Sempre sorprendeume que os nosos políticos en vez de sentirse presionados polos veciños, muden de opinións cando son os grandes grupos financeiros os que defenden os seus intereses, aínda que sexan ilexítimos ou ilegais. E ameazar aos ferroláns co emprazamento mugardés de Reganosa o é.
Ademais, resulta chocante que as disciplinas de partido o sexan sempre para ir en contra dos intereses da nosa cidade, dos nosos intereses como cidadáns. Sobre todo, porque ata hai pouco, tanto no PSOE como no BNG, as súas bases, as súas resolucións políticas, e os seus compromisos sempre foron: Planta de Gas, si, pero fóra da ría.
Deste último Pleno municipal resulta chocante ver ao noso alcalde pedir que se incumpra a sentencia 536/2004 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ademais, sendo auxiliado por quen mira para outro lado, como si defender Ferrol non fora con eles. Participar na comisión dunha ilegalidade, ben aplaudindo ou sendo testemuña muda, failles corresponsables no futuro do que puidera acontecer en materia de seguridade, e de agresión ao medio natural á nosa ría, se finalmente a vulneración das Leis se consolidaran. A partir de agora, é de esperar que o señor alcalde cumpra coa súa obriga de sustancia-las resolucións do Pleno municipal.
Fronte aos cantos de sirena dos poderosos, que se consideran por riba do interese xeral, por riba das persoas e das leis, as actitudes de persoas como Fra Molinero toman unha relevancia excepcional.
Fronte a quen desde os seus libelos impresos, practicamente, pedía o linchamento deste concelleiro, hai que dicirlles que Fra acaba de prestarlle un gran servicio a esta cidade. Fra Molinero foi coherente co mandato dos cidadáns, e ademais, defendeu a legalidade en materia de seguridade e medio ambiente.
Son outros os que traizoan as disciplinas que só valen en democracia. A obediencia debida aos cidadáns, o respecto no desempeño do seu cargo á vontade popular e á legalidade vixente. Son outros, que mudaron de opinión e de fidelidade -, os que en todo caso deberían poñer a disposición dos cidadáns as súas actas de concelleiros.
Hai unha crise de lexitimidade na nosa cidade, especialmente na maioría das forzas progresistas. Traballar por ensanchar a brecha cos separa dos cidadáns, pódese acabar transformando, co tempo, nun novo voto de castigo que traiga outra configuración ao mapa político ferrolán.
É unha mágoa a renuncia de Fra Molinero. A súa o é dunha democracia, que se por algúns fora, estaría sometida a que ten o poder económico. Mais, Eduardo Fra debería reconsiderala. A coherencia e a defensa dos cidadáns non pode ter máis que parabéns.
Fra acaba de amosar ca decencia en política aínda é posible. Esta cidade a pesar dos seus febles partidos aínda ten amaño.
Gracias, Fra.
Fundamentalismo Católico (4-8-2004)
Desde o triunfo electoral do Partido Socialista estamos asistindo a un aumento da agresividade da xerarquía católica en contra do goberno de Zapatero, e da propia convivencia democrática.
O fondo da cuestión, está en que a derrota do Partido popular é asumida como propia pola xerarquía católica. A pretensión de restaurar o nacional catolicismo na sociedade española, que tanto apoio tivo de Aznar, sufre agora un atranco cos novos aires laicistas do 14M.
A involución que estamos a ver no cume da Igrexa católica, sen embargo, é algo que xa vén de moito atrás.
Tras un papel positivo nos inicios da Transición democrática, os seus sectores máis comprometidos coa xustiza social foron e seguen a ser perseguidos pola Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe. Apoiándose nas diversas sectas católicas, nas súas relacións cos estamentos inmobilistas do Poder, a súa abafante influencia no ensino e en determinados medios de comunicación; os afganos desprazaron aos católicos de cultura democrática e popular.
Neste panorama o atrevemento desmedido do Arcebispo de Santiago o 25 de xullo diante das autoridades democráticas é un paso máis no camiño.
Quizais vai sendo hora de que definitivamente alguén lles diga que a unión entre dúas persoas, os fillos, a adopción, a orientación sexual, decidir ser crente ou non, etc.; son actos de vontade persoal que deben respeitarse, e polo tanto, darse desde a máxima autonomía e liberdade.
