Desde o 14 de marzo de 2004 o PP non quere aceptalo resultado electoral, que lle dá o goberno a Zapatero. Utilizando a fondo todos os seus apoios territoriais, mediáticos, económicos, xudiciais, pretenden gobernar desde a oposición.
Coa manifestación do sábado 10 de Marzo queren darlle a volta ás manifestacións que colectaron polas mentiras e manipulacións que pretendían endosarlle os atentados integristas a ETA. Cren no PP que chegou o seu momento de encabezar unha rebelión contra o Goberno e as Institucións democráticas, que obrigue a unhas eleccións condicionadas pola crispación.
Indubidablemente, o PP logrou en Madrid mobilizar a unha parte moi importante dos seus militantes e votantes. Trescentas cincuenta mil persoas así o testemuñan, pero só iso. Fóra do seu entorno político máis radical a dereita española non logra convencer a ninguén.
Pero, o PP volve a cometer erros de vulto. Aínda que si é certo que lograron obviar nesta ocasión os símbolos franquistas – non así as consignas – a utilización partidaria e en exceso dos símbolos oficiais de España, que historicamente foron manipulados pola extrema dereita franquista lembra, outra vez, aos anos escuros que tanta preocupación e rechazo provocan na poboación española.