Referendo contra España

Quizais, a velocidade nos disparates desta dereita radical que sigue sen aceptar os resultados electorais do 14 M, non nos deixen ver a secuencia de todo o que está pasando na vida política española.

Estes dirixentes do PP, que non votaron a favor da Constitución española, e opoñíanse ao Estado das Autonomías, botaron vinte anos fóra do poder tras a morte de Franco. Non lles perdoaron nin ao Rei, nin a Suárez a súa aposta pola Democracia, e despois dunha operación de acoso e derribo contra Felipe González, tiveron os seus anos “gloriosos” con Aznar. Fundamentalmente, os catro últimos, onde coa súa maioría absoluta pretendían facer un vaciado da Constitución e das Autonomías. O obxectivo era volver a unha España autoritaria onde os gobernos das Comunidades Autónomas non fosen máis que unha mera descentralización administrativa do goberno central, pretendendo incluso afogar polas vías da imposición de leis estatais e redución orzamentaria a aquelas que fosen díscolas. Unha involución en toda regra.

Polo tanto, a actual crise territorial afunde as súas raíces no autoritarismo do aznarismo, que provocou unha enorme desconfianza entre o Estado e as Autonomías.
Que ninguén se equivoque: cando máis estea repartido o poder, máis Democracia, máis cidadanía … e máis España. Esa é a meta de Zapatero.

Pero, claro, a consolidación dun maior reparto do poder entre todas as Administracións do Estado dificultaría veleidades autoritarias desde o Goberno central e permitiría desenvolver políticas autónomas desde as nacionalidades e rexións, que non estarían supeditadas á lealdade institucional e democrática do inquilino/a de turno na Moncloa.
A actitude bronca dos actuais dirixentes do PP evidencia que non aceptaron aínda os resultados do 14M. Amosan claramente a desconfianza que teñen da Democracia e das súas Institucións, e deixan só en mans dos Socialistas a gobernabilidade do país.

Necesitamos unha dereita máis racional e menos nostálxica do vello réxime. Se os Feijoo, Piqué e Gallardón non son capaces de virar o actual PP cara a posicións moderadas, só quedará preguntar aos seus militantes e votantes se se consideran ben representados por un PP controlado por elementos extremistas e sectas ultracatólicas (Opus Dei, Lexionarios de Cristo…), que cada día que pasa parécense moito máis a aquela CEDA clerical e fascista que cando perderon o control da Segunda República, pedíronlle aos xenerais Fanjul e Franco que se levantaran en armas contra España (como así confesa Gil Robles nas súas memorias).

A verdade que Mariano Rajoy xa ten a súa primeira firma significativa nesa proposta de referendo anticonstitucional. A dun vello defensor de aquela “España: una, grande y libre”, o golpista Antonio Tejero.

O disparar a vulto e o tremendismo dialéctico fan ir da man de indesexables compañeiros de viaxe. A verdade que están utilizando todos os seus apoios mediáticos, xudiciais, relixiosos, militares, e incluso dentro do Consello de Estado (no que participa o propio Aznar).

Máis o obxectivo non é garantir a “unidade de España”, argumento abandonado hoxe polo PP, tras a inclusión adaptando o “Estatut” ao término constitucional “nacionalidade”, nin a cohesión territorial e igualdade dos españois, xa que as CC.AA. non teñen porque asumi-lo modelo catalán. Poden seguir co mesmo ou en todo caso deberán ser compensados co Fondo de Suficiencia.

Poñer en cuestión a cesión do 50% do IRPF por parte do PP é hipócrita. Esta, tamén, foi unha reclamación deles en Andalucía, ou a territorialización dos impostos especiais pedido polo propio Zaplana cando era presidente do País Valenciano.

O obxectivo da proposta de referendo é impedir o reparto do poder e darlle un volco ao resultado electoral do 14 M. A pregunta real sería algo como: “¿Considera vostede que só o PP, debe, obviamente por “dereito de familia” e sen alternancia, gobernar España?”

A non aceptación das regras democráticas polo PP, poden acabar danando seriamente a convivencia en España, así como alimentar aos grupos violentos da extrema dereita, que encontran acougo ideolóxico na deriva do trío Rajoy – Acebes – Zaplana.

España merece unha dereita mellor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.