Onte pola mañá escoitaba unha emisora local mentres almorzaba. Falaban dunha nova suposta afrenta do PSOE á comarca de Ferrol. A verdade que eu xa estou canso de escoitar sempre o mesmo. No fondo aproveitan isto para a súa campaña a favor da dereita política ferrolá.
Hai quen leva anos provocando grandes titulares a favor da dereita, que cando entras a ler a letra miúda resulta fume de carozo, e ata poderíamos facer un calendario de noticias que se repiten co paso do tempo. Ao mesmo tempo, sempre que falan dos socialistas todo é negativo. A parcialidade e o tremendismo periodísticos tamén se paga, sobre todo na credibilidade.
Non creo que a noticia sexa tal. Todo vai segundo o guión. Cando foron as últimas mobilizacións de Astano, tiven a ocasión de falar con algún significado dirixente sindical, que non era nin socialista nin da UGT, precisamente. Cando lle falaba sobre as dificultades para a supervivencia do asteleiro de Fene, el daba por feito que xa estaba máis que pechado. Está claro que coa minguada plantilla actual é imposible o seu funcionamento.
O único obxectivo real era ingresar como traballadores de Bazán (hoxe Navantia Ferrol).
Hai tempo que a dereita económica deseñou a fin das grandes empresas públicas, e isto foi asumido por unha parte da esquerda, non só a gobernante. Fundamentalmente, con dous obxectivos: impedi-la resposta da esquerda organizada ao novo deseño neo-liberal que algúns queren para España en liña co que está a pasar en Europa, e de paso, para que algúns empresarios amigos fagan negocio a costa do patrimonio público. De feito, hai quen propón entregar as magníficas instalacións de Astano a empresas, que se por algo se caracterizan é pola súa baixa calidade social, é dicir, precariedade, e máis precariedade.
Estamos pagando aínda a crise sindical que se produce como consecuencia da perda dos referentes ideolóxicos e políticos nos anos oitenta. Houbo quen cambiou o outro mundo que é posible, por cousas moito máis cercanas. Situarse el, á familia, ou simplemente, non traballar á espera da prexubilación.
O 60% da poboación activa de Ferrol é prexubilada. Foi unha conquista dos traballadores, pero a crise de identidade da esquerda fixo que o movemento sindical non fora capaz de impoñer outra dinámica que trouxera a reindustralización. E a reconversión converteuse, simplemente, en sinónimo de desmantelamento.
Os que tiñan claro o camiño a seguir foron marxinados conscientemente, e tiveron que buscar outras formas orixinais de participar na vida social á marxe das estruturas tradicionais.
Sempre hai un camiño, e para a esquerda é aglutinar ao conxunto dos cidadáns nun novo proxecto social e económico, que pasa por esixir o cumprimento da débeda histórica que o Estado e a Xunta teñen con esta comarca. Neste obxectivo a esquerda ou é o motor de cambio ou non haberá saída.
Outra Ferrolterra é posible.