Abrir a muralla

Na temporada alta do verán, este país queda paralizado e o mundo queda reducido a unha terraza fronte ao mar e un par de libros. Por iso, pretendía deixar á marxe a política municipal, xa tan condicionada polas vindeiras eleccións.

Pero, en Ferrol adiantouse o outono político. Iso si, deixando tamén as claras as estratexias de cada formación. Así o BNG e o PP, no pleno da semana pasada, deixaron á zona rural sen saneamento ao impedir coa suma dos seus votos a aprobación das contas de Emafesa. E xunto con FeC, apostaron por seguir impedindo que haxa novo contrato para Parques e Xardíns, cando o informe xurídico foi categórico marcando as marxes legais do mesmo.

Fronte á “gran coalición”, o alcalde socialista Ángel Mato e a súa proposta para un novo aparcadoiro en Esteiro, abrindo máis muralla entre Batallóns e Navantia. Duascentas corenta prazas cun orzamento previsto de dous millóns de euros. Acertada proposta que si ten un efecto disuasorio, eliminando presión de tráfico rodado do centro da cidade pero a un paso de todo. Esta colaboración urbanística entre Concello, Navantia e Defensa abre a cidade ao mar, indo na liña correcta do que ten que ser un proxecto de cidade nestes tempos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/abrir-muralla-3870392

Maduren, por favor

En Ferrol hai quen desde a política local segue a vivir nun perpetuo día da marmota. Se non como cualificar as recentes palabras dos dirixentes da dereita local que volven a choricar co aparcadoiro na praza de Armas. Iso si, ocultando que este poderíalle ter custado ao Concello uns seis millóns de euros e, para amortizalo, unha área comercial xusto encima. Revisen as hemerotecas radiofónicas e as opinións dos técnicos.

Sería axeitado deixar de estar á espera coa primeira ocorrencia. Se a oposición leva tres anos a velas vir, non é de recibo. Deberan deixar de provocar este ruído nesta torpe precampaña. Ferrol necesita da competencia propositiva das súas forzas políticas. Crezan, fáganse maiores e maduren por favor. Igual deberan comezar por preguntar nas rúas hoxe peonís polas obras. Igual saberían que, sen coches e sen tráfico, aumentaron as visitas aos escaparates e as compras dos consumidores.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/madure-favor-3745739

Quince meses

Estamos a quince meses das eleccións municipais e tras o incendio, acontecido na dirección estatal do PP, é evidente que estamos nun novo escenario que vai ter unha influencia determinante. Está por ver se a vella dereita vai ser quen de frear a súa sangría cara aos ultras ou se ben, en Ferrol, vai favorecer o agromar unha candidatura deste perfil antidemocrático.

Desde o goberno municipal vanse anunciando unha xeira de intervencións, moito máis alá dun simple retoque urbano e que vai a cambiar de extremo a extremo a cidade tal e como agora a coñecemos. Mentres, tanto Ferrol en Común coma o BNG quéixanse de que non teñen influencia nas políticas desenvolvidas polo alcalde socialista Ángel Mato. Son as consecuencias directas de quedarse fóra do grupo de goberno. Estar fóra, máis cando a oposición e única alternativa real está liderada por José Manuel Rey e os Populares, éche un mal negocio.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/quince-meses-3456094

Anuncios electorais

Hai que felicitar a Martina Aneiros que, tras once anos de concelleira, ocupa xa a delegación territorial da Xunta de Galicia para Ferrol. Este é un nomeamento cunha grande carga política e electoral, reforzado ademais cun perfil persoal e profesional estreitamente vinculado á cidade.

É certo que ás urbes séntalles ben os períodos preelectorais. Tras a nova delegación da Xunta – esperemos que con contidos reais – chegan unha serie de novas por parte de Feijóo, que máis parece terse autonomeado concelleiro número vinte e seis de Ferrol.

O anuncio dunha nova senda peonil e carril bici do porto até a Cabana ou a Zona Rexurbe para Ferrol Vello parece que deixan de ser un simple cartel á carón da Praza Vella. Incluso é gratificante saber superadas as reticencias da dereita cara á figura de Carvalho Calero e a súa casa natal da rúa San Francisco. Ou o financiamento “ilimitado” das ampliacións do Marcide.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/anuncios-electorais-3426153

Emprendemento

Importante noticia a recollida por este xornal e, máis, cando aínda estamos saíndo a poucos (sexamos optimistas) desta estraña situación da Covid-19: o programa de apoio ao comercio minorista, subscrito polo Ministerio de Industria e as Cámaras de Comercio coa participación da concellaría de Promoción Económica de Ferrol, encabezada por Mayte Deus.

Dar apoio a este sector maltratado polas diversas crises económicas, sanitaria e a competencia desleal das grandes plataformas globais e fomentar alternativas para locais vacíos e novos emprendementos é unha necesidade que debera axudar aos autónomos e ao comercio de proximidade.

E hai que ser extremadamente didácticos. Explicar claramente a contía das axudas, destinatarios finais e simplificar trámites. Así como facer pedagoxía cando se refiren ao “laboratorio de ideas” ou como van facer realidade os “grupos motor”. A iniciativa paga a pena.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3337468/emprendemento