Carlos Casares tería cumprido esta semana oitenta e cinco anos, hai vinte e catro da súa morte, con sesenta anos. É dicir, os galegos perdiamos a un dos nosos grandes intelectuais na súa plenitude intelectual. É ciencia ficción saber cantas outras achegas quedaron por vir da súa man, da súa pluma, pero é ben certo que isto é así.
Xogou un dos papeis máis relevantes no campo da cultura galega e na defensa dunha lectura galeguista da nosa Autonomía, da man desoutro mito chamado Ramón Piñeiro. No ano do nacemento de quen subscribe estas “Letras de Cambio”, 1967, publicará o seu primeiro libro de relatos “Un vento ferido”, abrindo toda unha xeira de achegas literarias que ían cambiar o mundo editorial en lingua galega. Foi, ademais, director das senlleiras Editorial Galaxia e revista Grial, as cales seguen a marcar o camiño cultural na nosa terra.
Sexa como fora, sempre é un bo momento para volver a achegarse ás lecturas das súas obras ou dos seus innumerábeis artigos publicados o longo da súa vida na prensa escrita. Sinónimo de calidade periodística, literaria, política en letras grandes, galega e humana. A súa desaparición deixou sós aos rumorosos na costa verdecente e un vento ferido cun ronco son.
https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-03-13/un-vento-ferido-842462.html