Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Navantia Fene excluída do sector civil

Onte pola mañá escoitaba unha emisora local mentres almorzaba. Falaban dunha nova suposta afrenta do PSOE á comarca de Ferrol. A verdade que eu xa estou canso de escoitar sempre o mesmo. No fondo aproveitan isto para a súa campaña a favor da dereita política ferrolá.
Hai quen leva anos provocando grandes titulares a favor da dereita, que cando entras a ler a letra miúda resulta “fume de carozo”, e ata poderíamos facer un calendario de noticias que se repiten co paso do tempo. Ao mesmo tempo, sempre que falan dos socialistas todo é negativo. A parcialidade e o tremendismo periodísticos tamén se paga, sobre todo na credibilidade.
Non creo que a noticia sexa tal. Todo vai segundo o guión. Cando foron as últimas mobilizacións de Astano, tiven a ocasión de falar con algún significado dirixente sindical, que non era nin socialista nin da UGT, precisamente. Cando lle falaba sobre as dificultades para a supervivencia do asteleiro de Fene, el daba por feito que xa estaba máis que pechado. Está claro que coa minguada plantilla actual é imposible o seu funcionamento.
O único obxectivo real era ingresar como traballadores de Bazán (hoxe Navantia Ferrol).
Hai tempo que a dereita económica deseñou a fin das grandes empresas públicas, e isto foi asumido por unha parte da esquerda, non só a gobernante. Fundamentalmente, con dous obxectivos: impedi-la resposta da esquerda organizada ao novo deseño neo-liberal que algúns queren para España en liña co que está a pasar en Europa, e de paso, para que algúns empresarios amigos fagan negocio a costa do patrimonio público. De feito, hai quen propón entregar as magníficas instalacións de Astano a empresas, que se por algo se caracterizan é pola súa baixa calidade social, é dicir, precariedade, e máis precariedade.
Estamos pagando aínda a crise sindical que se produce como consecuencia da perda dos referentes ideolóxicos e políticos nos anos oitenta. Houbo quen cambiou o outro mundo que é posible, por cousas moito máis cercanas. Situarse el, á familia, ou simplemente, non traballar á espera da prexubilación.
O 60% da poboación activa de Ferrol é prexubilada. Foi unha conquista dos traballadores, pero a crise de identidade da esquerda fixo que o movemento sindical non fora capaz de impoñer outra dinámica que trouxera a reindustralización. E a reconversión converteuse, simplemente, en sinónimo de desmantelamento.
Os que tiñan claro o camiño a seguir foron marxinados conscientemente, e tiveron que buscar outras formas orixinais de participar na vida social á marxe das estruturas tradicionais.
Sempre hai un camiño, e para a esquerda é aglutinar ao conxunto dos cidadáns nun novo proxecto social e económico, que pasa por esixir o cumprimento da débeda histórica que o Estado e a Xunta teñen con esta comarca. Neste obxectivo a esquerda ou é o motor de cambio ou non haberá saída.
Outra Ferrolterra é posible.

Referendo contra España

Quizais, a velocidade nos disparates desta dereita radical que sigue sen aceptar os resultados electorais do 14 M, non nos deixen ver a secuencia de todo o que está pasando na vida política española.

Estes dirixentes do PP, que non votaron a favor da Constitución española, e opoñíanse ao Estado das Autonomías, botaron vinte anos fóra do poder tras a morte de Franco. Non lles perdoaron nin ao Rei, nin a Suárez a súa aposta pola Democracia, e despois dunha operación de acoso e derribo contra Felipe González, tiveron os seus anos “gloriosos” con Aznar. Fundamentalmente, os catro últimos, onde coa súa maioría absoluta pretendían facer un vaciado da Constitución e das Autonomías. O obxectivo era volver a unha España autoritaria onde os gobernos das Comunidades Autónomas non fosen máis que unha mera descentralización administrativa do goberno central, pretendendo incluso afogar polas vías da imposición de leis estatais e redución orzamentaria a aquelas que fosen díscolas. Unha involución en toda regra.

