Mariano Rajoy contra os traballadores

Mariano Rajoy e outros dirixentes do PP acaban de criticar a manifestación de hoxe organizada pola UGT e CCOO. Considera que estes deberan rirlle as grazas á dereita económica, causante desta crise social, e da que el é un dos seus representantes políticos. Mariano bota en falta aquelas manifestacións nacionalsindicalistas organizadas pola ditadura franquista onde os traballadores vitoreaban as súas cadeas.

Pois si. A crise económica, a pesar do que pretende o Presidente da CEOE necesita visualizar aos seus causantes. Obviamente, á dereita non lles interesa este asunto, xa que eles son os culpables e polo tanto, o que hai que cambiar é o modelo neoliberal que supuxo un retroceso en benestar, dereitos sociais e democracia. O liberalismo económico é enemiga da Democracia, así foi sempre historicamente e segue a selo. O término liberalismo nace para definir á dereita contraria á democracia que pretendían instalar os revolucionarios franceses de 1789.

A virtude da manifestación sindical de hoxe en Madrid é que focaliza nos culpables esta crise: a dereita económica, a dereita política; pero, tamén é certo co Partido Socialista ten que pagar a súa penitencia por mor de non mudar no esencial eses postulados neoliberais, é polo tanto, tamén un serio toque de atención á dereita socialdemócrata neoliberal que segue a tutelar a área económica do Goberno e do propio Partido Socialista.

Máis teño que recoñecer que estou de acordo con Mariano. Hai que cambiar a política económica que levounos á crise. Fronte a idea de supeditar os dereitos, as persoas e o propio Estado de Dereito aos intereses especulativos e insolidarios dunha minoría; hai que abrir espazos para un novo modelo produtivo onde a democracia entre no entramado económico – financeiro, que conte coa decisiva participación da inmensa maioría da poboación, non so por cuestións políticas, senón por simple cuestión de eficiencia económica e de loita contra a fraude e as deslocalizacións.

Parabéns aos sindicatos. Aínda queda moito camiño.

Manifesto a prol de Jaume D’Urgell e a bandeira republicana

JaumeD'Urgell_Copyright_MarianoDominguez

Nós, mulleres e homes demócratas, que sentímonos republicanos; froito da sociedade nacida do consenso de 1978, que por razón da nosa idade, moitas e moitos non votamos, cremos posible a consolidación do proxecto democrático da IIIª República Española, no marco dunha España plural, onde todas e todos teñamos cabida, sexa cal sexa a nosa ideoloxía, sempre que a reivindiquemos á marxe da violencia.

Por iso, pedimos o arquivo definitivo da causa contra Jaume D’Urgell, por entender que nos seus actos non houbo conduta de ultraxe ao Estado, posto que a pacífica substitución da bandeira española constitucional de 1978 (monárquica) pola bandeira española constitucional de 1931 (republicana) trátase única e exclusivamente dun acto reivindicativo de carácter político, co fin de amosar a súa opinión crítica co sistema actual, que impide a elección periódica e democrática da Xefatura do Estado, un sistema que cremos que nace froito do consenso de 1978, imposto polas circunstancias, nunha sociedade na que aínda estaban vivos os ecos e as tensións dunha ditadura que durante 40 anos violou as liberdades civís e políticas e moitos dos dereitos fundamentais da sociedade española.

Ao Xulgado de Executorias Penais, número 7 de Madrid
Praza de Castela. 28071 MADRID

Rajoy triunfa en Letonia

rajoy.jpg

A dereita mediática, tanto a tradicional como esa nova – que editorializa sobre o “Che” Guevara – andan na caza e captura do Presidente Zapatero, a iso curiosamente hai que engadirlle que significados “ex” que coinciden en materia económica coa Patronal fan de coristas do PP.

