Comunicado da Rede de Blogs Socialistas

Recentemente tivemos coñecemento que un sitio na web denominado “Red Anti-PP” (http://www.anti-pp.com/) enlazou entre outros blogs, a este Portal. Sen ter coñecemento desde Red de Blogs Socialistas deste feito, nin habernos solicitado permiso previo para elo. Por este motivo, os abaixo firmantes, queremos facer pública a seguinte declaración:

1. As Redes de Blogs en xeral, e as de carácter político en particular, intentan agrupar a autores e autoras de blogs, co obxecto de darse a coñecer, e ao mesmo tempo, as Redes de Blogs serven como polos de atracción da comunidade internauta, entre outras funcións.

2. A ética blog, esixe, que para formar parte dunha Rede de Blogs, dita incorporación sexa coñecida e admitida libremente polo autor u autora do blog.

3. Os socialistas, por definición somos demócratas. Polo tanto, calquera Rede que sexa “ANTI” calquer Partido Político, democraticamente constituido, incluso discrepante coa nosa liña política e ideolóxica, non é unha Rede que consideremos democrática.

4. Rede de Blogs Socialistas non é unha Rede Anti Partido Popular. Rede de Blogs Socialistas é respectuosa e corresponsable co ordenamiento democrático e constitucional do noso país.

5. Internet é un espazo de libre pensamento, pero tamén de tolerancia. Por elo non compartimos que se utilice o prefixo “ANTI”, para definir un espazo en contra dunha organización legalmente constituida, aínda que non compartamos a súa liña política nin estratéxica.

6. Esiximos aos administradores desta suposta Rede, retiren de forma inmediata o enlace co noso Portal. E esperamos que na blogosfera se respecten os ámbitos de liberdade de expresión, autenticidade e por suposto de agregación nos mesmos.

Ver sinaturas

Agresión ao Pobo Palestino

As autoridades de Israel aproveitan a covardía europea e a complicidade dos Estados Unidos para agredir, unha vez máis, á poboación palestina.

Esta vez, a desculpa é a captura dun soldado israelí que desde un tanque atacaba á poboación civil.

Desde a visión eurocentrista con moito relaxo chamamos terrorismo ás accións dos diversos grupos armados palestinos e ás accións das forzas de ocupación de Israel, a catalogamos de “lexítima defensa”. ¿Son terroristas os xudeus que no gueto de Varsovia, os partisanos iugoslavos, ou os españois en Francia, que se enfrontaron ás tropas nazis de ocupación?

Estou seguro que se os xudeus exterminados nos campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial levantaran a cabeza, sentirían vergonza do que os seus netos están a facerlle á poboación palestina.

Vai sendo hora de que Nación Unidas poña tropas internacionais, que protexan á poboación palestina dos ataques de Israel, obrigándoa a respecta-las leis internacionais e as fronteiras de 1967; e así mesmo, permitan a reorganización das institucións palestinas e a creación dunha policía única e eficaz que substitúa ás diversas milicias dos partidos palestinos.

O problema non é Hamas. Democraticamente chegaron ao goberno, haino que respectar. Hamas é a consecuencia da política fascista de Israel, da complicidade americana e da covardía europea. Paz, pan, xustiza, dignidade e liberdade son as recetas para acabar co conflicto.

O acontecido en Palestina nestes últimos sesenta anos é un auténtico xenocidio similar ao que pasou na antiga Iugoslavia, so que aquí non se coñecen casos de violación colectivas e masivas de nenas e mulleres palestinas. ¿Cal é o a diferenza entre Milosevic e as autoridades de Israel?

¿Durante canto tempo máis a Unión Europea vai a ser covarde, a permitir que no noso corazón estoupe a destrución dos dereitos humanos? ¿Durante canto tempo máis imos tolerar a construción dese Muro que converte Palestina no maior campo de concentración da humanidade?

Palestina ten dereito a existir. Solidariedade co pobo palestino.

Outros artigos meus relacionados:
Agresión a los pueblos palestino y libanés (en español, 16/07/2006)

“Palestina”, publicado en Diario de Ferrol (2003)

“Palestina, a terra prometida”, publicado en Razón Socialista nº 18 (2004)

Algunhas referencias:

Publicado por Jordi Pedret: “Gaza”

De Paco Arnau:
Sobre a remodelación americana do próximo oriente

De Iván Puentes:
Os plans de EEUU para Oriente Medio

Martes 27 de xuño: Ferrol pide amparo ao Parlamento español

O próximo martes 27 estaremos en Madrid un nutrido grupo de ferroláns co <a href=”http://comitecidadan.bitacoras.com&#8221; target=”_blank”>Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferro</a>l, plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades locais, entre elas varias Agrupacións Municipais socialistas.

Seguimos pedindo ca planta de gas que Reganosa, que de forma ilegal e irresponsable, está a construír dentro da ría ferrolá, a traslade fóra. Estaremos ante o Ministerio de Industria, e posteriormente unha delegación será recibida por Llamazares, voceiro de IU, no propio Parlamento español.

