Tes unha cita co Foro Social en Ferrol: Participa!

fsgal_decembro20081

Do 5 ao 7 de decembro a presenza do Foro Social Galego en Compostela cobra especial importancia,  porque supón a consolidación dun organismo onde diversos colectivos e persoas estamos elaborando e construíndo alternativas ao longo do país, no senso de provocar un cambio de sociedade; pero, tamén, ante a crise provocada no sistema financeiro polos especuladores, co beneplácito da maioría dos gobernantes neoliberais do Mundo.

Na comarca ferrolá, este vindeiro venres 28 de novembro, ás 20 horas no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, en réxime de auto convocatoria, aberta a todos os movementos e entidades que así o queiran, ademais, de persoas a título individual farase a presentación do Foro Social Galego.

Esta convocatoria ferrolá está organizada pola Marcha Mundial das Mulleres, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e a Asociación Fuco Buxán. Abrirá o debate a amiga Lupe Ces.

Para máis información sobre o FSGal, pincha aquí.

Descárgate o programa do Foro en pdf.

Escoita a cuña de Radio Filispim.

Un goberno de progreso para Ferrol

Un grupo de cidadáns e cidadás, a título persoal, ante a situación do Concello de Ferrol, manifesta:

En Ferrol hai unha maioría de esquerdas, como se demostrou nas últimas eleccións municipais. O seu triunfo foi en grande medida grazas á presión dos movementos sociais, mobilizados contra das políticas regresivas do Partido Popular.

A ruptura do Goberno Bipartito pon en risco a execución de importantes proxectos que se viñeron xestando nos últimos meses: Regulamento de Participación Cidadán, Recimil, Urbanización do Bertón, Estrada de Castela, Tren ao Porto Exterior, etc., que supoñían abordar desde unha óptica progresista, os problemas da cidade.

Resúltanos de todo punto de vista inaceptábel que, máis aló das diferencias puntuais entre os dous socios de Goberno, se chegase á ruptura.

En todo caso, independentemente das causas da mesma, consideramos que a responsabilidade contraida coa a cidadanía obriga a reconducir a situación. Emprazamos ás dúas forzas políticas a sentarse para recuperar a unidade progresista, incorporando a este proceso ao BNG, para traballar no que queda de mandato a prol da cidade.

Estamos convencidos de que hai tempo para que un Goberno de Progreso poida desenvolver unha xestión frutífera para o avance da cidade e ser un referente, sobre todo nestes tempos, para o resto de Galicia. Seguir lendo

Megasa despide a dous traballadores

Hoxe (ou xa onte día 16) pola tarde – noite a Dirección de Megasa Siderúrxica S.L., xa deu resposta á convocatoria de dez días de folga xeral pola falta de convenio colectivo. Doulles a dous compañeiros da sección de Acería a carta de despido. Un deles é membro do Comité de Empresa e de Folga. Os dous son referencia sindical para o conxunto dos traballadores de Megasa.

Estiveron preto de dúas semanas xogando co Alcalde de Narón, que non foi quen de lograr que entraran en razóns para reanudar o diálogo social. E tras serlle presentado o novo calendario de folgas, entrou a nos botar este desafío aos traballadores.

Está claro que calquera poderíamos ser os despedidos. Estou seguro que sopesaron moitos nomes. Hoxe, son estes compañeiros porque, a diferencia co que pasara hai máis dun lustro – aquel convenio que nos costara 18 días de folga – a sección de Acería participa na súa totalidade. Estes días veremos que inventan para xustificar estes despidos. Intentan romper a unidade da plantilla. E seguro que seguiran buscando o xeito de xustificar aumentala presión sobre todos nós. De provocar incluso un peche patronal como hai 30 anos.

Este ano non haberá convenio, nin para principios do que vén. Agora, a nosa plataforma ten dous puntos máis e irrenunciables: A reincorporación de Emilio e Alberto. A isto obríganos a Empresa.

Somos unha empresa europea e queremos unhas relacións laborais normalizadas e propias dun sistema democrático occidental. O que pasa é que teñen un gran sentimento de impunidade. O seu poder económico, e a conxuntura social, que eles aproveitan de xeito oportunista, dálles ás para crerse por riba de todo. Dos traballadores, dos xuízes, das Institucións, da cidadanía… Esta vai ser unha loita moi longa e dura, tranquilidade e unidade.

