Arde París

Arde París e toda Francia. As imaxes que veñen de alí amosan claramente a violencia que sae das entrañas do país galo. Quizais sexa certo o que din as súas autoridades, e que está xenerada por narcos e islamistas radicais. Máis, ¿cambia iso algo?
A mensaxe é clara. Os desherdados do capitalismo francés espertan do seu soño, e o fan coma a cólera agachada tras moitos anos de desprezo, racismo e explotación.
Botarlle a culpa á inmigración non serve de nada. Se están en Francia é porque aos empresarios interesoulles no seu día, tanto como para rebaixar as reivindicacións do traballadores franceses, coma para que ocuparan aqueles traballos penosos que ninguén quería.
Estamos nunha etapa de aceleración dos procesos históricos. O capitalismo global é máis forte ca nunca, pero resúltalle cada vez máis difícil agachar as taras sociais que provoca. Necesitamos un cambio de civilización.
¿É lícito en democracia que unha minoría vivan do traballo dos demais, e que ademais estes últimos vivan na precariedade?
Hai unha segunda lectura tamén. A esquerda non foi quen de traballar por integrar aos vidos doutras terras. Tanto o PSF, como o PCF, foron incapaces de traballar pola integración dos sectores máis dinámicos dos novos franceses, e se algúns eran integrados nas súas organizacións, estes ocupaban postos secundarios, onde non molestaran aos “franceses de pro” e á imaxe pública do partido.
A estas alturas deberíamos saber que se o Socialismo é posible, virá da man dunha alianza entre a vella esquerda europea e os novos descamisados.
¡Lembrades que o principal argumento, que tiña o PP contra a legalización en España por parte do PSOE, era que os inmigrantes serían os futuros votantes socialistas!
Nun recente artigo que publiquei na prensa falaba de que unha das tarefas por parte de esquerda local era traballar pola necesaria integración dos inmigrantes na nosa cidade. Esta debería deixar de ser un mero discurso “progre”, e concretarse en feitos reais.
Se o mundo ten futuro, este será mestizo.

USA e o SPD

A exportación da tortura a países do leste europeo por parte da CIA amosa claramente o retroceso nas liberdades cidadás e no respecto aos dereitos humanos.
Aínda ca maioría dos países de Europa oriental rexeitaron a súa colaboración na existencia de cárceres secretas (todo apunta, segundo os medios de comunicación, á pro norteamericana Polonia), a noticia crea unha grave crise no conxunto da Unión Europea.
O noso continente non pode permitir baixo ningún concepto a vulneración dos dereitos básicos das persoas. En todo caso, tras o apoio de Blair e Aznar á ocupación de Iraq, este suceso non sería máis que o desenvolvemento lóxico de mirar para outro lado.
Non é estraño que os EEUU rexeiten estar baixo a xurisdición do Tribunais Internacionais. O avance da democracia e dos dereitos humanos esixe a retirada das forzas anglo – norteamericanas de Iraq.
Outro paso importante sería poñer a todos os exércitos da OTAN baixo mandato de Nacións Unidas e baixo a xurisdición do Tribunal Penal Internacional.

Volvendo á crise do SPD, non acabo de entender a súa teima de gobernar coa CDU. Europa non pode optar, neste mundo global, por ser un gran polo económico que compita cos EEUU, China, India… esnaquizando o estado de benestar. A redución do nivel de vida, a precariedade no emprego, o debilitamento dos dereitos sindicais, son unha forma de atacar á democracia. Unha democracia de baixo perfil é a morte da Europa das liberdades.
Alemaña é fundamental como corazón da vella Europa. Unha volta ás orixes do SPD é imprescindible, sobre todo, porque hai unha maioría de progreso. En calquera caso, a elección dunha nova dirección ao fronte do partido debería servir para abrir as portas á esperanza. As súas fraquezas fan crecer o papel de Lafontaine, convertido, sen dúbida, no líder da nova esquerda no seu país. Máis, a unidade das forzas de progreso (SPD, Verdes, Wasg – PDS) sería a mellor garantía para os alemáns, e para o conxunto de Europa.
Outra Alemaña e outra Europa son posibles.

