Xohana Torres

As cousas hai que dicilas como son. “As poetas da colección Salnés”, editado por Galaxia, traballo de Patricia Arias Chachero, debe ser considerado un agasallo a Ferrol. Permítenos traer a colación outra vez a Xohana Torres. Ela tan vinculada á nosa cidade que normalmente se lle coñece como a poetisa ferrolá.

Xohana Torres forma parte desta publicación, porque foi a primeira muller que publicou na emblemática Editorial Galaxia (“Do Sulco”, 1957), que celebra agora os seus setenta e cinco anos de existencia.

Xohana foi alumna de Carvalho Calero e será unha ferrolá por sentimento e corazón. Coa súa decisión de ser unha escritora en galego, formará parte de todo ese mundo de resistencia cultural ao uniformismo nacional-católico, machista e desigualitario que supuxo a ditadura.

Patricia Arias di de Xohana Torres que é una poeta diferente, cunha forte personalidade, dunha sólida formación e cunha capacidade estética moi particular. Que vive con autenticidade. E así, comparte espazo con Carme Kruckenberg, Pura Vázquez, Manuela Couto e Anne Marie Morris. As poetas do Salnés. Na súas páxinas tamén atoparemos referencias a persoas, tan achegadas a esta comarca, como Rubia Barcia e Ernesto Guerra da Cal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xohana-torres-5298358

Epistolario

Desde onte xa hai, en algunha libraría de Ferrol, o epistolario de Ricardo Carvalho Calero e Ramón Otero Pedrayo. 320 páxinas baixo o título de “Polos camiños das horas”. É este un traballo que, por mor da pandemia, chega xusto cando acabou o ano das Letras Galegas que a Real Academia adicoulle ao intelectual ferrolán.

Esta edición a cargo de Patricia Arias Chachero, Nélida Cosme e Adrián Estévez Iglesias permítenos achegarnos ás figuras de Carvalho e Otero Pedrayo, así como a unha parte fundamental da historia da Editorial Galaxia, da Universidade de aqueles tempos e da propia Real Academia Galega.

Mais este libro é sobre todo a testemuña da longa e fonda amizade entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero. Unha publicación que conta con diversos preámbulos institucionais e unha achega específica de Alonso Montero. Un libro que, por afectar a Carvalho, ten un grande interese para Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2681163/epistolario