Os traballadores de Megasa temos dignidade

Este sábado iníciase o novo ciclo de 10 días, distribuídos de aquí a fin de ano, de folga xeral en Megasa Siderúrxica, en Narón. O alcalde, co respaldo de todos os grupos políticos do concello, estivo intentando mediar no conflito, pero a Empresa segue no seu. Nunha espiral que xa veremos a onde nos vai levar. Por se alguén non o sabe no ano 2007 Megasa Siderúrxica S.L. tivo uns beneficios netos de 20 millóns de euros.

Pola fábrica circula a foto que podedes ver encabezando este post (farásevos máis grande pinchando nela). A lenda reflicte o sentir dos traballadores: “A resignación é un suicidio permanente. Os traballadores de Megasa, tamén, temos dignidade”. O da camiseta é Emilio, un dos xoves do Comité. A Empresa intenta machacar nel, non lle perdoan o seu compromiso.

Tamén, circula o artigo de Rafael Pillado, que publicou o Diario de Ferrol, onte. O podedes ler aí abaixo. En Radio Filispim, no programa de Fuco BuxánO Recuncho” (pincha aquí), podedes ver a entrevista que me fixeron sobre este conflito, ou ben podedes ler a entrevista que lle fixeron a César Fraga (presidente do comité e secretario xeral de MCA-UGT Megasa), no quincenal obreiro “El Militante” (pincha aquí).

A Empresa obrigaranos a chegar ao nadal sen convenio colectivo? Probablemente. Teñen un argumento contundente: 20 millóns de Euros.

O dereito a negociar un convenio razoable

Por Rafael Pillado (Publicado no Diario de Ferrol, 15 outubro 2008)

Os compañeiros de Megasa pretenden negociar un convenio que sexa razoable. A empresa se nega a estudar as súas propostas e chegar a acordos cos lexítimos representantes dos traballadores, incluso apelando á intervención policial desmesurada, cando o conflito viña discurrindo pacífica y ordenadamente, e no marco pleno da legalidade.

Pois ben, estes días coñeciamos diversas opinións a través dos medios de comunicación, con algún dos cales discrepo diametralmente. Mentres Felipe do Muíño recorda a actitude serena dos traballadores o longo dos anos, sen renunciar nin os seus dereitos, nin o seu posto de traballo, Fernando Álvarez, sinala como prioritario “cuidar mucho a Megasa”, “y si una empresa para salvarse en época de crisis, tiene que reducir su plantilla … debe hacerlo…” E afirma que “… los acuerdos con los trabajadores es la diferencia entre la empresa privada y la pública”. Quere isto dicir que na empresa privada non caben os acordos? Que eu saiba, na nosa lexislación laboral, a negociación colectiva é un dereito dos traballadores. Incluso na Ditadura, tiveron que recoñecelo.

No caso de Megasa quen se nega a negociar é a Empresa. E quero dicir que esa empresa a compoñen o capital empresarial e os traballadores. A plusvalía non cae do ceo. ¡Sen traballadores, Megasa non sería Empresa!

Seguir lendo

Da crise á soberanía alimentaria

O vindeiro martes 14 de outubro, desde Fuco Buxán, presentaremos un acto na Galería Sargadelos de Ferrol, que xira arredor da soberanía alimentaria. Connosco estarán Lupe Ces (da Marcha Mundial de Mulleres) e Isabel Vilalva, esta última dirixente do Sindicato Labrego Galego, e que forma parte da rede internacional “Vía Campesina”. O acto será ás 20 horas. Esperamos a vosa asistencia e participación.

Este é un acto, quizais diferente, no senso de que non é habitual para nós entrar nas cuestións que teñen que ver coa produción alimentaria. Somos unha asociación produto dunha cultura estrictamente industrial, saída do corazón da metalurxía e, quero pensar, das mellores tradicións do movemento obreiro democrático ferrolán.

Máis, na nova situación de crise global, de crise de civilización, creo que nos vai servir para ampliar a nosa perspectiva, alén de simples consumidores. A actual crise financieira que está a provocar un terremoto, non é máis que a espiral desa triple crise: enerxética, inmobiliaria e alimentaria.

As tres teñen a mesma base. Son produto da especulación dos desregulamentados mercados financieiros e dunha política neoliberal implantada hai trinta anos por Reagan e Margaret Thatcher, que querían liquidar as conquistas sociais, reducir a democracia e traspasar rendas do traballo a rendas do capital. Vendo ademais que o conxunto das esquerdas políticas e sindicais carecen de alternativas para facer fronte a esta situación.

Será unha interesante charla a de Isabel Vilalba, que ademais traerá a voz dun movemento alterglobalización, indubidablemente fresco e renovado. Así que vémonos este martes 14 en Sargadelos Ferrol (rúa María esquina rúa Ruvalcaba), ás 20 horas. Paso lista.