O próximo martes 27 estaremos en Madrid un nutrido grupo de ferroláns co <a href=”http://comitecidadan.bitacoras.com” target=”_blank”>Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferro</a>l, plataforma que agrupa a máis de medio centenar de entidades locais, entre elas varias Agrupacións Municipais socialistas.
Seguimos pedindo ca planta de gas que Reganosa, que de forma ilegal e irresponsable, está a construír dentro da ría ferrolá, a traslade fóra. Estaremos ante o Ministerio de Industria, e posteriormente unha delegación será recibida por Llamazares, voceiro de IU, no propio Parlamento español.
As directivas europeas (Seveso II, Raminp) obriga ás instalacións altamente perigosas a situarse, alomenos, a dous quilómetros dos núcleos de poboación. A planta de gas que está a construír Reganosa dentro da ría, incumpre claramente estas directivas, e nin sequera ten feita a Declaración de Impacto Ambiental, como así llo esixe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co 23 de xuño de 2004 anulou a tramitación ambiental desta empresa.
Reganosa está a oitocentos metros, na outra beira da ría, da cidade de Ferrol, así como do estaleiro militar de Navantia e da base naval da OTAN. Cuarenta mil cidadáns viven dentro do radio de dous quilómetros da futura planta de gas.
En caso dun hipotético accidente ou atentado, con marea baixa, os metaneros non poderían saír a mar aberto, como esixe a normativa de seguridade.
En abril de 2004 entregouse un dossier en Ferrol aos representantes do PSOE, BNG e EU IU, para co trasladaran aos seus respectivos grupos parlamentarios.
Tras a sentenza do TSXG de xuño de 2005, que anula o expediente de Reganosa, soamente IU pediu ao Goberno de España a paralización das obras. Desde aquela os Ministerios implicados (Industria e Medio Ambente), deixan consumar a construción da planta de gas de Reganosa, escudándose en que a sentenza está recorrida pola empresa e a Xunta de Galicia.
Estaremos en Madrid, para aportarlle ao Goberno e aos diversos grupos parlamentarios, máis documentación e fotos, que amosan claramente, que de funcionar Reganosa sería un perigo para as persoas, a seguridade enerxética e para a seguridade nacional. Estamos a tempo de evitar futuros e posibles incidentes, que de suceder serían a maior catástrofe humanitaria coñecida en España.
Non podo entender que de xeito acrítico se asuma a política clientelar da anterior Xunta de Manuel Fraga, poñendo en risco a vida na ría de Ferrol. Dunha Xunta do PP que publicou que había que sacrificar unha das rías galegas para a especulación, e tocáballe a Ferrol.
E non me deixa de sorprender cos tres deputados (PSOE, PP, BNG) desta comarca no Parlamento español, non se sintan condicionados polas esixencias dos cidadáns, e si polos intereses económicos de empresas que nestes tempos con proxectos como o de Reganosa, dentro da ría ferrolá, soamente son unha mostra da renuncia dos poderes públicos en favor dun capitalismo decimonónico que lle dá igual os perigos, os custes humanos e o desenvolvimento sostible.
Como cidadán ferrolán teño que agradecer a Llamazares e o Grupo parlamentario de IU, a súa preocupación polas ameazas da planta de gas de Reganosa á cidade e á ría de Ferrol.
Mais, sería oportuno co Parlamento español acolla as inquedanzas da poboación e o Goberno presidido polo compañeiro J.L. R. Zapatero paralice a construción da planta de gas no interior da ría.
É de sentido común. É necesario.