Lingua de Eva e Adán

O Xavier Seoane, para quen subscribe esta columna, é o poeta máis importante da Galicia actual. O seu libro, arriba enunciado, resulta ser un ensaio en defensa da poesía como instrumento de progreso, formadora de espíritos críticos fronte ás banalidades, imposturas e manipulacións da verdade.

Os verdadeiros poderes sempre usaron a súa riqueza para que houbera escritores, relixiosos, pintores, arquitectos, músicos e escultores que exaltaran a súa posición na sociedade. Un xeito de asegurar e edulcorar a súa hexemonía económica e política, convertida en ideoloxía.

Así, sen pudor, resucítase a ETA, ou afírmase que a recente lei da vivenda aséntase nos mortos do Hipercor de 1987. Tamén acúsase ás esquerdas de dar subvencións por non traballar cando en Galicia é a Xunta que as xestiona ou apóianse en telepredicadores integristas que orientan a súa congregación para que voten de “xeito adecuado”.

O asunto é recuperar o verdadeiro significado das palabras. Saber que a arte cambia e mellora a nosa vida e que pertence a toda a sociedade. Que fronte os discursos do odio está a verdade que fai libre ás persoas. Temos os mesmos dereitos e obrigacións, e o noso esforzo é quen debe conducir a nosa vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/lingua-eva-e-adan-4297947

A filla do mar

Teño nas miñas mans a novela de Rosalía de Castro, publicada en castelán por Akal en 1982. A orixinal fora publicada en Vigo en 1859 cando a autora tiña 22 anos. Unha obra dedicada a Manuel Murguía e que na que vai citando a autores como Zorrilla, Goethe, Góngora ou Víctor Hugo entre outras persoas, cun prólogo de Rosalía na que defende o dereito das mulleres a escribir e a formar parte da vida intelectual do país.

Unha novela que vaise desenvolver nas terras de Muxía. Que trata dunha viúva de vivo, Teresa, á que lle vai morrer un fillo e que acaba adoptando a unha meniña, Esperanza. Os conflitos que se abren tras o retorno do marido que acosa sexualmente á menor, quen poñerá fin ao seu sufrimento dun xeito tráxico.

Choca a temática, máis na época e tamén por ser unha primeira novela que vai saír da creatividade dunha autora do século dezanove. Pero, vemos que é este un tema de moita actualidade que igual debérase ter como lectura obrigada. Igual serve para concienciar fronte a eses actos indignos de “manadas” que por desgraza tamén chegaron a Ferrol. E unha cousa é que haxa menores implicados que non poden ser imputados, pero o mínimo é a protección e a solidariedade coas vítimas.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/filla-do-mar-4288840

O relato electoral

Nos últimos anos asistimos a unha loita por impoñer uns relatos políticos que, de algún xeito, ten máis que ver coa ficción literaria ou cinematográfica. Dáse, especialmente, entre aqueles partidos que chegan a un proceso electoral sen poder ensinar xestión e que se deixaron levar pola comodidade dos plenos municipais.

O relato, ou a ficción – como di Vargas Llosa – “é unha mentira que encubre unha profunda verdade; ela é a vida que non foi, a que os homes e mulleres dunha época dada quixeron ter e non tiveron e por iso deberon de inventala”. Engadía o Nobel que “os xogos non soen ser perigosos, sempre e cando non pretendan desbordar o seu espazo propio e enredarse coa vida real”.

Vén isto a colación, porque se ben é lexítimo que as forzas políticas intenten vender a súa visión, debe estar baseada en feitos. Non ser unha especie de apocalipse local do que seremos salvados in extremis cambiando o voto. Así mesmo, é moi criticable que se espere – até o derradeiro momento – á convocatoria electoral para facer unha denuncia xudicial que, evidentemente, pretende embarrar e botar fóra do xogo democrático a un goberno municipal lexítimo. A contra denuncia evitará o simple arquivo da causa pasadas as eleccións.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/relato-electoral-4279589

Precampaña ferrolá

Estamos xa totalmente inmersos nela. Pero, deberemos esperar a saber até o propio día da votación cal será a decisión da cidadanía, para un novo mandato á fronte do Concello de Ferrol. O que si sabemos é que este é un debate entre dous: o socialista Ángel Mato e a dereita liderada por José Manuel Rey.

No caso de Ángel Mato ten no seu haber facer fronte á pandemia, a xestión municipal co dobre de investimentos que tivo aquel único goberno de maioría absoluta do PP, impulsar á autoestima de Ferrol coa candidatura a Patrimonio Mundial, así como un cambio radical urbanístico que nos converte, por dereito propio, nunha cidade plenamente europea.

José Manuel Rey vén de facer unha errática precampaña tutelado pola Xunta de Galicia, asumindo como propias as débedas desta. Mais, é certo que dispón dun electorado moi fiel, aínda que o concurso da Vox vaille “marcar” o discurso e, por momentos, abandonar a comodidade do centro político.

As incapacidades dos comúns e dos nacionalistas, que lles impediron formar parte do goberno municipal liderado por Ángel Mato, son os “pecados” que estas formacións deberán purgar ante os seus electores. De Podemos, se espera que sexan máis unha axuda en favor das aspiracións de Rey Varela.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/precampana-ferrola-4271493

A Biblia

Un atrevemento. E máis por parte dun non crente. Aínda que supoño que cada quen é froito da cultura na que se desenvolve, á marxe das oportunas reformulacións acorde coa evolución persoal. Máis recoñezo que estiven durante moito tempo tras as edicións da Biblia da Editorial Sept (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). As tres primeiras esgotadas e, por fin, puiden facerme coa cuarta a saída do prelo.

A xeira de colaboracións, as traducións partindo dos orixinais en hebreo, arameo e grego ao galego actual, o coidado da edición xunto coas súas numerosas anotacións fan deste un gran traballo. Debera interesar non só aos crentes, senón a todas aquelas persoas interesadas na cultura, da que sen dúbida forma parte todo o que ten que ver coa fe cristiá, incluídas todas as súas expresións artísticas, como acabamos de ter ocasión en Ferrol coa música sacra en San Xiao ou as propias procesións de Semana Santa.

A Editorial Sept, con medio século de existencia, é unha entidade peculiar ao sumar cristianismo e galeguismo. Por ela pasaron xente senlleira como Xaime Isla ou Domingo Fernández del Riego, cuxo irmán Francisco xunto co propio Isla serán promotores tamén da emblemática Editorial Galaxia.