Honduras

Os Hondureños acaban de celebrar o aniversario da súa Independencia de España, con dúas celebracións opostas. A oficial co Presidente Lobo, aupado ao poder tras as “eleccións” organizadas polos golpistas; e a democrática – popular arredor da FNRP e que foi reprimida.

A Fronte, que organiza aos grupos políticos que van dende o centro democrático á esquerda, aos diversos movementos sociais do país, ten xa recollidas máis dun millón trescentas mil sinaturas, co obxectivo dunha Asemblea Constituínte que leve a Honduras a unha nova Constitución e á plena democracia. O Presidente Lobo só logrou sumar medio millón de votos na súa “elección”.

É evidente a gran inestabilidade política do réxime hondureño, patrocinado pola actual Secretaria de Estado Hillary Clinton. O Presidente deposto, Manuel Zelaya, cometeu o “sacrilexio” de querer un país máis xusto. Chocou contra os intereses das grandes multinacionais norteamericanas, na súa pretensión de introducir unha certa competencia no sector agrario, ou cando pretendía importar desde Cuba medicamentos xenéricos máis baratos…

Honduras xa non é noticia, as grandes axencias mediáticas abandonaron o país. Cuestión que é aproveitado polo Réxime para proseguir co acoso á poboación civil e o asasinato selectivo dos seus dirixentes democráticos e sociais, imitando o proceder do Mosad israelí na represión do pobo palestino.

Máis, os golpistas teñen un apoio inestimable en nós mesmos. O noso esquecemento. A nosa solidariedade co pobo hondureño debe manterse viva e as nosas Institucións ser consecuentes coa nosa tradición democrática.

Enlace a Galicia Hoxe

Cándido

Vén de celebrarse o Comité Provincial do PSdeG – PSOE coruñés. O traballo desenvolvido polos nosos alcaldes e polo partido permiten facer a previsión de repetir resultados nas municipais de maio de 2011, se ben deberase mobilizar especialmente a aqueles sectores que sofren a crise económica, maioritariamente votantes socialistas. Salvador F. Moreda explicitou o seu apoio aos alcaldes de Coruña, Santiago e Ferrol.

Tamén, dependemos dos nosos acertos. Son necesarias unha forte aposta por recuperar a xestión pública de servizos privatizados; a calidade do emprego nos Concellos; e renovacións de listas municipais integrando a persoas con claros perfís de esquerda e vinculados aos movementos sociais.

Produto dunha pluralidade interna que ten que ser posta en valor, a economía e a reforma laboral estiveron no corazón do debate. Fronte ao discurso oficial de recortes de dereitos e prestacións, outros reclamamos políticas económicas expansivas, progresividade fiscal e un xiro á esquerda.

Houbo tempo para facer chegar a esta asemblea socialista unha reclamación que xa ten dez anos por parte de votantes ferroláns de todos os partidos, e canalizada polo Comité Cidadán de Emerxencia. O traslado de Reganosa fóra da ría ferrolá.

Son consciente do grado de impacto da miña primeira afirmación neste comité, pero resume o que penso de cara á Folga Xeral do 29 de setembro: Cándido Méndez ten razón.

Enlace a Galicia Hoxe