A exportación da tortura a países do leste europeo por parte da CIA amosa claramente o retroceso nas liberdades cidadás e no respecto aos dereitos humanos.
Aínda ca maioría dos países de Europa oriental rexeitaron a súa colaboración na existencia de cárceres secretas (todo apunta, segundo os medios de comunicación, á pro norteamericana Polonia), a noticia crea unha grave crise no conxunto da Unión Europea.
O noso continente non pode permitir baixo ningún concepto a vulneración dos dereitos básicos das persoas. En todo caso, tras o apoio de Blair e Aznar á ocupación de Iraq, este suceso non sería máis que o desenvolvemento lóxico de mirar para outro lado.
Non é estraño que os EEUU rexeiten estar baixo a xurisdición do Tribunais Internacionais. O avance da democracia e dos dereitos humanos esixe a retirada das forzas anglo norteamericanas de Iraq.
Outro paso importante sería poñer a todos os exércitos da OTAN baixo mandato de Nacións Unidas e baixo a xurisdición do Tribunal Penal Internacional.
Volvendo á crise do SPD, non acabo de entender a súa teima de gobernar coa CDU. Europa non pode optar, neste mundo global, por ser un gran polo económico que compita cos EEUU, China, India… esnaquizando o estado de benestar. A redución do nivel de vida, a precariedade no emprego, o debilitamento dos dereitos sindicais, son unha forma de atacar á democracia. Unha democracia de baixo perfil é a morte da Europa das liberdades.
Alemaña é fundamental como corazón da vella Europa. Unha volta ás orixes do SPD é imprescindible, sobre todo, porque hai unha maioría de progreso. En calquera caso, a elección dunha nova dirección ao fronte do partido debería servir para abrir as portas á esperanza. As súas fraquezas fan crecer o papel de Lafontaine, convertido, sen dúbida, no líder da nova esquerda no seu país. Máis, a unidade das forzas de progreso (SPD, Verdes, Wasg PDS) sería a mellor garantía para os alemáns, e para o conxunto de Europa.
Outra Alemaña e outra Europa son posibles.