Os libros son perigosos

Hai unha relación íntima e case mística entre a lectora ou lector cos seus libros. Unha comuñón que transforma o ser interior de cada persoa, xa que a lectura obriga a cada un a interiorizar e a desenvolver a nosa capacidade de pensar e de entendermos o mundo. Por iso, unha persoa que ten capacidade para ler, pensar e sentir alén dun mesmo, resulta un perigo para aqueles que buscan impoñer sociedades inmersas en longas noites de pedra.

Cando as sociedades están polarizadas a capacidade crítica, a voz discrepante é acosada e perseguida. Todo a prol do pensamento único. Por iso os libros son perseguidos, son a nosa memoria colectiva, a testemuña dunha sociedade libre que pode ser posible.

Agora que a memoria volve, que se está a escribir a verdadeira historia, non a de aqueles que por declararse en rebeldía contra a democracia e as liberdades cidadás crían que “todo estaba ben atado”, é o momento de lembrar que tamén os libros e as bibliotecas foron violentadas. Por poñer dous exemplos, aí están os nove mil libros do Centro de Cultura Obreira que foron queimados na praza de Amboage pola extrema dereita en 1936 ou o saqueo que sufriu – como moitas – a biblioteca de Castelao na súa casa natal.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-19/libros-son-perigosos-843655.html

Un vento ferido

Carlos Casares tería cumprido esta semana oitenta e cinco anos, hai vinte e catro da súa morte, con sesenta anos. É dicir, os galegos perdiamos a un dos nosos grandes intelectuais na súa plenitude intelectual. É ciencia ficción saber cantas outras achegas quedaron por vir da súa man, da súa pluma, pero é ben certo que isto é así.

Xogou un dos papeis máis relevantes no campo da cultura galega e na defensa dunha lectura galeguista da nosa Autonomía, da man desoutro mito chamado Ramón Piñeiro. No ano do nacemento de quen subscribe estas “Letras de Cambio”, 1967, publicará o seu primeiro libro de relatos “Un vento ferido”, abrindo toda unha xeira de achegas literarias que ían cambiar o mundo editorial en lingua galega. Foi, ademais, director das senlleiras Editorial Galaxia e revista Grial, as cales seguen a marcar o camiño cultural na nosa terra.

Sexa como fora, sempre é un bo momento para volver a achegarse ás lecturas das súas obras ou dos seus innumerábeis artigos publicados o longo da súa vida na prensa escrita. Sinónimo de calidade periodística, literaria, política en letras grandes, galega e humana. A súa desaparición deixou sós aos rumorosos na costa verdecente e un vento ferido cun ronco son.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-13/un-vento-ferido-842462.html

https://fundacioncarloscasares.org/

A palabra perseguida

Prima a violencia e a política é hoxe sinónimo de negocio. O capitalismo global está a estender o seu xeito de entender a acumulación da riqueza. O grande éxito da guerra da Ucraína foi que Europa deixara de comprar gas e petróleo ruso polo dos Estados Unidos. O grande éxito do ataque contra Irán é que, ante a ausencia do produto procedente dos países bañados polo estreito de Ormuz, sube a cotización do procedente das grandes multinacionais que apoian a Trump.

Vivimos tempos escuros. Hai quen de xeito irresponsable súmase crendo que aquí hai un novo negocio e que van sacar tallada. Igual que aqueles de apoiaron a persecución das clases traballadoras norteamericanas de orixe hispana e hoxe lamentan que os seus tamén sofren as consecuencias.

A liberdade de prensa e de opinión están en perigo. Contar as verdades ten un custe e un risco. A palabra está perseguida, esixen que se dobregue e só sexa un mero transmisor da vontade despótica. O capitalismo global avanza e a democracia retrocede aquí en Europa. Soamente resiste o goberno de España contra aqueles que, coa escusa das supostas riquezas, afogan a palabra. Non vaia ser que esta semente en boa terra e aqueles que escoitan a comprendan.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-05/a-palabra-perseguida-840713.html

De poetas e estrelas

Permítanme, nesta semana tan rosaliana, datar o nacemento da poesía coa aparición do propio ser humano. Así, antes de existir a mesma como tal, foi voz e canto, e este último trouxo consigo a música, pero para que todo isto non esquecera a súa memoria aprenderon a escribir e a ler os seus segredos escondidos baixo o grafito impreso no papel, pasando as e os trobadores a poetas.

É certo que a poesía – e antes o canto – nace pola conciencia do ser humano da súa propia fraxilidade. Quizais, por iso, as historias que reflicten os nosos sentimentos teñen tanto acougo, incluso hoxe en día. Quizais, iso fai que as cancións que triunfan e soan non nosos móbiles sexan – na inmensa maioría dos casos – de amor ou, mellor, de desamor. Senón pregunten á propia autora dos “Cantares Gallegos” ou á Rosalía catalá.

Pero, a poesía é o lugar que non ten medo. Simplemente, porque aí cada quen pode, aínda que sexa grazas ás palabras facer realidade as súas arelas. Non esquezan a etimoloxía da palabra “desexo”, significa “a perda do ceo estrelado”. E as estrelas son todo aquelo que queremos alcanzar. Como as sete estrelas de Castelao, ou das sete do poema de Darío Xohán Cabana que falan de vida, pan, luz e liberdade.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-27/de-poetas-e-estrelas-839386.html

Volver a Rosalía

Cada vinte e tres de febreiro convértese nunha data importante para o noso país. Non por aquel inquilino que estivo durante un tempo vivindo no Castelo da Palma en Mugardos. Cada vinte e tres de febreiro volvemos a Rosalía, a pensar en cando teremos outra visita á súa casa da Matanza, en Padrón. A revisitar os seus libros e a revisar o seu legado en nós, as galegas e os galegos.

Hai forzas da natureza que sobreviven como mito e como canción e verso nas voces do seu pobo. Dá igual o paso do tempo, incluso nin o frío, nin a auga que acaba por derrubar as paredes de calquera casa, poden con ela. Seguramente, porque está impresa no ADN de cada unha e de cada un de nós. Somos o que somos, porque antes estivo ela e foi a nosa memoria e o noso rexurdimento como nación, como persoas que estenden un xeito de vivir e estar no mundo.

Así as galegas e os galegos cantamos a este país na lingua galega, porque como ela dicía serve para consolo dos males e para alivio das penas. Así á beira do mar esperamos esa proia da pedra do lar, torradas con mel e patacas asadas con sal e vinagre, que saben a noces. Así esperamos os misterios da tarde e os murmurios da noite. Xa saben, non esquezan o 23 volver a Rosalía.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-02-19/volver-rosalia-837631.html