De costas ao tren

Escoitei na radio a un voceiro da Plataforma de Defensa do Tren Ferrol Ribadeo. Amosaba as críticas de como se mal xestionou a liña de Feve. Con numerosas incidencias, avarías, esperas e transbordos a buses, con redución de revisores e servizos cando maior era a demanda este verán. Falaba dunha “clara intencionalidade de molestar e expulsar aos usuarios”, dun auténtico boicot.

A administración, RENFE e Adif teñen a impresión de que o “tren da costa” é unha extravagancia, que non é rendible e que non paga a pena. Ademais, pretenden xestionar este tren, basicamente rural, como se fose o metro de Madrid, de aí a súa teima en reproducir o sistema de mallas pechadas entre paradas. Son incapaces de ver o carácter estratéxico para Galicia e o norte de España, incapaces de ver o seu potencial para o desenvolvemento sostible do territorio, do patrimonio natural e cultural e para un turismo de calidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-costas-ao-tren/20180913001351236876.html

Aduanas

O interese xeral e a solidariedade non son feitos que abonde nas Administracións. Normalmente, cada unha actúa dándolle pulo ao seu e se poden fan caixa, para despois vendernos iso como xestión. Así que a resposta do Goberno de España, a raíz do antigo edificio de Aduanas de Ferrol, é a esperada. Non o van ceder de balde, hai unha lei en vigor que o prohibe e o teñen á mellor oferta.

Pero, este inmoble só merece unha pregunta parlamentaria? De veras -no Gabinete ministerial e a persoa titular- saben que, as e os ferroláns, o queremos para nós? Alguén notificoulles oficialmente o deterioro do edificio, que é un foco infeccioso? Dende o Concello foron quen de implicar, por exemplo, á Deputación? Hai financiamento para rehabilitar e acordo de usos? Hai unha proposta ao Ministerio de venda simbólica ou é posible algún tipo de intercambio? Fixemos os deberes? A política é buscar solucións.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/aduanas/20180822230933234819.html

O’Sino

O das autoestradas si que é un bo negocio. Aí está a fraude das feitas en tempos do PP madrileño, aquelas que non tiñan coches, e que foron rescatadas cando deixaron de ter os beneficios que pretendían. Por suposto, con fondos públicos, é dicir, a costa dos nosos petos. En Galicia está o caso da AP9, sobradamente amortizada e agora en mans dun fondo voitre, que pretende seguir coa galiña de ouro a todo filispim.

Vén isto a conta pola parte que nos toca. Lembran cando rompeu a ponte das Pías e, por medio, fíxose o Acceso Norte e decidiron a gratuidade dos tramos de Ferrol? Pois, tampouco foron de balde. Vinte e cinco anos máis de concesión. Iso si, para que suframos enlaces como o do Sino. Menos mal que nos auto-regulamos e ás veces, como alma caritativa, limpan a maleza que sempre acaba por ocupar a vía de acceso. Saben que foi da emenda socialista aos PGE de Rajoy do millón de euros?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-sino/20180816013513234250.html

Unha cervexa, por favor!

O título non é por unha tolemia temporal, falta de cabeza ou por pasarme de freada. Non, só pretende dar a benvida a este primeiro festival da cervexa artesanal, que celébrase estes días na nosa praza da Constitución. Como moitas cousas que pasa nesta cidade, parte dunha iniciativa privada que vén a traballar por unha inexistente “marca Ferrol” ben necesaria. Así vemos como outros concellos teñen o seu festival folk ou o seu resurrection fest consolidado, nós non temos nada semellante.

Sacando este primeiro festival cervexeiro, os eventos que atraen á turistas e ao público en xeral, este mes de xullo, foron a parar a outros concellos. Mugardos ou Fene por non ir moi lonxe. Igual hai que pararse a pensar que Ferrol necesita unha programación que vaia alén de simples saltos de ra, que non se trata con ir dando a impresión de andar cumprindo por cumprir ou esperar ás nosas festas de agosto.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/unha-cervexa-por-favor/20180719004106231718.html