Na primavera chegou a min un exemplar da separata e con edición numerada de A Galicia do Norte, Terceira Bretaña de Ramón Loureiro, da colección de Cadernos de Grial /Editorial Galaxia.
É unha edición especial co patrocinio do Concello de Ferrol, ante a entrega do premio Letras de Bretaña do Real Coro Toxos e Froles ao propio periodista e amigo Ramón Loureiro, o 16 de maio deste ano.
O texto vén acompañado de varias fotografías feitas por el. Trátase dunha especie de conto dialogado con Merlín, facendo un breve relato da Historia do norte galego, a Terceira Bretaña. Terra que nun tempo chegou Merlín canso de Cornualles, un novo fogar que ten como base, así o diría Ramón, a Terra de Escandoi, un lugar mítico e místico na banda sur da ría de Ferrol. Que quizais ocultada pola outra banda industrial da ría, a veces é necesario arañar para poder volver a encontrar o Pórtico que conduce aos seus vales cheos de druídas.
Foi nesta banda sur da ría, exactamente no Instituto daquela de FP de Barallobre onde eu escoitei, dun xeito máis documentado, as lendas artúricas que sustentan unha boa parte da literatura galega. Foi o meu mestre e tamén amigo Alexandre Ripoll que nos iniciou nos arcanos do Grial e os seu significados.
Neste conto dialogado de Ramón, aparecen unha serie de bispos galegos como Maeloc, que moitos lembraredes da música de Milladoiro. Ramón é depositario da prosa fantasiosa de Cunqueiro, herdando non só a mística artúrica, senón que bebe dese cristianismo antigo que sendo incapaz de superar á tradición celta acabou reinterpretándoa.
Esa Terceira Bretaña máxica que empezaría na desembocadura do Eume, e recorrendo todo o nordés, chegaría á desembocadura do río Éo, en Asturias. Unha Galicia do Norte que mentres manteña as súas raíces máxicas, seguirá tendo unha visión do mundo, e polo tanto algo que dicir, sobre todo agora neste mundo convertido en aldea global. Se nos sacan os soños, sácannos vivir o presente e poder debuxa-lo futuro.
A verdade que agradezo este exemplar que me foi entregado cunha dedicatoria manuscrita do propio autor. Obviamente, este exemplar é un pequeno tesouro, cos demais libros da miña biblioteca protexerán. Unha nova moxena que acende no candil, e permite guiarnos cara á búsqueda do Grial, que non é nin máis nin menos que o soño da xustiza e da liberdade. Grazas, Ramón.
Que tal vai todo, meu querido amigo…?
Grazas pola túa referencia á separata de Grial e polo teu afecto.
E unha aperta moi forte, tamén, para todos os teus lectores.
Ramón