“Hoxe unha enfermeira regaloume unha moneca. Enviouna unha nena doutro país. Vivo en Afganistán e están axudándonos, porque tivemos unha guerra. Por fin déixanme aprender a ler e escribir.”
Este texto forma parte dun conto que quere propagar ideas de solidariedade entre os pobos e a prol dos dereitos das nenas. Máis, cada vez que llo empezo a ler ás miñas fillas penso que trata dunha gran mentira.
A Sapiri real de Afganistán está sendo axudada, ou isto forma parte da propaganda occidental (supoño que non é pretensión da autora do conto) para dar cobertura á ocupación militar do seu país? Vaia por diante que non teño dúbida do bo traballo das nosas forzas armadas; pero, non estamos a ser cómplices dunha estratexia neocolonialista que pretenden adornar a verdadeira práctica dos ocupantes anglo – americanos? É hoxe Afganistán mellor que antes?
Por que o opio – primeiro produto de exportación do país – dáse maioritariamente nos territorios baixo mandato británico e americano? Por que agora necesitan pactar cos Talibáns? Afganistán, Iraq ou Libia son réximes produto da política occidental, que busca a submisión deses pobos polos intereses económicos – enerxéticos das grandes multinacionais e que andan ocupadas en afogar os desexos democráticos da Primavera Árabe.
Se queremos axudar á nena real do conto debéramos cuestionarnos as bases da hexemonía occidental. Sapiri necesita da nosa rebeldía contra a nosa farsa democrática.
Enlace a Diario de Ferrol.