Ceferino Díaz e a Autonomía Galega

Libro Ceferino D�azRamón Piñeiro tiña razón. A Autonomía foi a apertura dun camiño novo cara ao futuro. Consolidou Galicia como nacionalidade histórica e dounos o instrumento de autogoberno que xamais antes tiveramos os galegos. De feito, hoxe toda forza política representativa ou que o pretenda ser, recoñéceo.

Todo este tempo, nunha democracia española aínda non consolidada (por exemplo: dimisión de Felipe González en maio de 1979 ou a data do 23F…); que vai desde a preautonomía até a aprobación do Estatuto galego de 1980, está reflectido por Ceferino Díaz – un dos actores fundamentais desde as súas responsabilidades na dirección dos socialistas galegos – no seu libro editado por Galaxia: “A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981”, e que leva como subtítulo “Unha ollada desde o socialismo galego”; e prólogos do Presidente Touriño e de Alfonso Guerra.

Este é un libro chamado a ocupar un lugar destacado na memoria recente do País. Reflicte desde dentro o tortuoso camiño, que finalmente, dou lugar ao actual sistema político galego. Faino sen sectarismos, aportando actas, documentos e, tamén, dando entrada a outras voces do conxunto do espectro político de entón. Fronte a quen pretenden que se esqueza de onde viñan, que defendían ou pretenden reescribila para darse un protagonismo que non tiñan.

Tras a aprobación dos estatutos catalán e vasco, a dereita pretende usar Galicia como freo na construción do incipiente Estado das Autonomías. Coa axuda obxectiva de aqueles sectores contrarios, que coa súa proposta de “Bases Constitucionais” debilitaban á Galicia autonómica; Ceferino Díaz reclama como patrimonio político do país, o papel decisivo dos socialistas, pero tamén do conxunto da esquerda, tanto do PCG, como das achegas parciais e dubitativas do POG de Camilo Nogueira (que miraba de reollo aos seus competidores no campo nacionalista), así como de outras forzas menores como o PG.

Seguir lendo

Sarille e a aposta polo galego

Quero aquí propoñerlles o último ensaio de Xosé Manuel Sarille, “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia Editora). Un libro necesario que analiza onde estamos e como reformular a estratexia, desta inacabada aposta, porque o galego teña a súa presenza predominante na sociedade galega; como recoñecemento dos dereitos que temos a existir como tal, a manter o sinal básico da nosa identidade nacional como pobo diferenciado. Seguen a ser certas aquelas palabras de Castelao de que seremos galegos mentres exista o galego.

É este un ensaio cun discurso diferente, crítico e autocrítico, a corazón aberto, onde se analiza a historia da normalización lingüística, a guerra civil das normativas, os sectarismos políticos – ideolóxicos, a actual parálise e retroceso do idioma galego, nun momento onde xa as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego tiveron ocasión de levar adiante a súa política lingüística, e o resume é que neste eido non hai diferenzas substanciais entre elas.

Un ensaio sen concesións, nin tan sequera para o propio Sarille, fundador d­’A Mesa. Unha análise que racha con sectarismos e tabús; algo pouco visto nun país onde a falta de autocrítica é normal. Unha análise necesaria para romper a impostura e buscar unha nova orientación que abra novos vieiros para o galego, como idioma nacional e non residual. Un libro que lle doerá a máis dun político de pro; e quizais por iso sorprende a liberdade de pensamento e crítica do autor. Mais, o ten claro: “a ninguén se lle pode pedir que faga de corista”.

Ler artigo completo en Vieiros

¡Paremos a Israel!

Muro israel� NONEstes días tivemos ocasión de ver como centenares de miles de palestinos que viven en Gaza, territorio convertido por Israel no maior campo de concentración da Historia da Humanidade, pasaban a Exipto na procura de víveres e outras mercadorías, tras o derrube dunha parte do Muro sionista construído ilegalmente.

Ademais, agora está claro que George Bush non foi, días atrás, a apostar por unha solución definitiva que lles permita aos palestinos ter un futuro con dignidade, senón simplemente, a dar o visto bo ás operacións militares de Israel.

O que está a acontecer é a consecuencia inmediata de que desde Israel, os EE.UU. e a Unión Europea non aceptaron as eleccións democráticas de Palestina, celebradas pese á ocupación militar dos seus territorios, e que lle deu a vitoria a Hamás. É a consecuencia da aposta por provocar unha ruptura entre os palestinos e castigar á poboación civil por non votar por aquilo que as potencias occidentais mandan a unha poboación humillada, cansa de perder sempre.

