Artigo relacionado:
Galicia contra o lume: Santiago, o 20 de Agosto
Da páxina da Xunta de Galicia puiden descargar a mensaxe íntegra do Presidente Touriño. Aínda que non extenso, sen dúbida é un discurso moi importante. Marca as liñas básicas de cómo vai a actual Xunta a enfocar a recuperación medio ambiental e do patrimonio natural que foi arrasado estes días por incendiarios que obviamente odian a esta terra, e á nosa xente.
Á marxe da existencia ou non de tramas organizadas, a verdade é que ademais da intención, tense que dar as condicións para poder propagar o fogo con este nivel de pánico cidadán e ataque ás infraestruturas e cidades de Galicia.
Hoxe xa ninguén dubida de que o bipartito herdou unha Galicia enferma no eido forestal e medio ambiental. A política forestal e de ordenación do territorio non se improvisa, senón que é obra de moitos anos.
Por iso, resulta abafante a actitude do sr. Rajoy, que pretende facer moito ruído para agachar as responsabilidades da nefasta xestión do PP no rural durante máis dunha década. Tamén, resulta ridículo, por non usar termos máis grosos, o posado fotográfico do sr. Núñez Feijoo mangueira en man, especialmente, cando sabemos que uns trinta alcaldes do PP negáronse este ano a renovar as cuadrillas contra incendios, porque a Xunta lles esixía maiores controis na contratación.
Desde o PP deberan ter máis respecto pola cidadanía. O problema que teñen é que poñan como se poñan estamos fartos da crispación e dun Rajoy enfadado que ven rifar aos galegos por botalos nas últimas eleccións galegas. O PP aburre.
A transparencia informativa da actual Xunta mitigou en gran parte o oportunismo do PP, e tamén os erros iniciais que tiveron ante a envergadura do problema. Outra gran lección para os populares.
Máis, é necesario que pronto se sustancie o Acordo Nacional contra o Lume e pola recuperación da Galicia verde. Un acordo que debe obrigar ás forzas parlamentarias a traballar xuntas no deseño da Galicia que queremos, que permita unha repoboación axeitada con especies nobres e menos eucaliptos, que necesariamente debe contar coas asociacións de defensa dos montes e a implicación do conxunto da sociedade civil.
Preocúpame que fagamos o diagnóstico correcto para que tomemos a medidas axeitadas na recuperación medio ambiental, na prevención do lume e na ordenación do territorio. E para iso fai falla escapar da crispación que algúns pretenden introducir en Galicia. Imponse a colaboración de todos… e que caiga o peso da Xustiza sobre os incendiarios.
O domingo 20, Nunca Máis, que nos representou como pobo durante o Prestige fronte a impostura de Rajoy, Fraga e Aznar, reactiva a nosa conciencia colectiva convocándonos a unha manifestación en Compostela, ás 12 na Alameda, a prol dos nosos montes. Debera ser unha gran mostra da determinación e unidade dos galegos para afrontalo futuro. ¡Lumes, Nunca Máis! ¡Incendiarios fóra da nosa terra!
En español
Unha referencia: “Todos somos galegos” no blog de Jordi Pedret
Novás e Torregrosa en Valdoviño
Novás como xa sabedes é o autor, tamén da ilustración que leva de portada a novela Abordajes, editada por Edicións Embora, cuxo autor e José Torregrosa.
Se queredes tamén podedes este venres 11 de agosto, a partir das 20.30 horas asistir á presentación, no marco da exposición do propio Víctor, desta novela. Este acto está organizado conxuntamente pola Asociación Fuco Buxán e a Concellería de Cultura do propio Concello de Valdoviño. Será presentado polo prologuista da novela Luís Molist e por Lalán, presidente desta asociación cultural.
Tanto a exposición de Víctor Novás como a propia novela de José Torregrosa son dun interese especial que merece a pena que fixemos a nosa atención e lles dediquemos unha parte do noso lecer veraniego.
Cando menos distraerannos por uns intres da preocupación por eses lumes que asolan a nosa Terra.
P.D.: Na foto de desde a esquerda, Víctor, Torregrosa e Molist.
A Terceira Bretaña segundo Ramón Loureiro
Na primavera chegou a min un exemplar da separata e con edición numerada de A Galicia do Norte, Terceira Bretaña de Ramón Loureiro, da colección de Cadernos de Grial /Editorial Galaxia.
É unha edición especial co patrocinio do Concello de Ferrol, ante a entrega do premio Letras de Bretaña do Real Coro Toxos e Froles ao propio periodista e amigo Ramón Loureiro, o 16 de maio deste ano.
O texto vén acompañado de varias fotografías feitas por el. Trátase dunha especie de conto dialogado con Merlín, facendo un breve relato da Historia do norte galego, a Terceira Bretaña. Terra que nun tempo chegou Merlín canso de Cornualles, un novo fogar que ten como base, así o diría Ramón, a Terra de Escandoi, un lugar mítico e místico na banda sur da ría de Ferrol. Que quizais ocultada pola outra banda industrial da ría, a veces é necesario arañar para poder volver a encontrar o Pórtico que conduce aos seus vales cheos de druídas.