Ademais, o Presidente das Caixas de Aforro pide eleccións anticipadas senón hai un pacto social para saír da crise; é dicir, se os sindicatos e o Goberno non fan o que a voracidade da CEOE reclama, cando ten paralizados cento cincuenta mil convenios colectivos, co obxectivo de causar o maior dano á sociedade e aos traballadores. Tamén, é certo, que mentres tanto o Sr. Quintás logra agachar o debate sobre a súa propia xestión, sobre as prácticas especulativas que levaron ás Caixas de Aforro a contribuír á actual crise económica e de como se está a usar o diñeiro público no eido financeiro, e o que é moito máis importante, sobre a necesidade dunha gran banca pública onde estas teñen un papel que xogar, na dinamización e crecemento da economía produtiva e da creación de emprego estable e de calidade.

Mentres o xefe de patronos, Sr. Díaz Ferrán, esixe da Ministra de Economía que o Goberno non lle suba os impostos as clases de rendas altas, e que hoxe eufemisticamente chámanlles “aforradoras”, para agachar que por unha banda son responsables últimos da crise económica e agora, pretenden que se traspasen – outra vez máis – rendas do traballo a rendas do capital.

Hai que recoñecer que ao seu voceiro político, ao Sr. Rajoy empezan a facerlle caso. Hai quen está xa a aplicar o programa electoral da dereita. Aquí en Galicia, o Sr. Feijoó – co argumento da crise – pecha os hospitais pola tarde, saca a gratuidade dos libros de textos ao 70% da poboación escolar e os demais, dependerá segundo o baremo, reduce o número de profesores, reduce servizos públicos; para con estes cartos financiar ós centros escolares do Opus Dei, onde se practica o fundamentalismo relixioso e a segregación por razón de sexo.

Pero, onde máis caso lle fan a Rajoy é en Letonia. A redución do gasto social, tal como pide o PP para nós, significa neste país o peche de 30 hospitais e naqueles que seguen abertos os pacientes deberán pagar 35€ por cama; redúcese nun 50% os salarios dos mestres; o salario mínimo baixa un 20% e as pensións un 10%. Rajoy, De Cospedal, Saenz de Santamaría… deben estar pletóricos. Por fin, lles fan caso. En Letonia.

Apuntes post europeas 2009

pinochoNas eleccións europeas do día 7 de xuño unha cousa si que está clara: as esquerdas – tanto socialdemócratas, post ou neo comunistas – perderon, deixando a hexemonía da Unión Europea, en plena crise económica global, en mans dunha dereita que aspira a reducir a democracia e canonizar a economía de mercado.

Se había unha oportunidade de pasarlle factura aos causantes da crise actual, a campaña europea era un bo xeito que os cidadáns obviaron. Pero, quizais non sexa tan estraño que estes non aproveitaran a oportunidade. Por que ían votar por unhas “esquerdas” como o Labour Party, o SPD ou o PSF, se istos non son hoxe máis que coristas que bailan ao ritmo que lles marcan desde a dereita. Acaso non aparecen ante a maioría dos seus concidadáns, no mellor dos casos, como as ás esquerdas da dereita neoliberal, causante desta crise económica. Por certo, onde está o renegado Tony Blair?

Tamén, vese que as outras esquerdas son incapaces de levantar, xa non unha alternativa, senón unha voz diferente á esquerda social – liberal. Nin sequera o meu admirado Oskar Lanfontaine é capaz de recoller unha parte fundamental das inquedanzas dos traballadores alemáns (só o 7% de voto).

O que lles está a pasar é a incapacidade de analizar as consecuencias do neoliberalismo, a degradación da democracia e das condicións de vida da maioría da poboación, e polo tanto, son incapaces de artellar unha resposta organizada ao capitalismo. Entre outras cousas, porque todos eles xogan a ser parte dun sistema que realmente non queren cambiar. Falta vontade, capacidade e proxecto alternativo á dereita.

En España, o Partido Socialista logrou deter o seu deterioro. Probablemente, as medidas anticrise do Goberno Zapatero e o xiro no discurso á esquerda, onde os traballadores son o eixo central, só logrou mobilizar a uns douscentos mil votantes. Pero, que non se equivoquen, non hai outra folla de ruta. Se non fóra así, o PSOE estaría a estas alturas en caída libre.

