Estaba claro que a campaña de publicidade extremadamente agresiva do Plan Galicia da Xunta tiña truco. Era a precampaña do PP, pagado con fondos públicos.
Varias son as razóns que obrigan a D. Manuel a adianta-las eleccións autonómicas, a faltar a súa palabra. As enquisas probablemente falábanlles dunha perda constante de votos producidas por unha falta de xestión eficaz no desenvolvemento de Galicia tras quince anos de Goberno en Galicia e de que a maioría dos cidadáns non queren de novo candidato a Fraga; un PP escorado á extrema dereita que arrincona á dereita democrática como Gallardón, Pimentel ou Herrero de Miñón.
Un PP que rompe o pacto antiterrorista empeñado en darlle a maioría absoluta ao PNV con tal de atacar ao PSOE; ca perda de máis do trinta por cento de seu electorado en Euskadi, cando, tamén, o seu competidor en Álava (Unidade Alavesa) desaparece do Parlamento vasco.
A todo elo hai que engadir a incapacidade de poñerse de acordo no PP nun candidato novo, o que lle permite a Fraga volver a presentarse nunhas evidentes condicións que son negativas para el mesmo, para o seu partido e para a propia Comunidade Autónoma.
A xestión de Fraga pódese resumir en dous feitos: seguimos a ser Obxectivo 1 dentro da Unión Europea, é dicir, tras tantos fondos europeos e do mito do Estadista Fraga, seguimos sen converxer con Europa, e nin sequera con España; e a grande proposta en materia económica de D. Manuel, para combate-la deslocalización é maior precariedade, e rebaixar aínda máis os minguados salarios dos traballadores galegos. Con esta xestión a emigración volve a sela senda que recorren de novo moitos galegos.
Hai evidentemente outros dous motivos. Un intento de coller desprevenido ao BNG na liorta entre Beiras e Francisco Rodríguez, cun Quintana sen consolidar; e ademais, evitar como sexa que entren en vigor uns novos Presupostos Xerais do Estado que deixen en evidencia ao PP e os seus Gobernos Amigos do Prestige.
Mais, nesta ocasión cométese un fraude electoral. Manuel Fraga non é o verdadeiro candidato do PP galego á Xunta. Fraga, á marxe da súa propia vontade, só o presentan para intentar asegurarlle o sillón presidencial a un tapado, aínda non designado pola falta de acordo interno. En calquera caso, imos asistir a unha suba da temperatura na crise do PP, sexa cal sexa o resultado do 19 de xuño: A pelexa polo sucesor, dun D. Manuel xa maniatado, entre as distintas familias do PP galego e Mariano Rajoy.
Agora, si que a alternativa que xuntos representan PSdeG-PSOE e o BNG, teñen que gañarse a credibilidade dos cidadáns para visualizar ese goberno conxunto que necesita Galicia.
Pero, é evidente que Touriño atópase cunha dificultade engadida. Non saber realmente quen é o seu contrincante no PP. Un pode competir incluso cun Fraga emotivo que vaia, na súa derradeira campaña, despedíndose do seu electorado ao longo de Galicia, mais non se pode competir con aquel ou aquela que non ten nin nome.
En calquera caso, o 20 de xuño empeza unha nova Galicia: a Galicia postfraguista.