España Racista

Hoxe vin na televisión a volta aos seus países dos subsaharianos desde Marrocos. Ao subir ao avión un deles dixo: ¡España Racista!
E a verdade que ten razón. O PP dun xeito irresponsable ao principio pedía explicacións a Zapatero e insultaba a Marrocos. Unha vez que as autoridades marroquís actuaron con man dura, pretendían poñerse ao fronte da pancarta na defensa dos dereitos humanos. ¡Hipócritas!
A verdade que como militante socialista non me gustou a actuación do Goberno de España. Ten que haber outra forma de face-las cousas, sen estar acosado por esta dereita irresponsable, xenófoba e racista. Ademais, guste ou non, a xente ten dereito a escoller onde quere vivir.
Preocúpame que estamos cambiando. Somos xa un país racista. Nunha web dun medio galego o 75% dos encuestados estaban a favor da expulsión dos inmigrantes. Non vaia a ser que o medo á “invasión” nos converta en fascistas.
Esquecemos que nós tamén fumos inmigrantes. E na nosa Constitución falamos, no preámbulo e no título primeiro, da paz, da colaboración entre os pobos e dos dereitos humanos.
Ademais, qué autoridade ten Europa para dicirlle non aos africanos. A situación de guerra e fame en África é herdeira do colonialismo dos séculos XIX e XX. Acaso, non son os grandes grupos financeiros os responsables do que acontece, todo para roubarlles as súas riquezas.
A Conferencia proposta por Zapatero ten que ser xa e ter solucións pronto, e apostar decididamente polo desenvolvemento destes países. Non hai nada que valga tanto como unha vida humana.
Santiago Carrillo no seu libro “La Gran Transición” (Editorial Planeta) fala de que hoxe veñen pacificamente, pero mañá poden vir en son de guerra. Recomendo a súa lectura.
A fame e a humillación transformadas en odio dos subsaharianos, como hoxe pudimos ver na televisión, é a semente que pode frutificar a medio prazo (lembrade a Al Qaeda). A globalización neoliberal pode acabar creando unha gran fosa para todos.
Outra Europa, e outra África ten que ser posible.

Á marxe: o meu recoñecemento a Eduardo Haro Tecglen.

Oskar Lafontaine

Acaba de celebrarse as eleccións na Alemaña e resúltame curioso ver como a prensa reflicte este acontecimento.
En primeiro lugar hai unha derrota en toda regla da dereita e un claro triunfo da esquerda plural. Tamén supón un serio toque de atención ao SPD, a súa política de recorte social é rexeitado por unha parte fundamental do máis activo da sociedade alemana.
Se nos anos 90 o SPD sufría a perda dos sectores liberais de esquerda que hoxe están representados polo Partido Ecoloxista, agora, a súa supeditación ás recetas neoliberais que se preconizan desde os poderes económicos das multinacionais, trae consigo o nacemento dunha nova formación, a nova esquerda de Oskar Lafontaine.
Que o que fóra presidente do SPD e ministro de economía, encabece unha nova formación política debería facer reflexionar á socialdemocracia alemana. Deberan entender que hai outra política posible, outra política que defenda o Estado de Benestar e a profundización da democracia.
En calquera caso, fronte aqueles que falan dunha gran coalición de centro dereita (CDU – SPD), o máis acertado sería buscar formas de entendemento do conxunto da esquerda.
Buscar un goberno que nucleado polo SPD, en coalición cos ecoloxistas, tamén recibira, cando menos nas cuestión sociais, o apoio do grupo de Lafontaine.
É dicir, un goberno de progreso que vaia desde o centro socialdemócrata do SPD, a esquerda liberal do Partido Ecoloxista, xunto coa esquerda socialdemócrata e poscomunista encabezada por Lafontaine e Gysi.