Segundo conto de Nadal

Quedaramos – fai un ano – en que un lóstrego (ou era un arco da vella?) provocara unha morea de luces de cores, e así na cidade do mar, non onde acada o mundo, senón onde realmente comeza, foi testemuña de que algo raro, pero estrañamente acolledor estaba a acontecer.

Os problemas desapareceran e cada quen parecía que podía acariñar os seus máis fondos desexos, pero os de verdade, aqueles que gustan porque non fan dano. A xente parábase na rúa, simplemente a falar e repartir apertas como se estas nunca foran a esgotarse. Iso causaba as risas das nenas e dos nenos, porque – como xa se sabe sempre – eles son os que teñen as súas cabezas ben asentadas sobre os ombros, non como os maiores que as van perdendo a poucos.

Agora, ninguén discutía. Todo era amabilidade, incluso ninguén devolvía aquel libro que lido, non gustara á libraría, para despois poñer unha reclamación. O mundo era o mundo, pero xa non era o dos maiores, senón de aqueles que sabían que era posible ser felices vendo aos demais ser felices. Era, deben sabelo, Nadal. E daba igual se crías ou non, se desta ou de aquela igrexa ou de ningunha. O importante era que a cidade do mar era de todos. Tamén túa. Felices festas… (continuará).

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-24/segundo-conto-de-nadal-826677.html

O Nadal está aquí

Hai a quen molestan estas festas de nadal. Mais, nunca pensei que a cousa fora a chegar a provocar un suceso como o que a Agrupación Musical Virxe do Carme acaba de vivir na rúa Dolores, en pleno centro de Ferrol. E, menos, na inauguración dun belén.

Como moitos tiven a ocasión de ver o vídeo subido ás súas redes polo Diario de Ferrol e, que seguro debe ter alcanzado unha morea de visualizacións. Pero, debo engadir que -como, no pasado, xa fun testemuña de outros incidentes nesta mesma rúa – só chamou a miña atención que se puidera ter chegado a algo tan absurdo.

A situación vivida, cun despregue das policías locais e nacionais, como se alí pasara algo máis que unha simple celebración dunha festa propia destes días, levoume a pensar en aquel conto de Charles Dickens, “A pantasma do nadal pasado”. En quen sería a nosa particular ou o noso particular “Ebenezer Scrooge”, que non foi quen de aproveitar a oportunidade para a súa “redención”.

Esperemos que, como no conto de Dickens, a pantasma do nadal futuro faga o seu traballo e á terceira, este ou esta particular “Ebenezer Scrooge” rectifique e aprenda que a vida é mellor vivila de xeito compartido, alegre e tranquilo. Bo nadal para todos!

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-12-17/o-nadal-esta-aqui-825286.html

Un conto de nadal

Houbo un tempo na que a cidade, aquela que estaba fronte o mar, tiña moreas de traballadores orgullosos de cambiar o mundo. Mais, eles deixaron de facer camiño ao andar, do gris presente ao futuro da irmandade da luz.

Pasaron os anos, chegaron elas con acentos caleños e novas xentes dunha terra oriental, a carón de outros que creceron na chaira extensa ou viñan de onde os ríos acaban nun mar de cobre labrado a golpes de maza. Chegaron as persoas de vellas linguas que falan da mai natureza e as da terra sen sombra.

Pero, tamén chegaron aqueles dos que fuxiron todos os que antes chegaran. Con moreas de cartos dos que ninguén sabía a súa procedencia. A cidade, a casa común, estaba en venda. Aqueles, como os centauros procreados nunha nube, afogaban a vida diaria. Chegou o nadal e até as súas luces negáronse a brillar. Así, todas as persoas tiñan que escoller, entre sucumbir novamente á escuridade ou coller a testemuña dos primeiros habitantes.

Como todo que ten un principio, foi ela. Naceu da mesma fonte dos dous ríos. Botou o pano que cubría a súa cabeza ao vento, este acabou na estrela que estaba na cima de unha árbore. Provocando un arco da vella que anegou toda a cidade con luces de cores. Ese foi o sinal. E este conto continuará…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/conto-nadal-4647182

Éxito de Nadal

Até o mal tempo invernal destes días foi quen de respectar a vontade das e dos ferroláns e das xentes vidas de toda a comarca, que decidiron facer súa a cidade. Nin o tráfico, nin a choiva nin o frío lograron frear este nadal. Moreas de persoas, rúas ateigadas e a decisión de saír na procura da felicidade, por moi efémera ou trivial que esta poida parecer.

O clan do “en Ferrol todo está mal” sobresaltado. Ninguén fíxolles o máis mínimo caso. Nin moito menos a aquela persoa que protestaba porque Ferrol estaba imposible por causa da cabalgata de Reis. Quédome cunha cousa lida estes días atrás neste xornal: para moitas nenas e nenos esta era a primeira vez que podían participar dun evento así, nunca viran nada igual pola cidade. Pasaron a maior parte da súa vida baixo o síndrome do tapabocas. Cando dano fixo a pandemia!

Neste nadal vimos todas as rúas do centro cheas de xentes, comercios, tendas de barrio, librarías e terrazas ateigadas. O alumeado destas datas, paxareira do Cantón incluída, un gran acerto do actual goberno municipal como nunca. Orgullo de cidade.

Permítanme usar unha expresión de dúas palabras, que usa o meu amigo Seijas, cando as cousas saen ben e hai que celebralas: un éxito!

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/exito-nadal-4134747

Volve o Nadal

Seguramente, este sexa o primeiro nadal no que a pandemia non vai a termos entretidos. Máis, coa necesidade de normalizar que temos a cidadanía. Así que non fagan caso a aqueles que viven da confrontación e pretenden crear a paranoia que puidera provocar unha recesión económica co único obxectivo de varrer á esquerda. O certo é que grazas á fortaleza actual do mercado laboral, ás medidas en contra da inflación, resistimos bastante ben os avatares da guerra provocada pola dereita rusa no corazón de Europa.

As luces de nadal, o balbordo dos nenos e das nenas nas atraccións da praza de España, as compra destas datas, así como os cafés e terrazas cheas séntanlle moi ben a Ferrol. Esquezan aos telepredicadores da crispación e do desastre final. Concéntrense uns días en ser felices. Si, incluso en Nadal. Lembren que se para nós aínda ten sentido é porque queremos ás nosas fillas e fillos.

Gocen da cidade de Ferrol. Paxareira do Cantón incluída. Do chocolate con churros, do café coas amizades. Pero, saiban que a felicidade real é a compartida. Non traten mal á camareira, nin ao dependente de comercio. Bo trato e aproveiten, a vida son momentos que necesitan ser colectivos e máis nestes días de Nadal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/volve-nadal-4099165