario de Ferrol.