Un mundo de palabras

E se fora certo que escribimos porque non nos gusta o mundo e buscamos un xeito de transformar a realidade? Iso é o que din da literatura, cuestión que tamén está na orixe do propio xornalismo. Incluso, moito antes de inventarse a escritura, pintábamos historias nas cavernas. Saramago así o cría.

Teño a frustración de non saber das conversas deste co ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Na obra do Nobel portugués, “O ano da morte de Ricardo Leis” acaba coa frase “aquí onde o mar acabou e a terra espera”. Esta podería ser perfectamente unha referencia á nosa cidade.

A virtude da literatura está na súa capacidade de transformar os lugares e ás persoas comúns en personaxes literarios. Así, dicía José Saramago, en referencia ao seu avó, que o home máis sabio que el tivera coñecido non sabía ler nin escribir. Pero el e todas as persoas reais que tiña coñecido eran os seus mestres de vida.

A lectura transforma o noso mundo interior, fainos libres. Talvez por iso siga sendo estraño levar un libro ou un xornal nas mans, convertendo este simple acto nun feito revolucionario. Son dos que, igual que o portugués, pensa que ademais das conversas das mulleres, son os soños os que sosteñen ao mundo na súa órbita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/mundo-palabras-5102508

Jorge Luis Borges

Hai en min a crenza de que o escritor arxentino Jorge Luis Borges podería ser un cidadán máis de Ferrol. Seguro que polas súas ascendencias militar e literaria, crioula e anglosaxoa, moveríase moi ben dentro da vida social da cidade. De feito, non se me fai difícil imaxinarlle en algún faladoiro con Gonzalo Torrente Ballester.

Como todos, Borges ten moitos prismas e é produto das súas contradicións e do seu tempo. Foi quen de denunciar as simpatías fascistas de Perón. Defender a súa idea da cultura occidental como alter ego antidogmático do xudeu, cuestión esta que levouno ao recoñecemento de Israel, aínda que hoxe non sei cal sería a súa posición ante a diáspora palestina e a “expulsión final” decretada por Netanyahu.

Mais, o que atrae a miña atención está no seu fetichismo arredor dos libros e, sen ser crente, porque tiña unha especial devoción pola Biblia e a Kábala. Borges insiste en que a innovación vén da lectura dos vellos textos. Que os libros son obxectos sagrados, que grazas á secularización da escritura a literatura é o eixo da creación humana. De aí os varios niveis de lectura que ten cada obra, de aí a Kábala e o aleph (a primeira letra do vocabulario semita, da Torá e do nome de Deus).

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/jorge-luis-borges-4989730

Unha historia que contar

Hai unha íntima relación entre escritura, literatura e periodismo. Sei que non digo nada novo, mais ás veces convén lembralo. O asunto é ter talento que, necesariamente, debe unirse á disciplina e á longa paciencia. Sen a suma destes elementos, non seríamos conscientes da importancia da liberdade. Incluso cando a escrita é pura ficción, esta só amosa a insatisfacción que temos co mundo realmente existente que, como todos vostedes saben, este último está construído sobre as ruínas da mentira.

Lembren que escribir e ler son xeitos de protesta, por iso un libro, un xornal son tan perigosos para a orde establecida. Lembren que os grandes movementos de liberación humana saíron da capacidade de poñer as súas reivindicacións en negro sobre branco, e sempre acompañados dun xornal que facía de voceiro. A escritura, en todas as súas facetas, é o camiño que temos para superar as nosas eivas e chegar á fraternidade.

Así, esta capacidade da escrita fixo que tanto a literatura como o xornalismo, sexan un xeito de resistir, de avanzar na adversidade, de sutil protesta, de escapar e debuxar outro mundo mellor. Agora ben, como dicía hai pouco Paula Carballeira, no Foro Galego Literario de Valdoviño, o importante é ter unha historia que contar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/unha-historia-contar-4667782

Ilustrísima

A paixón polos libros lévanos a algúns a buscar na rede vellas edicións, aínda así un procura acabar localizando o enderezo físico da libraría pertinente. Así estes días fun quen de lograr unha primeira edición de “Ilustrísima” de Carlos Casares (Galaxia, abril 1980).

Outras das cousas é a “pretendida” vixencia dos libros. Neste caso, podemos dicir que a “Ilustrísima” de hai corenta anos segue a estar moi actual. Desenvólvese na cidade natal do autor, Ourense, e na España do ministro liberal e ferrolán José Canalejas. Unha trama tan de hoxe como a necesidade da tolerancia e dun diálogo que faga fronte ao integrismo relixioso, aos seus grupos sectarios e aos perigos da violencia que busca impoñerse a costa da liberdade das persoas e da súa propia sociedade. Incluso o xeito de contar de Carlos Casares segue a ser contemporánea, non máis que algunha corrección ante tanto cambio de normativa no galego.

Á marxe disto, dicir que sabía da tradución do Rei Lear por Álvaro Cunhal para Caminho (todo lector de galego – cun par de notas – pode facelo en portugués). Pero, descoñecía a existencia dunha propia de Casares para nenos, da Colección Dragón Vermello, con ilustracións de Teresa Cáceres.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ilustrisima-3879222

Do xardín do saber

Estas tardes que todos desexamos para estar no acougo das terrazas lévanos a aproveitar e, a carón dunha cervexa, andar de faladoiros cos amigos, á vez que un aproveita para mirar a prensa ben sexa en papel ou en formato dixital. E estes días que moitos autores ferroláns estivemos a pasar pola feira do libro da Coruña, alégrame saber que o profesor e amigo Henrique Dacosta “vai pechala” asinando a súa novela “Entrada ao xardín do saber”.

Precisamente, non hai moito tiven ocasión de compartir unha tarde con el e outros amigos neste café tan literario como é o Derby. Así que permítanme recomendarlles que se acheguen ás obras deste escritor noso, que o verán dá para moito e non hai nada mellor que acompañalo dunha boa lectura tranquila. A vida é isto, momentos. E seguro que temos un intre para este xardín con saberes e ese “man a man” de Vicente Risco e a precoz líder feminista Hildegart Rodríguez.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/do-xardin-do-saber-3853782