A primavera nos libros

Cada quen é como é, saiban que asocio o bo tempo e a primavera – e iso que a previsión meteorolóxica é outra – ás feiras do libro, e na nosa cidade, esta semana teremos a primeira delas, para despois ir pasando polo conxunto de Galicia. Así que, de algún xeito, a primavera comeza en Ferrol.

O avance do programa deste ano da Feira de Ferrol permite saber que por aí van pasar amigos como Miguel Castro (La Cuadrilla de las olas rotas), Antón Cortizas (Palabras como moscas), así como Llerena Perozo (Os anos tranquilos) e Ana Varela (Runrún). Estas últimas dúas amosan a importancia da literatura galega feita por mulleres nestes anos, máis se o comparamos coa etapa da Transición e as primeiras décadas da Autonomía.

Unha das persoas que foi abrindo camiño para toda esta xeira de creadoras literarias, María Xosé Porteiro, estivo recentemente no Ateneo Ferrolán, presentando “As benfaladas”. Moitos apuntes fixo. En especial sobre Cuba, Concepción Arenal e a asociación “Hijas de Galicia”, a emigración das galegas prostituídas, e a participación da loita feminista contra a escravitude.

Si, a primavera está nos libros. Fáganme caso: pasen esta fin de semana polo Cantón, que hai Feira do Libro en Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/primavera-nos-libros-5263752

Os conxurados

Sufro de fetichismo cos libros, se de algo “material” non podo desprenderme é precisamente deles. Por iso chócame cando nas librarías atopo vellas edicións familiares, se ademais traen unha dedicatoria que supón, de feito, unha personalización a maiores.

Así estes días fíxenme cunha edición de “Los conjurados” de José Luis Borges que viña cunha dedicatoria: “Espero que nos sigas dejando símbolos derramados, pistas que te delaten, pequeñas y grandes cosas, diseminadas por los papeles; como tú sabes… y espero que los compartas”.

Os libros teñen unha historia oficial e outra propia e para min teñen un valor inmaterial. Supoño porque alguén dixo que para mudar o mundo, cómpre ler. E porque ademais, cando levan dedicatorias persoais (e pídolles perdón por esta vaidade) son testemuñas que os revalorizan e máis asinados por amigos como José Torregrosa, Xosé Manuel Sarille ou María Xosé Porteiro…

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/os-conxurfados/20200811201156286135.html

María Xosé Porteiro

Permítanme un comentario sobre esta periodista e escritora de recoñecida traxectoria, a cal coñecín – inicialmente – na súa etapa de dirixente política. Co transcurso dos tempos, fun o responsable da súa presencia en Ferrol para presentar a que fora a súa primeira novela “Covardes” (hai máis dunha década), que xiraba arredor da vida de mulleres prostituídas en Vigo.

Naquel tempo, tamén fun o responsable de publicar, na revista de Fuco Buxán, un artigo seu sobre violencia de xénero, acompañándoo precisamente da portada daquel libro, que xenerou un debate de se a prostitución era ou non violencia contra das mulleres.

Agora, e editado por Galaxia, Porteiro trae unha nova novela: “Sándalo”. Unha historia que percorre douscentos anos de historia, sociedade secretas, política e erotismo. Unha historia que volve a enlazar a Galicia con esa Cuba, que provócanos eses sentimentos tan preto do corazón.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/maria-xose-porteiro/20190522211251256698.html