Si, precisamente este programa netamente socialdemócrata que está a desenvolver José Luis Rodríguez Zapatero, consistente en reactivar a economía a través de dinamizar a inversión pública e reactivar o consumo é o que lle permite saír vivo da convocatoria electoral europea, a diferenza do resto dos partidos da Internacional Socialista, que en moitos sitios comparten gobernos coa dereita e polo tanto, tamén responsabilidades na situación social.

Resulta curioso que sexa precisamente a raíz desta crise cando o Partido Socialista, desde 1993, está practicando un programa xenuinamente socialdemócrata. E para iso, tivo que marchar antes Solbes, defensor do déficit cero e de non incrementar o gasto público. Con el e esa política neoliberal Felipe González acabou por perder en 1996 (primeira vitoria de Aznar), con el de Comisario Europeo os países da Unión retrocederon en investimento público.

O problema do PSOE e do Presidente Zapatero é a enorme presenza de economistas neoliberais nas nosas equipas. A aceptación desta concepción económica, entre outras cousas, trae consigo un deficiente financiamento da Lei de Dependencia e un retardo na creación de emprego público. Ademais, isto permítelle á dereita, e aos seus grupos de pensamento e presión, non só a banca privada, senón as propias Caixas e o Banco de España, marcar o límite do debate; sempre nunha orientación neoliberal.

E a xente quere claramente políticas de esquerdas expansivas que incremente non so o investimento público en obra civil, senón en servizos sociais – hoxe, xa unha parte moi importante transferidos ás Comunidades Autónomas.

Debéramos reflexionar sobre a nosa folla de ruta. Por unha banda, investimento público en obra civil e servizos sociais, un aumento dos dereitos dos traballadores e da democracia na economía; por outra banda, políticas neoliberais que privaticen os servizos públicos, a sanidade, a educación… para que os grandes grupos financeiros aumenten os seus beneficios económicos e controlen á sociedade.

Por unha parte, os traballadores (o 65% da poboación española) e as clases medias (o 20%); por outra parte, o capital especulativo e as clases altas. Zapatero debera contar que sector lle aporta máis votos e cando os sume… pechalo tempo do neoliberalismo no Partido Obreiro de Pablo Iglesias e abrir unha nova era a unha política socialdemócrata keynesiana de esquerdas.

Desde Esquerda Unida, e en Galicia o BNG deberan tamén facer fronte á realidade. As eleccións europeas eran as idóneas para un partido como o de Cayo Lara, pero a súa falta de respostas, hoxe de novo camuflado nunha reedición cutre do anguitismo, lles impide consolidar un proxecto complementario ao Partido Socialista á súa esquerda. A unidade das esquerda é o proxecto a construír, é o novo bloque histórico que pode transformar a sociedade e dar solucións progresistas e progresivas á crise económica. Hai á esquerda do PSOE uns dous millóns de votantes que non van votar socialista; deséxolles sinceramente aos de Esquerda Unida que saian do burato e que lles vaia ben; son necesarios para esa nova alianza progresista de clase que necesitamos.

No BNG deben dicirlle á xente porque non quixeron abrir as portas á renovación do seu proxecto, porque non quixeron asumir os custes da derrota electoral nas autonómicas galegas do 1 de marzo. Pero, tamén teñen unha dobre alma; por unha banda, son nacionalistas que os leva a coincidir coas dereitas vasca e catalá; e pola outra banda, a súa base social é de esquerda, e que xa na oposición obrígalles a romper Galeuscat e ir na mesma lista europea con ERC.

En moitos casos, as novas mensaxes que deben levar á sociedade os socialistas, nacionalistas e esquerdistas, requiren tamén de novas caras. Algúns xa levan tanto tempo en tantas batallas que xa non teñen credibilidade. É obrigado dar paso a unha nova xeración de militantes que seguen á espera nos respectivos partidos.

Hai unha oportunidade e un camiño, pero está á esquerda.