Arquivo por etiquetas: socialismo
Thanks, Ireland!
Irlanda dixo non ao Tratado de Lisboa, sucesora da maltreita “Constitución Europea” (antes foron Francia e Holanda). O asunto non é que os irlandeses sexan anti europeos. Nin que sexan euroescépticos. Nin bichos raros.
A cousa é ben sinxela. Están fartos de que lles tomen o pelo. Non queren que Europa sexa un burdel onde os capitais fagan o que lles pete. Nin sesenta horas, nin Giscard d´Estaing, Blair, Merkel, Barroso, Berlusconi, Brown, Sarkozy… O capitalismo non é a fin da historia, senón un freo para o desenvolvemento da humanidade.
Os irlandeses queren unha Europa dos pobos e dos cidadáns. Unha Europa democrática, do Estado de Benestar. Igualdade, solidariedade e liberdade. Europa para as persoas, para os traballadores.
Fronte a quen pretende converter a Europa nunha mercadoría, hai xentes que falan de outra Europa que é posible. O liberalismo é a negación da igualdade e da democracia.
Para Aristóteles hai democracia cando os libres e os pobres, sendo maioría exercen a soberanía do poder. Na antiga Grecia a democracia foi a resposta dos pobres, ante a acumulación da riqueza e do poder nas poucas mans dos nobres e dos ricos. A solución á crise na construción europea é sinxela: Democracia.
Nota posterior:
A loita de clases a nivel mundial
Hoxe os traballadores migrantes, de orixe latina basicamente, celebraron o Primeiro de Maio nos Estados Unidos, fronte á data oficial do primeiro luns de setembro. Por se alguén tiña algunha dúbida o futuro da clase traballadora e da esquerda neste país, pasa por eles.
Tamén, estamos a corenta anos do Maio Francés, e xa con vintecinco de hexemonía do neoliberalismo e dunha forte erosión dos sinais de identidade da esquerda política e sindical, tanto socialdemócrata como postcomunista. Dun forte retroceso dos dereitos sociais e individuais, e baleirado do Estado de Benestar.
Recoméndovos ler o traballo de Vicenç Navarro, ex asesor de Salvador Allende, dos Clinton e colaborador do PSOE, titulado: “La lucha de clases a escala mundial”. Así mesmo, recoméndovos ler o seu libro “El subdesarrollo social de España” (Editorial Anagrama).
Na súa páxina persoal tamén atoparedes un sistema de alerta de todo aquilo que vai publicando este profesor universitario que alimenta con argumentos, datos e ideas ao conxunto das clases traballadoras e os sectores máis dinámicos das clases medias asentadas. Tamén, é un dos promotores do Observatorio Social de España.
Neste día: Saúde, República e Socialismo.
A renovación do PSdeG – PSOE
Estes días, Blas García e Enrique Castro, falaban da renovación do PSdeG – PSOE. Suso de Toro, sumouse este domingo publicando un interesante artigo.
Á marxe de que se poidan matizar algunhas cousas, no fondo da cuestión non deixa de ter razón, sobre todo en cuestións nas que coincide, e que así son percibidas, cos cidadáns galegos.
Ler, aquí, o seu artigo “Que sea de verdad”, na edición galega de “El País”.
Eu con Zapatero