Esperando os bárbaros

Estes días estiven lendo un artigo do periodista Xabier Fortes titulado: “Esperando a los bárbaros”. Unha defensa do periodismo, da información veraz e dos periodistas que están sendo criticados, e en moitos caso acosados, por non censurarse e menos prestarse a ser cómplices da mentira.

Non coñezo ao periodista, pero por cousas da vida, si coñecín – hai máis de trinta e cinco anos – ao pai, Xosé Fortes Bouzán. Nesa época, quen subscribe esta columna, acababa de chegar á executiva comarcal socialista, adscrito á secretaría de organización que dirixía Carmelo Teixeiro, sendo secretario xeral Bonifacio Borreiros. Sobradamente coñecidos en Ferrolterra e na cidade naval.

Un día acompañei a Borreiros e acabamos en Pontevedra ceando cunha persoa, da que entón eu non me decatei da súa verdadeira importancia até moitos anos despois. Para aqueles meus vinte e poucos anos, Xosé Fortes era un militar reconvertido en profesor de historia. En fin, uns destes regalos que dáche a vida, cando só mereces un tirón de orella. Estaba eu ante un dos fundadores da “Unión Militar Demócrata”, á que tanto deben as nosas actuais forzas armadas. Un Xosé Fortes quen tivo que vivir entre os “bárbaros” do franquismo.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2025-10-08/esperando-os-barbaros-810386.html

Carmelo Teixeiro


Foi a actual Corporación Municipal quen aprobou darlle ó Parque do Paseo Marítimo de Caranza o seu nome. Alí, este sábado a media mañá Fuco Buxán, Comité Cidadán de Emerxencia, amigos e veciños homenaxearán a súa inesquecible figura.

Coñecímosnos uns meses antes das eleccións municipais de 1991, no comité comarcal de campaña do PSdeG-PSOE; iniciamos así unha longa traxectoria vital que xuntos levaríanos a participar con outros compañeiros e compañeiras na fundación da revista Razón Socialista na que publicou asiduamente, Fuco Buxán – do que foi o seu primeiro presidente – e o propio Comité Cidadán. Non hai que esquecer o seu papel na Transición antifranquista e na conformación da UGT de Galicia.

Carmelo sempre apostou polos proxectos colectivos e de transformación social e democrática. O seu sempre foi un traballo en positivo, contra as realidades inxustas. Tivo un papel fundamental na defensa dos intereses colectivos de Ferrolterra, Eume e Ortegal e na defensa da nosa ría.

Ferrol é unha cidade moi peculiar; por unha banda conforma un xeito de ser, unha tradición especial e específica, que ten os seus mellores representantes en xentes como Quintanilla, Xulio Aneiros, Pillado e o propio Carmelo, e pola outra, persoas así conforman unha cidade única e irrepetible, fusión da mellor tradición ilustrada e do mellor movemento obreiro que trouxo a Democracia a este país.

Van xa tres anos e seguimos a sentir a súa presenza.

Ver Diario de Ferrol.

Carmelo Teixeiro, un compromiso cos demais

O 9 de maio de 2007 entraba pola Ría de Ferrol o primeiro gasero cara a Reganosa. Ese mesmo día rompéronse os muros de silencio e recoñeceuse a loita que levaba a cabo desde facía 7 anos o CCE presidido por Carmelo Teixeiro. Unha loita que se viu plasmada no libro “Muros de Silencio”. Neses días espertouse na conciencia de moitas persoas un sentimento de rabia e loita que se reflectiu nas múltiples protestas nas rúas de Ferrol e en cidades de toda Galicia.

Unha das persoas que conseguiu, tras 8 anos de traballo, que rompesen eses muros de silencio, foi o noso compañeiro e amigo Carmelo Teixeiro. Unha persoa tenaz e cun espírito inquebrantable, que se mantivo firme desde o principio. A loita incansable de Carmelo polo desenvolvemento sostible da ría, revela unha personalidade especial que se foi contaxiando a moitos de nós.

Os compañeiros de Fuco Buxán e persoas que souberon recoñecer o seu traballo, realizamos unha pequena síntese do “seu compromiso social, político, cultural….. cos demais”. Intentamos reflectir en poucos minutos o seu traballo por unha sociedade máis xusta.

Quizá a súa imaxe tivo maior transcendencia pública polos acontecementos relacionados coa Planta de Gas e coa ría, pero moitos sabemos que o seu compromiso coa democracia viña de tempo atrás co seu paso pola JOC, USO-UXT, PSOE,….

Por iso queremos recoñecelo neste traballo e aínda que a el gustáballe pasar desapercibido, cremos que o seu labor ten que ser recoñecida para pasar a testemuña nesa loita.

Grazas a todas as persoas que colaboraron neste proxecto, achegando material, tempo e traballo. Fernando, Amadeo, Carducho, Mario. E de xeito especial a Jorge pola túa ilusión e o teu entusiasmo e por involucrarte do xeito en que o fixeches; e a Marichy, por esa sensibilidade que a caracteriza sempre.

Teresa Martínez (directiva de Fuco Buxán)