Polo tanto, a actual crise territorial afunde as súas raíces no autoritarismo do aznarismo, que provocou unha enorme desconfianza entre o Estado e as Autonomías.
Que ninguén se equivoque: cando máis estea repartido o poder, máis Democracia, máis cidadanía … e máis España. Esa é a meta de Zapatero.

Pero, claro, a consolidación dun maior reparto do poder entre todas as Administracións do Estado dificultaría veleidades autoritarias desde o Goberno central e permitiría desenvolver políticas autónomas desde as nacionalidades e rexións, que non estarían supeditadas á lealdade institucional e democrática do inquilino/a de turno na Moncloa.
A actitude bronca dos actuais dirixentes do PP evidencia que non aceptaron aínda os resultados do 14M. Amosan claramente a desconfianza que teñen da Democracia e das súas Institucións, e deixan só en mans dos Socialistas a gobernabilidade do país.

Necesitamos unha dereita máis racional e menos nostálxica do vello réxime. Se os Feijoo, Piqué e Gallardón non son capaces de virar o actual PP cara a posicións moderadas, só quedará preguntar aos seus militantes e votantes se se consideran ben representados por un PP controlado por elementos extremistas e sectas ultracatólicas (Opus Dei, Lexionarios de Cristo…), que cada día que pasa parécense moito máis a aquela CEDA clerical e fascista que cando perderon o control da Segunda República, pedíronlle aos xenerais Fanjul e Franco que se levantaran en armas contra España (como así confesa Gil Robles nas súas memorias).

A verdade que Mariano Rajoy xa ten a súa primeira firma significativa nesa proposta de referendo anticonstitucional. A dun vello defensor de aquela “España: una, grande y libre”, o golpista Antonio Tejero.

O disparar a vulto e o tremendismo dialéctico fan ir da man de indesexables compañeiros de viaxe. A verdade que están utilizando todos os seus apoios mediáticos, xudiciais, relixiosos, militares, e incluso dentro do Consello de Estado (no que participa o propio Aznar).

Máis o obxectivo non é garantir a “unidade de España”, argumento abandonado hoxe polo PP, tras a inclusión adaptando o “Estatut” ao término constitucional “nacionalidade”, nin a cohesión territorial e igualdade dos españois, xa que as CC.AA. non teñen porque asumi-lo modelo catalán. Poden seguir co mesmo ou en todo caso deberán ser compensados co Fondo de Suficiencia.

Poñer en cuestión a cesión do 50% do IRPF por parte do PP é hipócrita. Esta, tamén, foi unha reclamación deles en Andalucía, ou a territorialización dos impostos especiais pedido polo propio Zaplana cando era presidente do País Valenciano.

O obxectivo da proposta de referendo é impedir o reparto do poder e darlle un volco ao resultado electoral do 14 M. A pregunta real sería algo como: “¿Considera vostede que só o PP, debe, obviamente por “dereito de familia” e sen alternancia, gobernar España?”

A non aceptación das regras democráticas polo PP, poden acabar danando seriamente a convivencia en España, así como alimentar aos grupos violentos da extrema dereita, que encontran acougo ideolóxico na deriva do trío Rajoy – Acebes – Zaplana.

España merece unha dereita mellor.

