Conversa con Pedro Blanco

O Club de Prensa de Ferrol, con Julia Díaz como moderadora, vén de celebrar unha interesante “Conversa no Parador” con Pedro Blanco, Delegado do Goberno en Galicia. Un encontro para avaliar o traballo desenvolvido desde o Goberno de España na nosa cidade. Os datos falan de seu: cinco mil millóns de euros, un investimento superior ao feito pola administración do estado en cidades como Coruña ou Vigo.

A aposta por Ferrol como “corazón europeo da construción naval”, a implementación nos accesos ferroviarios, así como a conexión entre os portos exterior e de Curuxeiras, o compromiso polo dereito á vivenda – coa implicación do SEPES – no desenvolvemento do Sánchez Aguilera, a rehabilitación do edificio dos sindicatos na rúa Carme, ou o investimento nas Pías, están na axenda do Estado.

Esta “Conversa no Parador” é con unha persoa con fondos vínculos co movemento sindical desde o ámbito do dereito laboral e familiares con esta comarca. Un cargo político, que busca o diálogo e a cooperación para as solucións dos problemas da cidadanía. Rexeita a crispación e se lle fan unha pregunta á que non sabe responder, recoñéceo e vai coa verdade por diante. Transparencia, proximidade, solvencia e honestidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/conversa-pedro-blanco-4818193

Ai, a historia!

Debéramos escribir historia con h minúscula. Simplemente, porque non é máis que a versión de quen – nese momento – ten a hexemonía na sociedade. E a española é un exemplo coa guerra civil.

Para os homes dos grandes negocios que puxeron a Napoleón, ao final da revolución francesa, o máis odiado era Robespierre, devoto da guillotina. Como tamén odiaban a democracia, decidiron chamarse “liberais”. Co emperador restableceron a escravitude nas súas colonias. Castigaron ás mulleres sacándoas da vida pública porque elas organizaron os cuidados, as escolas e as cousas do comer dando soporte material e empuxe á revolución. Así mesmo, restrinxiron o dereito de voto aos varóns con recursos e patrimonio.

As revolucións rusa e a francesa teñen en común que foron traizoadas e combatidas, desde dentro e desde fóra. Incluso a Segunda Guerra Mundial ten as súas intrahistorias como, por exemplo, o “tardío” desembarco de Normandía. Os franceses non saben ben que deben celebrar, ante un exército anglo-norteamericano que comportouse como un ocupante, onde as mulleres francesas eran un botín. Tampouco esquezan que o tío de Isabel II foi deposto como rei inglés pola súa querenza polos nazis. En fin, a historia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ai-historia-4807027

Rosa Aneiros

Este sábado, ás dezaoito trinta, estará na Praza da Constitución. Presentando a súa nova novela “A noite das cebolas”, dentro do feixe de actividades da Feira do Libro. Recoñezo que máis de xéneros literarios son de autoras e autores. Por iso agradezo a oportunidade que Ferrol vai ter de escoitar, a esta autora de Meirás afincada en Santiago.

A miña primeira achega a esta escritora foi con “Resistencia”, editada por Xerais, hai máis de vinte anos. En algún sitio lin que para documentarse sobre como era a vida no Portugal da ditadura fascista e da resistencia, ela decidiu chamar á sede central do PCP para procurar unha entrevista co histórico Alvaro Cunhal. E tras unha conversa con quen directamente descolgou o teléfono e ser interrogada sobre o que pretendía, atopou que xa estaba a falar con el. Toda unha lenda respondendo a unha simple chamada feita desde Galicia.

Cos anos acabei visitando a prisión de Peniche, convertida nun memorial a prol dos dereitos humanos. Alí puiden ver onde pasaron cárcere tanto Cunhal como o socialista Mario Soares. Ambos tiveron un papel destacado na historia democrática dun Portugal, que estes días celebra a súa festa nacional: a revolución de abril dos caraveis.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/rosa-aneiros-4799058

Vai de libros

Un sempre pregúntase se realmente hai un lector para cada obra ou, máis ben, se cada libro convértese en moitos, simplemente pola pegada que pode deixar en cada persoa, sen que debamos asumir recibir a mesma influencia. Un libro reflicte o universo socio-cultural e ideolóxico do seu autor, aínda que sexa de xeito inconsciente. Un sistema de valores que acaba salpicando cada páxina que lemos.

Acaso non percibimos isto no “Resistencia” (Xerais, 2002) de Rosa Aneiros? E se imos a obras referentes como a “Democracia en América” de Tocqueville, non somos capaces de ver as súas eivas, cando só dedica un “breve comentario” a unha cuestión transcendental, como o mercado de escravos – capital fundador da revolución industrial inglesa – no desenvolvemento dos EEUU?

Ás veces, tan importante é o que se escribe, como se escribe e o que omitimos. Lectura crítica, para ser libres. Porque incluso os libros “para entreter” transmiten valores. Pero, non fagan caso destas “letras de cambio”. Para a semana pasen pola feira do libro de Ferrol. Xa saben que o peor que pode pasar é que as follas dos libros non teñan as marcas dos nosos dedos. Aínda que sexa por aquelo que dicía Manuel Rivas de que “os libros arden mal”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vai-libros-4786908

A Violencia

Pensábamos que da pandemia saíamos mellor como sociedade. Pero, en breve puidemos constatar que non era así. Houbo quen decidiu que había que poñer en solfa todo aquelo que servía para unir á cidadanía. Como mínimo, a mala educación instalouse como “norma básica de convivencia”. A falta de empatía está á orde do día. Si, estamos na fin da historia, ou cando menos, parece que non haberá un mañá.

Así, a noticia máis impactante desta semana santa non será para moitos nin as dificultades para saír das procesións relixiosas, nin a choiva nin este vento ferido que nos empurra polos concellos de Ferrolterra. Si a morte dun pai golpeado polo seu fillo, feito tráxico recollido nas páxinas deste xornal. E estas cousas como poden suceder?

Obviamente, ocupa un grado superlativo nesa escala da violencia na que vivimos nesta sociedade post-covid, xunto ás agresións ás mulleres. Á marxe da situación concreta, dos feitos persoais que acaban alimentando a traxedia, como podemos freala e facerlle fronte?

A violencia é síntoma dunha sociedade enferma. Quizais necesitamos, de xeito urxente, preguntarmos cales son as causas da desgraza e buscar o camiño axeitado que nos faga mellores. Volver a Bertrand Russell.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/violencia-4778270