Os actuais machismo, homofobia e misoxinia da xerarquía católica nada teñen que ver coa Fe, e si, coas propias eivas dos seus membros. En calquera caso, a Igrexa Católica está na obriga dunha profunda democratización da súa estructura e pensamento, sobre todo en catro aspectos: a sexualidade, a igualdade das mulleres, a liberdade das persoas e a súa implicación nun cambio progresista de civilización.
Deben entender que as crenzas relixiosas son un feito estrictamente privado, aínda que teñan unha dimensión pública. O contrario é puro totalitarismo. Por iso o laicismo e o aconfesionalismo non é unha opción, senón o espacio de convivencia entre católicos e non católicos.
Asemade, os políticos deben dunha vez por todas separar ás Institucións públicas da relixión. Non é entendible a presencia do Xefe do Estado, do Presidente, da Xunta de Galicia ou dun Concello nun acto relixioso. Á marxe do que poda ser recibir oficialmente, polas Institucións, ás diversas confesións presentes en España.
Evidentemente, non creo que os actuais mandatarios eclesiásticos renuncien á súa parcela de poder en favor dos pobres e a mensaxe igualitaria do cristianismo orixinal.
Tamén, esto último explica parte do por qué algúns abandonamos o catolicismo. En calquera caso, espero que este artigo lle sirva ao señor Bispo de Ferrol Mondoñedo para testemuñar a miña apostasía.
Palestina: A terra prometida (Nº 18, 2004)
O pasado ano desde Fuco Buxán organizamos sendos actos onde Palestina era un dos eixes. O acto contra a guerra de Iraq e solidario cos pobos palestino e iraquí; ademais, de presenta-lo libro Palestina, grito por la Libertad (Edicións do Castro), do Delegado da OLP en Galicia Mohamed Safa.
Estamos asistindo ao final dun ciclo no Próximo Oriente. A victoria electoral de Bush pode supoñer unha profundización da guerra como instrumento de dominación, en contra das liberdades cidadás, e de botín sobre as fontes enerxéticas que necesitan as multinacionais americanas. Todo elo, envolto cun discurso integrista cristián.
A enfermidade de Yaser Arafat obriga a unha transición en Palestina de difícil camiño e incerto destino, sendo necesario, aínda que non suficiente, un amplo acordo nacional. Os palestinos son un pobo masacrado polo Estado de Israel. O chamado terrorismo palestino afunde as súas raíces no terrorismo israelí, e para que desapareza é imprescindible recoñecer ao pobo palestino os seus dereitos inalienables. Un Estado Palestino en Palestina.
A mediados de xaneiro do 2005, dende esta entidade socio cultural, conscientes da necesidade dunha aproximación ao mundo árabe, imos organizar unha semana solidaria co Palestina. Contaremos con presencias ao máis alto nivel da Delegación de Palestina en España (Embaixada).
Así como, con ONGS que desenvolven o seu traballo humanitario nesta terra; exposicións e cun ciclo de cine palestino.
Outro mundo é posible, e Palestina tamén é a Terra Prometida para a Paz e o entendemento entre as Culturas.
A PELOTA VASCA DE JULIO MEDEM (9-9-2003)
Durante dúas semanas estivo a película documental de Julio Medem nas salas dos Multicines Galicia, o cal é de agradecer, xa que non é unha película comercial, e se non abondara coa falta de promoción, neste caso ten tamén o veto da Ministra Pilar del Castillo.
Este documental a través de setenta entrevistas achéganos dunha forma seria e sen maniqueísmo á violencia política que se vive en Euskadi e Navarra. Comprender a situación do que está a acontecer nestes territorios é hoxe case imposible ante o control político que o Goberno e os seus amigos exercen sobre os medios de comunicación de ámbito estatal.
Empeza o director dedicando a película a todos os vascos, os presentes e aos ausentes. Botando en falta a aqueles que non quixeron participar.
Esta é unha radiografía do País Vasco actual desde a diversidade. Medem dálle a palabra a todos os que participan da vida social e política de Euskadi. Queda fóra ETA e por decisión propia o PP; aínda que de xeito indirecto si están representados a través do secretario xeral do PP Navarro (UPN), e por familiares de concelleiros asasinados pola súa militancia no mesmo.