As directivas europeas (Seveso II, Raminp) obriga ás instalacións altamente perigosas a situarse, alomenos, a dous quilómetros dos núcleos de poboación. A planta de gas que está a construír Reganosa dentro da ría, incumpre claramente estas directivas, e nin sequera ten feita a Declaración de Impacto Ambiental, como así llo esixe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co 23 de xuño de 2004 anulou a tramitación ambiental desta empresa.

Reganosa está a oitocentos metros, na outra beira da ría, da cidade de Ferrol, así como do estaleiro militar de Navantia e da base naval da OTAN. Cuarenta mil cidadáns viven dentro do radio de dous quilómetros da futura planta de gas.

En caso dun hipotético accidente ou atentado, con marea baixa, os metaneros non poderían saír a mar aberto, como esixe a normativa de seguridade.

En abril de 2004 entregouse un dossier en Ferrol aos representantes do PSOE, BNG e EU – IU, para co trasladaran aos seus respectivos grupos parlamentarios.
Tras a sentenza do TSXG de xuño de 2005, que anula o expediente de Reganosa, soamente IU pediu ao Goberno de España a paralización das obras. Desde aquela os Ministerios implicados (Industria e Medio Ambente), deixan consumar a construción da planta de gas de Reganosa, escudándose en que a sentenza está recorrida pola empresa e a Xunta de Galicia.

Estaremos en Madrid, para aportarlle ao Goberno e aos diversos grupos parlamentarios, máis documentación e fotos, que amosan claramente, que de funcionar Reganosa sería un perigo para as persoas, a seguridade enerxética e para a seguridade nacional. Estamos a tempo de evitar futuros e posibles incidentes, que de suceder serían a maior catástrofe humanitaria coñecida en España.

Non podo entender que de xeito acrítico se asuma a política clientelar da anterior Xunta de Manuel Fraga, poñendo en risco a vida na ría de Ferrol. Dunha Xunta do PP que publicou que había que sacrificar unha das rías galegas para a especulación, e tocáballe a Ferrol.

E non me deixa de sorprender cos tres deputados (PSOE, PP, BNG) desta comarca no Parlamento español, non se sintan condicionados polas esixencias dos cidadáns, e si polos intereses económicos de empresas que nestes tempos con proxectos como o de Reganosa, dentro da ría ferrolá, soamente son unha mostra da renuncia dos poderes públicos en favor dun capitalismo decimonónico que lle dá igual os perigos, os custes humanos e o desenvolvimento sostible.

Como cidadán ferrolán teño que agradecer a Llamazares e o Grupo parlamentario de IU, a súa preocupación polas ameazas da planta de gas de Reganosa á cidade e á ría de Ferrol.

Mais, sería oportuno co Parlamento español acolla as inquedanzas da poboación e o Goberno presidido polo compañeiro J.L. R. Zapatero paralice a construción da planta de gas no interior da ría.

É de sentido común. É necesario.

En español
Na rede de Blogs Socialistas

“Razón Socialista” nº 20, xa está na rúa

O número vinte da revista ““Razón Socialista” xa está na rúa. Esta revista nacida en 1995, e que desde 1999 é editada pola Asociación Fuco Buxán, foi presentada este martes na Galería Sargadelos de Ferrol.

Este número céntrase na situación medio ambiental da ría de Ferrol, ante a grave ameaza que supón Reganosa, que pretende poñer a funcionar unha planta de gas no interior da nosa ría. A normativa europea obriga a este tipo de instalacións altamente perigosas a ubicarse, alomenos a dous quilómetros dos núcleos de poboación. Algo que incumpre (Mehá 100 mts, Ferrol 800 mts), e para máis inri está fronte á base naval da OTAN e do estaleiro militar de Navantia.

Tamén, este novo número ten varios artigos, desde diferentes perspectivas, sobre a situación da cidade de Ferrol.
Neste número vinte participan entre outros Santiago Carrillo, a Conselleira de Cultura Ánxela Bugallo, as escritoras Eva Veiga e Rosa Méndez, voceiros políticos como Iolanda Díaz (EU) ou Beatriz Sestayo (PSOE).

Así mesmo, participa, Enrique Castro, coordinador da Rede de Blogs Socialistas, o deputado Jordi Pedret, ou o fotógrafo Xosé Abad, etc.

Quen queira pode conseguir un exemplar dirixíndose á páxina da Asociación Fuco Buxán, na sección de enlaces.

A revista tamén aproveita a nova edición da Feira do Libro na cidade para achegarse aos seus lectores. Nos próximos días presentarase en diversos concellos da comarca.

En calquera caso, os que queirades nos podemos ver na Primeira Festa dos Socialistas de Ferrolterra, que hoxe celébrase no Pinar de Cabanas. Está organizada polas executivas comarcais do PSOE, UGT e as XSG. Parabéns a Iván Puentes por esta nova iniciativa.

¡Vémonos na festa!

Máis fotos