Ler artigo completo en Vieiros

Ler tradución ao español

Electores confusos

A dous meses das xerais do 2008 os fundamentalistas católicos encheron Madrid con máis de cento cincuenta mil manifestantes, contra o Goberno de Zapatero. Esta manifestación, que pretende acosar á España democrática, non é máis que unha mostra de que a dereita radical tomou as nosas rúas, que non están dispostos a perder a hexemonía e o control político, aínda que perdan as eleccións como así aconteceu hai catro anos co triunfo socialista. 

A isto súmase a confusión que desde a esquerda estase a vivir con esta fin de lexislatura, onde tras unha boa xestión progresista, produto do acordo básico dos socialistas con IU e as esquerdas dos nacionalismos, vense a  evidenciar, outra vez, que a dereita logra marcarlle a axenda ao Goberno, cando este último está a facer propostas electorais, especialmente nunha redución insolidaria de impostos, xunto co anuncio dun xiro ao “centro político”. ¿Anúnciase a implementación dunha política económico – social neoliberal, onde os traballadores e as capas máis modestas paguen, aínda máis, o tan cacarexado déficit cero e o axuste económico derivado deste modelo de construción europea, que de xeito ostensible está a reducir o noso nivel de vida, visible sobre todo, tras a entrada do euro?

Seguir lendo

Acebes debe dimitir

O PP non atopa o seu sitioA Sentenza Xudicial do 11M pecha un ciclo nas nosas vidas. De algún xeito, obríganos a facer un punto e aparte. Á marxe de se as penas impostas a algúns do acusados ou as absolucións de outros gústanos ou non. Permítenos mirarnos con maior tranquilidade.

Permítenos, ou debera facelo, centrarnos nas vítimas e que saiban que seguimos con elas. Cando ademais, moitas tiveron que engulir os insultos dunha parte dos políticos e dos medios de comunicación que añoran os tempos negros do aznarismo. Tamén, o Estado debe asegurar que vai cumprir e asegurar a asistencia adecuada, agora e no futuro.

Outra das cousas a que obriga a sentenza é a pechar un ciclo político que comeza a raíz do atentando, cando desde as filas do entón Goberno Aznar levantouse unha cortina de fume atribuíndolle as bombas a ETA, porque así beneficiábanse electoralmente.

Pero, seguen teimudos en non recoñecer que erraron. Non se resignan á regras do xogo democrático, en aceptar a alternancia como a lóxica imposta polas eleccións libres. Pretenden, na práctica, dicirnos que a democracia consiste en que eles gobernen e os demais asintamos. Certo é que estaban acostumados a iso. A Democracia en España, redúcese ao breve período republicano e ao máis recente desde a Transición. Mágoa da falta de tradición democrática da dereita española.

As palabras de Rajoy, Zaplana e Acebes, reforzan a miña tese de que España necesita un sistema multipartidista similar ao noso entorno europeo. En ningún país da Unión Europea poderemos atopar na mesma formación política ao centro político coa dereita máis conservadora e os grupos ultras. É certo que esta anomalía débese á etapa de “bipartidismo imperfecto” do que seu día beneficiouse o goberno de Felipe González, pero trouxo a medio prazo o aglutinar aos sectores de centro dereita nun PP que tras o paso de Aznar, asumindo as teses dos seus homólogos republicanos de EEUU, converteuse nunha formación radical conservadora, en moitos aspectos con tintes de partido antisistema.

Pero, xa está ben. Hai que esixirlle a Rajoy que asuma dunha vez por todas que outra forma de facer política é posible, incluso para eles. Por respecto ás vítimas, que estes días lle pedían que as deixara en paz, e tamén, porque unha política de Estado esixe uns mínimos. Certo que a actual situación do PP converte ao Partido Socialista na única formación que pode gobernar España, pero aínda que persoalmente non me desagrade que así fose, son consciente da necesidade de que funcione o xogo democrático, inda que só sexa para que o debate político non quede viciado e sen alternativas.

Iso obrígalle a Rajoy a soltar lastre, como estes días deputados sensatos do seu grupo lle recomendan. Un cambio de rumbo do PP, que permita a todos ter a certeza de que asume plenamente a Sentenza do 11M, as normas de funcionamento, ás Institucións do Estado, e a certeza de que definitivamente acepta os vieiros do sistema democrático para facer política.

E a política tamén son xestos. España debe visualizar as raíces democráticas do PP e que entenderon a mensaxe: Acebes debe dimitir.

(Versión en español)