Pero, é ben certo que o PP e a súa política impregnan todo o tempo a cinta. Non en vano, unha parte da solución tamén está en que as súas posturas involucionistas sexan aparcadas. A derrota policial de ETA mitigará a dor das víctimas e evitará novos atentados, pero non vai soluciona-lo conflicto. Probablemente, a súa desaparición traerá consigo o reforzamento do PNV como casa común do nacionalismo vasco.
A situación de Euskadi afunde as súas raíces na violación que o pobo vasco tivo por parte do franquismo, e aínda que unha parte do nacionalismo vasco vexa a ETA con certa ambivalencia, o certo é que é fiel fillo do seu pai “biolóxico” o Xeneral Franco.
Este é un documental que invita á reflexión e ao diálogo entre as forzas sociais e políticas de Euskadi. Da necesidade que xuntos teñen de elaborar un novo concepto de cidadanía, onde a ninguén se lle pida un certificado de orixe. De respecto e tolerancia, para unha convivencia pacífica. Polo reencontro entre nacionalistas e non nacionalistas. Evidentemente, a base é un acordo dos socialistas co PNV. Mais cada un necesita mudar actuais comportamentos.
Pero, pasa iso é necesario, como di o subtítulo que a pel loite contra a pedra. Esa pel é o pobo vasco, que necesita arranca-la enorme pedra que bloquea o diálogo e degrada a convivencia.
Así mesmo, Medem dá unha lección de cómo hai que facer documentais. As entrevistas están mesturadas coas paisaxes da terra vasca, con referencias a documentais de Orson Welles, aos pelotaris, a imaxes recentes da historia vasca, e sobre todo a música tradicional de Euskadi. Cancións que debullan a necesidade dunha Euskadi en paz e para todos. Cancións que enchen a alma de esperanza.
FERROL Á VENDA (17-10-2003)
Nos últimos anos Ferrol foi perdendo poboación, en cantidades tais que podemos afirmar que o encarecemento da vivenda na cidade supón unha sangría tan importante como, no seu día, supuxo a reconversión naval.
Se pola mínima estamos dentro da Lei de Grandes Cidades, cando menos resulta necesario debater se o desenvolvemento especulativo, que xa sufrimos desde hai varios mandatos municipais, é o apropiado. Sobretodo, agora que dedícanse páxinas enteiras ás propostas da actual equipa de goberno ferrolá, que pretende que chan público pase a mans privadas, sen saber ben cales serán os beneficios para os cidadáns.
Non se trata de entregar, sen máis, terreos que son propiedade da colectividade, para facer urbanizacións de alto custe que obrigan ás rendas baixas e aos xóvenes a marchar fóra do municipio, na procura de prezos máis baixos.
Sería de interese xeral que no desenvolvemento do Ferrol do futuro participásemos todos os cidadáns. ¿Cal é a previsión de vivenda protexida que, basicamente, están dirixidas a traballadores con rendas medias? ¿E a previsión de vivenda social para os que non poden acceder ao mercado que, por exemplo, poderíamos ubicar en solo urbán propiedade do Estado (Renfe, Ministerio de Defensa, etc.), e que está en desuso? ¿Cal é a previsión de vivenda de alugamento para parellas xóvenes, inmigrantes e de vivendas con servicios compartidos para maiores? ¿ Cal é a previsión para equipamento público e de ocio para os cidadáns? ¿Respectan as actuais propostas municipais o Plano Xeral de Ordenación Municipal, ou vaise modificar para mellora-los beneficios económicos das constructoras?
Aquí non vale o deixar facer. Quizais algúns necesitan lembrar o artigo 47 da nosa Constitución: “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedi-la especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos”.
A Institución Municipal é un poder público, e polo tanto, ten que garantir este dereito constitucional. Hai tamén outras formas de xestiona-lo urbanismo, como sería que o propio Concello se converta en promotor público de vivendas, ou de cooperativas, sen descartar fórmulas mixtas con participación privada ou de outras Administracións.
A política de vivenda xunto coa de emprego son das que marcan de xeito fundamental a orientación social dun goberno. Pero, que o concelleiro de urbanismo da nosa cidade minusvalore o chamado pelotazo urbanístico ou que o de facenda, nun recente debate na televisión local coa anterior responsable, aposte por precarizar o emprego público dan fe de que estamos ante un goberno de costas aos cidadáns.
Un goberno que aposta porque uns poucos especulen coa vida de todos nós, mais outro Ferrol é posible.