Foi nesta banda sur da ría, exactamente no Instituto daquela de FP de Barallobre onde eu escoitei, dun xeito máis documentado, as lendas artúricas que sustentan unha boa parte da literatura galega. Foi o meu mestre e tamén amigo Alexandre Ripoll que nos iniciou nos arcanos do Grial e os seu significados.
Neste conto dialogado de Ramón, aparecen unha serie de bispos galegos como Maeloc, que moitos lembraredes da música de Milladoiro. Ramón é depositario da prosa fantasiosa de Cunqueiro, herdando non só a mística artúrica, senón que bebe dese cristianismo antigo que sendo incapaz de superar á tradición celta acabou reinterpretándoa.
Esa Terceira Bretaña máxica que empezaría na desembocadura do Eume, e recorrendo todo o nordés, chegaría á desembocadura do río Éo, en Asturias. Unha Galicia do Norte que mentres manteña as súas raíces máxicas, seguirá tendo unha visión do mundo, e polo tanto algo que dicir, sobre todo agora neste mundo convertido en aldea global. Se nos sacan os soños, sácannos vivir o presente e poder debuxa-lo futuro.
A verdade que agradezo este exemplar que me foi entregado cunha dedicatoria manuscrita do propio autor. Obviamente, este exemplar é un pequeno tesouro, cos demais libros da miña biblioteca protexerán. Unha nova moxena que acende no candil, e permite guiarnos cara á búsqueda do Grial, que non é nin máis nin menos que o soño da xustiza e da liberdade. Grazas, Ramón.
Israel
Supoño que a estas alturas todos consideramos ca retención dos soldados israelís por parte das milicias palestinas ou libanesas son unha mera desculpa para os gobernantes de Israel. Estamos, por se alguén ten algunha dúbida nunha guerra, que camuflada na guerra total contra os terroristas busca simplemente a supremacía do estado sionista sobre os seus veciños árabes.
Sigue a ser unha guerra de conquista, colonial. Un Gran Israel que intenta obrigar a unha nova traza territorial e política para todo o próximo e medio oriente, na liña do Gran Oriente ideado pola ultradereita americana, para mante-lo colonialismo e o control das grandes reservas de petróleo e gas.
O asunto é saber até cando aguantaremos os europeos que Israel e os EE.UU. sigan a incendia-lo noso patio traseiro. ¿Esperaremos a que esta mecha prendida chegue ao noso interior, ás nosas cidades? ¿Estamos dispostos a que a nova fase da loita pola descolonización do mundo árabe, á marxe da súa actual roupaxe fundamentalista, se libre na vella Europa?
Porque se os nosos concidadáns de orixe musulmán seguen marxinados da vida social, do emprego, da igualdade, e para máis inri aumentamos, aínda que sexa por pasividade ou complicidade, a humillación aos países dos seus avós. Se os nosos estados europeos non senten respecto polos seus pobos, se en vez de impulsa-la Alianza de Civilizacións seguimos con políticas coloniais, ¿cando tempo tardarán, moitos deses nosos compatriotas, en participar desde o noso corazón, desde os nosos barrios contra a impunidade israelí e os seus aliados e gobernantes nosos?
A Unión Europea debe poñer orden na súa casa e nas súas beiras, aínda que sexa por egoísmo propio. Hai que mandar tropas, pero non para facerlle o traballo sucio a Israel no Líbano, senón para protexer ás poboacións árabes dos ataques das tropas xudías; para recuperar as Institucións de Palestina e do Líbano; para levantar simplemente un futuro (con dignidade).
Non chega con neutralizar a Hizbolá e ás diversas milicias libanesas ou palestinas. Hai que ir á orixe do conflito: Obrigar a Israel a cumprir coas leis, as resolucións internacionais e os dereitos humanos, a que volva ás fronteiras legalizadas pola ONU, de 1947. Obrigarlle a liberar aos presos políticos, ás mulleres e menores palestinos retidos extraxudicialmente. A respectar, de verdade, a existencia dun Estado Palestino independente. Sen isto, todo o demais é perde-lo tempo.
Quen ninguén pretenda equiparar os dous bandos en conflito. Os argumentos de Israel e os seus amigos son de mal pagador. Cando mencionan o que acontece nas súas cidades, rexeitando claramente estes métodos, hai que ter claro que isto é consecuencia da política de Israel. Non se poden igualar aos verdugos coas vítimas, aínda que unha parte delas utilicen a violencia, nunca equiparable á do todopoderoso exército de Israel.
Recoñezo que sufro de palestinidade. Que non son neutral. ¿Como ser neutral ante la barbarie e o xenocidio? ¿Como ser neutral nun mundo globalizado onde todos participamos ou padecemos as políticas inhumanas? ¿Como ser neutral ante sesenta anos de terra prometida e persoas humilladas, queimadas, aniquiladas, expulsadas? ¿Como ser neutral á reedición no Muro de Israel dos campos de concentración? ¿Como ser neutral…?
Unha pregunta final aos cidadáns de Israel: ¿Morreron os xudeus nos campos nazis para que os seus netos reeditaran a barbarie nos pobos árabes? Vergonza.
En calquera caso, Europa xa non está en débeda con eles… e si cos pobos árabes.
En español
Na Rede de Blogs Socialistas
En Palestine Coffee Shope
En el Diario de Carol (Chile)
Máis artigos
Campaña contra a guerra dos socialistas de Ferrolterra
Campaña de Amnistía Internacional