Julio Aneiros, na memoria

A sociedade ferrolá está de loito. Julio Aneiros que, indubidablemente, forma parte do noso mellor patrimonio colectivo faceleceu este martes,hoxe o enterramos na súa terra natal de Valdoviño. Julio hai tempo que xa é moito máis que un mito da resistencia e da dignidade contra a barbarie franquista. Julio converteuse nunha referencia ética, onde as ideas da esquerda polo socialismo e da democracia acadaron a súa máxima expresión. Unha forma de vivir para a solidariedade e a transformación da sociedade.
Julio foi quen de levantar un forte movemento contra a dictadura. El foi dos primeiros do PCG e das primeiras Comisión Obreiras en Galicia, e xa despois na democracia, aínda que retirado da primeira liña do sindicalismo e da política, sempre apostou por seguir de cerca e apoiar as iniciativas a favor das liberdades e do avance da unidade da esquerda. El, e Xaime Quintanilla Ulla en Ferrol avalaron coa súa presenza o acto público de integración do PTG no PSOE en 1991; en 1995 saudou a creación da revista “Razón Socialista”, e en 1999 foi un dos fundadores da Asociación Cultural Fuco Buxán, hoxe editora da revista.
Pola miña memoria van pasando de xeito agolpado as conversas que moitas veces tiveramos preto da súa casa, no café Royfe, xunto con Pillado, Lalán, Tino, Carmelo… A homenaxe un 5 de decembro no Carvalho Calero, o libro posterior que publicamos Fuco Buxán con Edicións Embora. A súa amizade cultivada na clandestinidade con Santiago Carrillo, o seu abrazo recíproco ao Xeneral Gabeiras, o seu apoio ao traballo do Comité Cidadán… E sobre todo, a súa profunda mirada de aprobación para Rafael Pillado e Fuco Buxán.
Persoalmente, considero que foi Julio un dos que a algúns nos ensinaron a pensar en clave de esquerda, a traballar a prol do cambio social, e se hoxe defínome como un socialista democrático de raíz marxista e galeguista el ten moito que ver. Se Pillado, Miramontes, Leonardo, e moitos máis son os “fillos ideolóxicos” de Julio, quero pensar que outros somos os seus “netos”. A súa labor a prol dos dereitos dos traballadores, da democracia e dos dereitos humanos non serán esquecidos. Diso estou seguro.
Todos nós, o conxunto dos cidadáns temos unha débeda con Julio e a súa familia. Sen el non se podería entender esta España democrática, nin esta Galicia que rompeu definitivamente os seus lazos coa longa noite de pedra.
Espero, que o Concello de Ferrol, o máis pronto posible, poña a placa á rúa que no futuro levará o seu nome, aprobado xa hai un tempo na Comisión de Cultura.
José Torregrosa escribiu para el un poema, feito para aquela homenaxe popular nun Centro Cultural Carvalho Calero cheo de xentes que sentíamos a Julio no máis fondo do noso corazón:

“En tu impronta en la Historia, Clase Obrera,
late sangre de un hombre ferrolano,
solidaridad bondad, caudal humano,
Julio Aneiros, la Izquierda su bandera.

Encontraréis su huella donde quiera
su mirada llegó, su voz de hermano;
el generoso puño de su mano,
la noble sensatez de su manera.

Los parias de la Tierra se han alzado;
repartido su pan legión hambrienta,
y la Razón en marcha ya ha atronado.

Labrador de esta Paz: posa tu arado:
¡Bien ganada que tienes tu cosecha!
La esperanza, mañana, es tu legado”.

(Páx. 9, “Julio Aneiros, la lucha imprescindible”, Fuco Buxán & Edicións Embora)

Julio, ante todo é dignidade, saber estar a pesar do vento racheado da Historia. Por iso, proxectarase a súa pegada moito máis alá do tempo que o crédito ca vida nos dea a cada un de nós.
Gracias, Julio.

Bachelet Presidenta


A elección de Michelle Bachelet é unha moi boa noticia para o conxunto da esquerda, no só a nivel de Iberoamérica. Agora si que queda claro que América Latina xira á esquerda. De xeito acertado conseguiron unir arredor da candidatura de Bachelet ao conxunto da esquerda chilena.
Este triunfo debe servir para que Chile afonde na consolidación da democracia e o avance decidido nos dereitos humanos e da xustiza social. Obviamente, isto tamén pasa pola reforma electoral que permita que a representación electoral se reflicte mellor no seu parlamento, así como en recuperar o dereito de folga e de negociación colectiva dos traballadores.
Evidentemente, desde España debemos apoiar a este Chile democrático e socialista. O PSOE e a Internacional Socialista deben apoiar unha saída progresista ao conxunto dos problemas desta América que esperta do pesadelo do Cóndor devorado pola aguia imperial da CIA.
Chile, Brasil, Venezuela, Bolivia, Urugüay… e algún día no corazón do imperio.
Salvador Allende proxecta o seu legado cara o conxunto de América.
Parabéns para Bachelet e o conxunto da esquerda e do pobo chileno.